Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta poesía. Amosar todas as publicacións

2021/03/29

OS PAPALIBROS RECITAN POESÍA

Coincidindo coa chegada da primavera, celebramos o día da poesía o 21 de marzo. Como no IES de Melide son tantas os e as poetas que nos gustaría ler, fixemos recitais nos recreos de toda esta semana de marzo. Limos poesía en galego, en castelán, en inglés, en portugués, en francés, en grego antigo, en rumano e en árabe. Clásicos como Rosalía de Castro ou Celso Emilio, recitáronse xunto con autoras e autores novos como María Lado ou Lucía Aldao. En ligua castelá escoitamos a León Felipe, Gloria Fuertes, Miguel Hernández, Lorca, Octavio Paz o Gilde Biezma...  O alumnado de 2º de BAC de literatura galega do XX incluso compuxo  fermosos caligramas que compartiu con todos nós na biblioteca.

Un dos nosos Papalibros de 2º de ESO, Jesús J. Vicente Peris, fixo un fermoso poemiña sobre a lectura, case a modo de haiku, e compartiuno con todos nós na biblioteca.

O broche de ouro da semana foi o recitado de Os Pinos, o famoso poema de Eduardo Pondal que serviu de letra ao noso himno galego, ao tempo que Lola Corzo o interpretaba en lingua de signos, mentres sonaba a versión interpretada por Lucía Pérez. Pura poesía.


2020/02/26

ENCONTRO CON POETAS DA TERRA MELIDE... E MÁIS ALÁ



A semana pasada no club de adultos tivemos a sorte de contar coa presenza de Antom Laia, poeta melidense, e Teresa Ramiro, poeta da ría do Burgo, para falar dos seus respectivos libros No Cinzel Livre das Securas e Fundido a negro.
O noso encontro foi máis ben un recital poético que arrincou co potente son da buguina que soprou Teresa, introducíndonos de cheo no seu universo poético no que o mar é omnipresente, así arrinca tamén Fundido a negro: "Entre os dedos/ unha espiral de salitre/ na boca/ doídos silencios/ no ar o bruar da buguina".
Evocacións de lugares mariños, infancia e saudade dun pasado, presenza da morte, de sombras... a poesía do cotiá, da vida mesma, o compromiso que impera tamén na poesía de Antom Laia e, común aos dous poemarios, a presenza de mulleres poderosas, empoderadas "E elas, soinhas e balteiras, Marias comunais/de maôs e vigor, escano a escano, tras escano:/ resistirom,/ termaron,/ rebelarom/ para verter nos horizontes-passo a passo-/ umha trave de ouro e dignidade..."
Unha xornada estupenda para o noso club de aldultos, que andaba un pouco falto de poesía.

2019/05/19

COMPARTINDO VERSOS CON LOIS PÉREZ

Grazas a unha iniciativa do ENL, asiduo colaborador baixo a coordinación de Marga Quintela, na nosa sesión do club de adultos do mes de maio gozamos da compaña de Lois Pérez, poeta, cronista, roqueiro, músico, locutor radiofónico... e profesor, que veu paliar un pouco a gran carencia de poesía que padecemos no Club de Adultos.
Se xa a lectura da súa obra Long Play puido deixarnos un tanto desconcertadas porque é un libro que rompe moldes, con banda deseñada, versións de cancións, prosa desternillante... a presencia de Lois acabou de rompernos os esquemas por completo, xa no principio, cando sacou a súa guitarra feita cunha lata de diesel reciclada. É que resultou que o noso convidado tamén é luthier!
Nun escenario moi amañadiño, coa axuda do gran David Canoura, a modo de pub, Lois recitou os seus poemas, cantou, berrou e fíxenos cantar e rir bastante a todas e todos coas súas per-versións de cancións.
E no medio desta sesión tan entretida descubrimos un poeta que combina maxistralmente esa viaxe persoal ao lado escuro, irracional...  co xogo continuo, como o que fai coas iniciais L.P. do título, do seu nome e dunha serie de pintureiros personaxes inventados. Un poeta que é quen de encendernos de paixón en Amar en caso de incendio, arder en caso de amor, de denunciar os desastres da guerra no fermosísimo Berce e área ou de explicarnos a diglosia (Lady Glosia!!) cantando Satisfation. Longa vida a Long Play e longa vida á poesía.

2017/05/11

DESCONHECIDO, CON XIAO BERLAI

O mércores de 10 maio tivemos o pracer de compartir unha sesión de Papalibros con Xiao Berlai e Ernesto G. Torterolo, que nos presentaron Desconhecido, un proxecto no que se unen poesía, música, ilustración e cómic para contar a historia, nas súas propias palabras, dun home descoñecido que eleixiu a soidade ao ser privado do amor da súa vida.
Traballamos con esta obra no club de xuvenil e no de adultos, polo que a nosa reunión foi interxeneracional, como algunha vez anterior. Asistimos máis de 20 persoas, entre as que, ademais dos Papalibros había outras persoas da Terra de Melide, todas fans de Berlai, que puidemos escoitar varias cancións do disco e desfrutar en directo dos debuxos de Ernesto G. Torterolo, que tivo a paciencia de personalizar as ilustracións das dedicatorias.
O máis interesante foi escoitar dos autores o proceso de creación da obra, inspirada nunha historia familiar de Xiao, como primeiro xorde unha canción á que se van unindo outros poemas. A isto se engaden as imaxes como unha necesidade ou desculpa para centrarse na música, para que a historia ocupe toda a nosa atención. Vaise configurando un relato cheo de lirismo que nos entra por todos os sentidos e consegue mergullarnos no mundo dese descoñecido, dese home que escolle a vivir apartado porque non o deixaron elexir a súa vida. Desconhecido, de Berlai

2015/05/08

CARLOS NEGRO DE NOVO EN MELIDE

Outra vez alumnado do IES de Melide, neste caso 3º de ESO, tivo a sorte de volver disfrutar da presenza de Carlos Negro,que desta vez nos presentou o seu poemario de Penúltimas tendencias, sen deixar de redordarnos algún poema de Makinaria. Na actividade actividade estiveron presentes moitas Papalibros, e unha delas, Iria Barreiro, de 3º B, fai esta magnífica crónica da xornada:

O pasado xoves 7 de maio, o escritor galego Carlos Negro (Lalín, 1970) agasallounos aos alumnos e alumnas de terceiro da ESO cunha interesante e divertida charla sobre dous dos seus grandes éxitos na literatura xuvenil: Makinaria e Penúltimas tendencias. Makinaria é un conxunto de poemas que tratan da vida aloucada dos mozos de 18 anos, que soamente pensan en queimar a goma das rodas e sentir a euforia correndo polas súas veas, sen importar o que ninguén lles diga, ata que é demasiado tarde. Con ela, trata de nos facer ver o ridículo da situación para evitar que sexa demasiado tarde tamén para nós. Penúltimas tendencias é tamén un conxunto de poemas que falan da gaiola que atrapa a xente coas súas revistas Super Pop e Megafashion, que nos fan ver que o mundo é rosa, que nos din como debemos ser para poder triunfar na vida…, e con ela o autor quere facernos ver que nós somos únicos na nosa forma de ser, e non como os demais queren que sexamos. Carlos Negro comezou contándonos o conto portugués Unha princesa do pior. Nese momento xa nos deu a amosar unha pequena parte do seu carácter tranquilo e animoso. Continuou falándonos un pouco sobre Makinaria, onde se demostrou que Carlos Negro é unha persoa moi agradable e divertida. Despois de mostrarnos uns coches de xoguete musicais para presentar o argumento de Makinaria, fíxonos rapear un pouco algúns poemas como "Sound Play Session Vol. 1" ou "Nota Necrolóxica", facéndonos tamén pasar un bo anaquiño.
Pero ao que dedicou a maior parte do tempo foi a Penúltimas tendencias. Ensinounos o contido do seu baúl, que contiña os obxectos nos que se inspirara para escribir a súa obra, non sen antes parodialos un pouco. Ensinounos o seu diario de One Direction, ou a súa tétrica boneca Corvo, que a pesar de ter un carácter escuro, ten tamén un corazón moi puro, como nos ensinou Carlos. Despois de mostrarnos que nós eramos únicos ensinándonos o noso reflexo nun espello, agasallounos ademais cunha dedicatoria a aqueles que a quixemos, identificando cun simple saúdo que lle entregabamos, a frase que mellor encaixaba co noso carácter (e sorprendentemente, conseguiuno).
Na miña opinión, ademais de falar claramente e abrirnos a nós un pouco os ollos, Carlos Negro é unha moi boa persoa que nos marcou a todos un sorriso na cara ademais dunha pegada no corazón.

2013/06/01

DESPEDIDA AS ALUMNAS E ALUMNOS DE 2º DE BAC

Este ano o alumnado de 2º de BAC quixo despedirse do centro celebrando unha gran festa de graduación. O club de lectura Papalibros, aínda que non se sumou aos "fastos" do día, quixo aportar algo e facer un pequeno agasallo ao alumnado que marcha, seguindo o seu camiño fóra xa do instituto. E como este foi un ano no que andivemos a voltas coas viaxes, que mellor despedida que A Viaxe a Itaca, de K. Kavafis, ilustrada con algunhas das viaxes das nosas alumnas e alumnos? É unha inciativa que xa fixemos outros anos, pero que este ano ampliamos gustosamente a todo o alumnado. Desexando que o IES de Melie vos ofrecese fermosas mercancías, que a vosa viaxe sexa longa, chea de aventuras e chea de coñecemento. Nos ficamos agradecidos pola parte de camiño que compartimos con vós.

2012/12/13

12/12/12/12

Por fin chegou o día e hora tan esperados e un montón de rapaces, rapazas e profesoras xuntámonos na biblioteca do IES de Melide  para recitar a Celso Emilio, seguindo a convocatoria da Coordinadora Galega de ENDL.
Despois dunha extraordinaria introdución a cargo de Lorena Ambrosio, as alumnas e alumnos de 2º de BAC fixeron un recitado de "Deitado frente ao mar", acompañados por música en directo, interpretada por  tamén alumnas de 2º e 1º de BAC.
A continuación os Papalibros fixeron unha versión hip-hop deste mesmo poema, que conseguiu sonar ben grazas a axuda inestimable de David. Varias Papalibros tiveron a boa idea de aprender o poema de memoria. O resultado foi estupendo e pasámolo ben rapeando, Seguramente volveremos grabalo para poder montar un vídeo en serio.
Este foi o noso xeito de conmemorar o centenario do nacemento de Celso Emilio, poeta comprometido coa lingua, coa xente sinxela e cos que sofren. Foi esta tamén a nosa maneira de reivindicar o dereito á nosa identidade, a educarmos en galego porque queremos, porque nos peta
Aproveitameos tamén esta data redonda para participar nunha lectura de textos clásicos, dentro da convocatoria "yo conozco mi herencia. ¿Y tu?", da que vos damos conta no noso blog Aspasia.

2012/05/31

OS PAPALIBROS CON CARLOS NEGRO

Comer na biblioteca é algo excepcional, un privilexio só reservado aos Papalibros en datas sinaladas. Este mércores pasado foi unha desas ocasións, pois na nosa reunión semanal tivemos un invitado moi especial, o poeta Carlos Negro, que tamén foi profesor de lingua galega neste centro.
Despois de xantar a comida que traíamos da casa ou que nos preparou Xan na cafetería, tratamos de descubrir que é a poesía. Carlos ofreceunos "poesía por un tubo" e coa súa axuda foron xurdindo moitas ideas. Unha das que máis nos gustou foi que a poesía é como o chocolate, pequena, escura e moi doce. Carlos leunos Freederick e Un poema para curar a los peces, contos nos que vimos como a poesía nos pode traer o sola eas cores inverno ou salvarnos de morrer de aburrimento. Tamén limos unas cantos poemas de Makinaria e incluso fixemos un rap, para esconxurar eses momentos de estupidez ou subidas de adrenalina que a algúns lles poden facer perder a vida cando están ao volante dun coche. Pero o mellor de todo foi o agasallo do final, un verso de amor e un sugus para irmos coa doce sensación da poesía na boca. Se queredes unha valoración desta xornada non tedes máis que mirar as nosas caras nas fotos que tedes aquí abaixo.

2011/05/25

MAKINARIA


Esta nova obra de Carlos Negro é "un libro de versos co depósito cheo de gasolina, testosterona e alcol" como aparece na contraportada do libro. O destino é a morte .
Estes versos libres dedicados aos mozos e mozas de Dodro para que cheguen a vellos é un recordatorio para toda a xuventude de que non somos inmortais

This is the end.

Cando veñades rezar,
a me falar en silencio,
a soas coas sombras,
rogaríavos,
se non vos importa,
que non pousedes
derriba do nicho,
flores de plástico.
Non desas flores
que semellan vivas,
mais naceron mortas.
Daríanme frío