2022/12/25

VISITA Á RESIDENCIA DA 3ª IDADE

 

 COS MAIORES

 Tras a lectura de Arrugas , de PACO ROCA  e  para  rematar o trimestre, o Papalibros Xuvenil  fixo unha visita á residencia de maiores  da vila . Da man de  Ana Parga , a súa directora, puidemos coñecer as súas  instalacións e servizos  e achegarnos  á  vida diaria  dos residentes.

O club de prensa  representado esta vez por Nerea Novo e Lúa Varela realizou unha entrevista moi completa, tanto a Ana coma a algunha residentes e achegounos estas fotografías da visita.

 

 
 
 
 
















2022/11/08

ARRANCA PAPALIBROS 2022-2023

 

Arranca o Papalibros para o alumnado con Chamádeme Simbad, de Francisco Castro (Club Benxamín) e Arrugas, de Paco Roca ( Club Xuvenil), dúas obras que  abordan o mesmo tema: o alzheimer. Porque no mar do esquecemento hai mariños que navegan en  barquiñas de papel  que despois  poden  poñer de monteira. Coma se fose o mundo.

Por iso ninguén  naufraga no olvido  mentres haxa alguén  que nos recorde. Así comezou o noso alumnado esta lectura, adozando un recreo cunha   lambetada  arredor dun faro azul. Case coma no mar.





2022/06/25

DESPEDIDA DO CLUB DE LECTURA PAPALIBROS

Despois de 29 anos no IES de Melide e 12 como coordinadora do Club de lectura Papalibros, chegou o (temido) momento do adeus. Por primeira vez en todo este tempo vou usar este blog, que é case máis un 
diario de profesora, para facer algo pouco habitual, unha despedida moi persoal, que talvez sexa a última entrada deste blog.
Dende que souben, no mes de marzo, que obtivera praza en Compostela no Concurso de traslados; comecei a facer unha conta atrás silenciosa porque non quería prolongar o proceso de despedida. Neste último mes, xa non  puiden ocultar nin disimular a miña marcha.
Estes días estánseme a facer moi difíciles porque me custa asumir que vou deixar un lugar é unhas xentes coas que teño un vínculo emocional tan forte. Teño medo, pánico, de non adaptarme ao meu novo centro, de estar buscando nos meus novos alumnos e compañeiros a miña xente de Melide de toda a vida, de non parar de comparar ou de ter sempre na cabeza frases que empecen "En Melide..."
Estes días son tamén difíciles porque remato as miñas xornadas laborais esgotada emocionalmente por todas as mostras de cariño que estou a recibir. Realmente este cariño percibino sempre, tiven a sorte de querer e sentirme querida por moitos alumnos e alumnas e compañeiros.
Pero de todas as despedidas, as máis especiais son as das persoas coas que compartín club de lectura. Descubro os fíos sutís que nos conectan e a rede que teceron as lecturas que compartimos. Nas nosas xuntanzas falamos de libros, pero sobre todo falamos da vida, que é onde nos leva sempre a literatura. Compartimos infinidade de emocións e sensacións nas nosas xuntanzas e sobre todo, aprendimos moito uns dos outros.
Roubándolle palabras ao poeta, o Club de lectura Papalibros foi para min un marabilloso emporio fenicio no que adquirín fermosas mercancias, nácares e corais, ámbares e ébanos e perfumes deliciosos de todo tipo. Os papalibros agasalláronme abrazos diarios, como os de Xosé Lois, que ademais regaloume un libro diminuto. O meu querido equipo de axudantes, Jorge, Lúa, Eva, Pablo, Xosé Lois e Javier regalároneme o seu tempo, a súa compaña, a súa axuda desinteresada e quitáronme traballo de enriba. Tremérone as pernas cando, ao rematar o recreo do martes, fundímonos todos nun abrazo. Lúa fíxome un debuxo precioso dunha lectora baixo unha árbore enorme, á parte de agasallarme todos os días coa súa mirada.

Podería escribir un post á parte para falar do Club de Adultos. Nunca considerei este club como parte do meu traballo, senón como ocio compartido con iguais, con xente á que me unían moitas afinidades e amistade en moitos casos. Era o club máis numeroso e en moitos momentos rondou as vinte persoas: Ermitas, Maruxa, Isa Villarabide, Isa Gayoso, Gloria, Trini, Luísa, Mari Villarabide, Mercedes, Sonia, Piru, Suso, Mariluz, Pino, Susana Castro, Mari Pardo, Carmen Cardo, Marta, Lola que xa non está con nós... Este último mércores, día habitual das nosas reunións, asistiron case todas/os non só para falar dun libro  marabilloso, Virtudes (e misterios) co seu autor, Xesús Fraga, senón tamén para despedir o noso club como corresponde. Ademais de agasallarme coa súa presenza, que fai que cada xuntanza sexa unha festa, regaláronme un cofre do tesouro cheo de palabras marabillosas... verba volant, scripta manent.

Todos os clubs de lectura, pero en especial o de adultos, fixéronme medrar como persoa e, volvendo ao meu poeta, prosigo a miña viaxe a Ítaca rica con canto gañei no camiño. 



2022/06/23

DESPEDIDA DO CLUB DE ADULTOS CON XESÚS FRAGA

 Onte tivemos a nosa última sesión de Papalibros adultas con Xesús Fraga, arredor do seu libro Virtudes (e misterios). Por ser unha ocasión especial, celebramos esta sesión no restaurante Recuncho do Convento, no centro histórico de Melide, en lugar da nosa biblioteca Xaquín Yebra. e xuntámonos Papalibros de anos atrás e máis xentes de Melide, como o noso poeta Antom Laia, mestre de Xesús en Betanzos.

Virtudes (e misterios), libro multipremiado e un dos máis lidos en galego no que vai de ano, cóntanos, sen elementos de ficción, a historia dunha familia marcada pola emigración. Unha historia de xente humilde que loita por sobrevivir e vivir con dignidade, na que as protagonistas son mulleres afoutas: Virtudes, a avoa, a matricarca que ocupa o centro da portada e do libro, que marcha a Londres e se converte na provedora da familia; a bisavoa Elena, que queda na retagarda coidando as netas; Isabel, a nai, que xunto con súa nai asume o papel de cabeza de familia e, cando é necesario, reúnese xon ela en Londres. Unha historia de homes ausentes, pero tamén de homes bos que aprenden roles diferentes aos que lles ensinaron. 

Xesús falounos do proceso creativo do libro e da súa estrutura. Comeza presentándonos a súa avoa, xa afianzada en Londres, e a si mesmo como adolescente que pasa os veráns con ela. Paseniñamente vai desenvolvendo o nobelo e retrocedemos no tempo a unha Galicia, un Betanzos de postguerra e miseria que obriga ás súas xentes a buscar recursos fóra. A memoria familiar deste relato ten o poder de evocar as propias historias que todos temos de emigración, empatizamos cos personaxes porque vemos neles a membros das nosas propias familias.

Virtudes (e misterios) aborda algo case intrínseco á nosa cultura como é a emigración. É un relato necesario porque dá voz a unha xeración que coa súa capacidade de sacrificio abriu camiños e procurou o progreso e benestar dos que viñemos detrás. É un relato que case ten un cariz épico, porque converte en heroínas a mulleres que non reunían os perfís que ata agora considerabamos "novelables" e que consolida o potencial litetario das vivencias íntimas e da memoria familiar.




2022/06/17

VISITAMOS A LIBRARÍA COUCEIRO EN COMPOSTELA


 Onte, xoves 16, aproveitamos unha viaxe a Compostela para visitar a libraría Couceiro, un establecemento emblemático de Santiago onde descubrimos, que ademais dunha boa colección de libros en galego, hai unha sala para presentacións de libros e un taller de encadernación de libros antigos.

Cando chegamos a praza de Cervantes, aproveitamos a exposición que tiñan de libros de ocasión, para aprovisionarnos de libros a bo prezo, polo xeral edicións antigas. Ao entrar na libraría, Pablo, libreiro habitual, convidounos a subir ao último andar, onde María explicounos o laborioso proceso de encadernación de libros antigos. Un fermoso traballo cento por cento artesanal. 

Fixemos tamén unha fotografía coa magnífica colección de libros antigos, algúns deles restaurados por María.

Ao baixar, Pablo contounos anécdotas da praza de Cervantes, como nela tiveron lugar execucións da Inquisición, que edificios había antigamente ou como era o lugar onde se facían os pregóns e de aí o nome de Preguntoiro dunha das rúas que baixa. Un visita que, sen dúbida repetiremos.



2022/06/08

DESPEDIMOS O CLUB DE LECTURA PINTANDO


 

Hoxe tivemos a despedida de Club de Lectura de Benxamíns e Xuvenís e Club de Ciencias cun xantar compartido a mediodía, como sempre, e cunha invitada moi especial, Nanda Cabaleiro, que foi profesora de debuxo no ciclo de madeira do IES de Melide.

Nanda é unha apaixoada do debuxo e comezou o obradoiro contándonos como comezou a debuxar e todas as cousas boas que o debuxo aporta á súa vida. Forma parte do colectivo Compostela Ilustrada, debuxou xardíns de Compostela xunto con outras tres ilustradoras, creando o libro Natureza no km 0. Ilustrou tamén o libro 7 herbas máxicas, de Rosalía Bermúdez.

Falounos tamén das prantas do seu último libro e das súas propiedades e pasamos xa a acción. Cunhas instrucións básicas, puxémonos a debuxar primeiro a lapis, logo a rotulador e finalmente a acuarela. Nestas dúas horas debuxamos varias plantiñas como romeu ou o ourego.

Finalmente fixémonos fotografías cos nosos debuxos e despedimos o Club de lectura ata o curso que vén.




2022/05/13

EN TERRA RARA, CON XOSÉ DE CEA


O pasado mércores, 4 de maio, tivemos a sorte de ter con nós a Xosé de Cea para comentar a súa última publicación, En terra rara, lectura dos Clubs de benxamíns e xuvenil nestes últimos meses.

O seu argumento resultounos xa atractivo de entrada: Xo, unha moza gandeira de 17 anos, declárase en folga de fame para defender a casa e as terras da súa familia dun proxecto co que unha compaٌñía canadense pretende extraer terras raras, un grupo de minerais moi cotizados polo seu amplo uso en novas tecnoloxías e na mal chamada transicción  verde. A través dos vídeos que colga en Instagram coñeceremos o seu mundo, vemos a súa evolución, e vemos a súa loita contra un Goliat que non só é a compañía mineira, senón os medios, os políticos e ata os seus propios veciños.

Xosé comentounos a xénese do libro, como se lle ocorrera a idea a partir dunha proposta para un guión cinematográfico. Explicounos a imaxe da portada, un debuxo de P. Panduriño a partir dunha fotografía de Asunción das Encrobas, muller que xunto coas súas veciñas se enfrontou á garda civil cando Fenosa quixo construír nas súas terras un encoro en 1977. Descubriunos, tamén, todos os significados que encerra o título: as terras raras que son o reclamo da compañía mineira, a terra rara que pode ser a adolescencia que vive Xo ou o "enterrar á rara" que fai unha comunidade cando alguén se atreve a alzar a voz e a defender algo diferente do diñeiro fácil.

A nós do libro gustounos moito o empoderamento das mulleres, elas son as que moven o mundo: Xo loitando contra un xigante, a súa nai turrando dunha casa e dunha explotación gandeira, Camiño, unha bióloga apaixoada que se adentra no profundo dos bosques para descubrir especies autóctonas a piques de extinguirse ou Antía, a médica que trata a Xo cunha empatía que lle devolve a seguridade.

Ademais, podemos ver En terra rara como unha novela de aprendizaxe. Xo, a punto de cumprir os dezaoito anos, consegue coa súa decisión gañar a maioría de idade, non só física, senón tamén moral. A súa protesta é unha proba iniciática, coma as que en outras sociedades se lles esixía aos varóns para ser admitidos no mundo dos adultos. Xo, ademais de conseguir esa maioría de idade plena, é unha heroína que logra unha fazaña porque consegue un obxectivo, pero que tamén se coñecerá mellor a si mesma e comprederá mellor o mundo no que vive.

Pero por riba de todo, o que nos transmitiu Xosé de Cea é a necesidade de defender a nosa terra da barbarie que pretende destruír o noso enterno por unha présa de cartos, que son pan para hoxe e fame para mañá. A necesidade, tamén, de defender e preservar o noso para non esquecer quen somos.