Traballamos con esta obra no club de xuvenil e no de adultos, polo que a nosa reunión foi interxeneracional, como algunha vez anterior. Asistimos máis de 20 persoas, entre as que, ademais dos Papalibros había outras persoas da Terra de Melide, todas fans de Berlai, que puidemos escoitar varias cancións do disco e desfrutar en directo dos debuxos de Ernesto G. Torterolo, que tivo a paciencia de personalizar as ilustracións das dedicatorias.
O máis interesante foi escoitar dos autores o proceso de creación da obra, inspirada nunha historia familiar de Xiao, como primeiro xorde unha canción á que se van unindo outros poemas. A isto se engaden as imaxes como unha necesidade ou desculpa para centrarse na música, para que a historia ocupe toda a nosa atención. Vaise configurando un relato cheo de lirismo que nos entra por todos os sentidos e consegue mergullarnos no mundo dese descoñecido, dese home que escolle a vivir apartado porque non o deixaron elexir a súa vida.
