Amosando publicacións coa etiqueta Novela Gráfica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Novela Gráfica. Amosar todas as publicacións

2015/11/06

CREMATORIO E PÍLDORAS AZULES

Se na nosa primeira quedada de outubro dábamos conta das lecturas do verán, entre as que compartimos De ratos e homes, de J. Steinbeck, nesta xuntanza de novembro as Papalibros adultas comentamos os nosos primeros libros deste novo curso escolar, Crematorio, de R. Chirbes, e Píldoras azules, de F. Peeters. 
Eleximos Crematorio como unha pequena homenaxe a Rafael Chirbes, un dos mellores escritores da narrativa española recentemente falecido. A acción arranca coa morte de Matías Bertomeu, militante de esquerdas durante o franquismo que dedicou os últimos anos da súa vida á agricultura ecolóxica en Misent, unha turística vila de Levante facilmente identificable coa Denia natal de Chirbes, pero que podería ser calquera lugar da costa española. Arredor deste protagonista ausente vaise tecendo unha rede de personaxes de amplo espectro social e humano, dende a familia de Matías, de orixe burgués, como o seu irmán Rubén, o constructor sen escrúpulos que se enriqueceu coa especulación urbanística e boom da construción, ou a súa sobriña Silvia, bempensante restauradora de arte, que se sinte máis unida a Matías que ao seu pai, até as mafias rusas cos seus matóns e prostitutas,  e tamén os matóns nativos e/ou homes para todo, que axudan a cimentar a fortuna de Rubén con escuras manobras e negocios. Completan este desfile Santiago Brouard, un escritor acabado, vítima do alchool e as drogas, ou o seu biógrafo e suposto amigo, Juan Muñor, profesor e crítico literario, esposo de Silvia.
A novela ten unha estructura circular, empeza e acaba co monólogo interior de Rubén arredor do corpo de Matías no tanatorio. A este monólogo vanse engadindo distintas voces formando unha rica polifonía da que se vale Chirbes, mediante o dominio maxistral do estilo indirecto e directo libre e o monólogo interior, para denunciar descarnadamente á especulación urbanística e a corrupción en xeral da España de comezos do s. XXI, deixando en evidencia todas as pezas que a conforman. Non se salva ninguén, constructores, políticos, mafiosos, pero tampouco a burguesía acomodada e culta, a xoven esposa oportunista e hortera, o escritor que pode ser cruel coa persoa coa que convive e o atende con devoción, o culto profesor universitario mesquiño ou até o propio Matías, militante de esquerda e ecoloxista, que rouba o terreo, en todos os sentidos, a seu irmán Rubén.
Ao final case acabamos empatizando con Rubén, que a pesares da súa falta de ética e escrúpulos é coherente dalgún xeito, ocupándose dunha familia que lle repocha unha riqueza da que se beneficia. O título, Crematorio, non fai só alusión ao lugar onde o corpo de Matías vai ser incinerado, senón tamén a todo ese mundo que é consumido pola voráxine especulativa e o afán de riqueza.  

Píldoras Azules é un comíc autobiográfico de F. Peeters, que narra o día a día dunha relación de parella no que ela e o seu fillo son seropositivos (e deben tomar esas pilulas azuis ás que alude o título). É unha historia honesta, sinxela e valiente, que mira de fronte a unha enfermidade cruel e estigmatizada que castiga e nos enche de medo co mellor que temos, o amor. En palabras do propio autor, a SIDA afecta ao máis intanxible do ser humano, o amor, creando discapacitados para o amor. Do debuxo de Peeters destacaríamos calidez dos rostros amados nos ollos de Cati e o neno, os elementos máis abstratos do comezo, cando tratar de explicarnos o contaxio do virus no sangue e, especilamente ese toque surrealista co chimpancé branco, que representa o medo, ou o mamut, animal ancestral que dialoga co autor e aconsella "confórmate con apreciar a tempo as cousas que teñen un final".
Despois desta xuntanza conseguimos a nova edición de Píldoras Azules, na que se engade unha pequena secuela que dá conta das vidas dos protagonistas nos últimos trece anos e devorámola sin dilación. Este epilogo redondea aínda máis esta historia, que abre unha porta á esperanza ao tratamentoda SIDA e ao fin da exclusión social que produce a enfermidade sen caer en sentimentalismos ou melodramas.

2015/05/16

AS PAPALIBROS ADULTAS CON MURAKAMI E BLACKSAD

Aínda que este curso non fixemos moita publicidade, as xuntanzas do club de adultos seguen vento en popa. Seguimos xuntándonos un mércores ao mes cun par de lecturas: unha novela e un cómic.
Así levados lido dende que comezou o curso os seguintes títulos: La mujer habitada de G. Belli, Barrio Lejano de Taniguchi, La acabadora de M. Murgia, Los combates cotidianos de M. Larcenet, Memorias de la niña mala de M. Vargas Llosa, Watchmen de A.Moore & D. Gibbons, O sentido dun final de J. Barnes e Carta a una desconocida de S. Zweig. 

Nesta última xuntanza demos conta de Tokio Blues, de H. Murakami, e do primeiro volume de Blacksad, de Guarnido & Díaz Canales. Murakami forma parte dese intento que facemos as Papalibros de achegarnos a outras literaturas e resultounos sorprendente o protagonismo deses mozos tan libres e independentes nun Tokio de finais dos anos 60 occidentalizado ao que chegan os ecos do maio do 68. O protagonista, Toru Watanabe, un mozo marcado polo suicidio do seu único amigo, comeza os seus estudos universitarios e debe enfrontarse á vida en medio da soidade e a inseguride propia da súa idade. Descubrirá o amor, pero un amor que conleva dor, e buscará con ansia a amizade. Chama a atención a ausencia da figura paterna ou de outras persoas maduras e adultas que o acompañen nesa transición a idade adulta á que chega a través da superación da dor e coa axuda dos seus iguais, que tamén sufriron como el.  

Blacksad é case un clásico que tiñamos na lista de lecturas pendendentes. É máis que comprensible que recibise tantos premios, pois o primeiro que chama a atención neste cómic de xénero negro é o extraordinario debuxo de Guarnido. Os zoormorfos, posible influencia de Disney, para a que traballa Guarnido, e/ou de Maus, son a esencia da narración, non é necesario describir ao noso protagonista que é un elegante e guapetón gato, ou a un empresario que é un sapo, un réptil que é asasino a soldo ou unha amante que é unha linda gatiña moi humanizada. Os planos son maxistrais, non nos estraña que o noso antigo e admirado compañeiro Xosé Tomás o utilizase como modelo para explicar as entrañas do cómic ao alumnado. Pero ademais dos personaxes, outra das cousas estupendas de Blacksad son os escenarios xenuínos que recrea nesa Norteamérica dos anos cincuenta: as mafias, o racismo, a caza de bruxas, os cálidos ambientes de Nova Orleans ou da Ruta 66, na que non faltan os beatniks facendo a súa particular "On the road". O certo é que algunhas non poidemos conternos e limos todos os demais volumes.

Pero se as nosas lecturas van por bo camiño, a parte gastronómica non queda atrás. Velaí a estrela do noso club de gourmets, o delicioso pan que fai Maruxa no seu forno de leña, desta vez con forma de corazón, todo un luxo.

2014/05/21

CONTRATO CON DIOS

Como lecturas do mes de abril no club de adultos escollemos La vida ante si (La vie devant soi, na versión francesa que algunha lectora se atreveu a ler) de R. Gary e Contrato con Dios, a novela gráfica de W. Eisner. Sería imposible falar aquí dos dous libros como merecen, pois a nosa hora e media de reunión fíxosenos curta.
La vida ante si é unha novela ambientada nunha banlieue de Paris nos anos 50, onde Momó, o protagonista, narra a súa infancia e incipiente adolescencia na casa da señora Rosa, unha antiga madame xudea que malvivía criando aos fillos das prostitutas. O ton narrativo é unha mestura de inxenuidade e clarividencia, de ternura e dureza que fan da novela un relato agridoce cheo de frases maxistrais que ben poderían convertilo nun compendio de citas.

Contrato con dios, na edición de Norma editorial, é unha triloxía de W. Eisner, que ademais da obra do mesmo título, abarca Ansia de vivir e La avenida Dropsie. O fío conductor das tres parte é a Avenida Dropsie, unha rúa de New York testimuña da historia e da evolución da cidade. Nela vanse asentando por quendas emigrantes de distintas procedencias: holandeses, ingleses, irlandeses, alemáns, italianos, xudeus, hispanos, negros e por último xitanos... todos eles "opóñense ao que chega". Aínda que a auténtica protagonista é a rúa, hai historias maxistrais como a de Jacob, que comeza envexando a unha cascuda porque ela non ten a necesidade de responder á pregunta "para que vivimos?", abóndalle coa súa ansia de vivir para sobrevivir. Coincidimos con R. Crumb en considerar esta segunda parte da triloxía, Ansia de vivir, coma unha obra mestra.
Ademais do seu contido literario e artístico, esta triloxía dá conta dos principais acontementos que marcaron a historia de EEU do s. XX, e en particular aqueles relacionados co pobo xudeu, polo que se convirte nunha amena e acertada crónica da historia recente norteamericana.

2014/03/21

LOS IGNORANTES, A COMPLICIDADE ENTRE O COMIC E A CULTURA DO VIÑO

No club de lectura de adultas/os seguimos a nosa fructífera inmersión no mundo do cómic. Nesta ocasión limos Los ignorantes, o último álbum de E. Davodeau, que da conta do ano que pasou o autor xunto co seu amigo viticultor Richard Leroy. Unha convivencia de dous expertos no seu facer, cómic e viño respectivamente, pero tamén ignorantes no campo do outro no que se irán iniciando coa mutua axuda. Xurde entón unha fermosa metáfora ao comparar o proceso de produción do viño, co proceso de creación dun libro. Cando Étienne aprende a podar, Richard comeza a ler os seus primeiros cómic e sen querer as lectoras/es imos iniciándonos nos dous campos.
A par que degustamos virtualmente a bodega de Richard e vemos os progresos no bacelo van desfilando ante nós grandes autores de cómic, na súa maioría franceses, como Gibrat, Moebius, Juillard, Trondheim... e grandes obras como Maus ou Watchmen. Davodeau escolle os tons grises e ocres para a súa historia, pero non por elo a imaxe perde luminosidade ou matices, quedando perfectamente perfilado o cambio das estacións ou a evolución dos personaxes. Magníficos os listados finais de comics lidos e viños "bebidos", a modo de memoria deste proceso de iniciación. Sinal de que o libro cumpriu o seu cometido é que algunhas lectoras sucumbimos as citas doutros comics, a modo das miguiñas de pan sinalando o camiño, e limos outros títulos como El Fotógrafo, de D. Lefèvre, seguindo a pista dalgúns personaxes do libro.
E para ambientar o noso encontro no club de lectura de adultos, que mellor que que unha boa degustación de viño de Monterrei e viandas da Terra de Melide.

2013/12/16

SESIÓN INTERXENERACIONAL

Este é o aspecto da nosa última sesión deste ano 2013: nais, pais, alumnas, profes e unha antiga alumna do centro que está a facer o seu máster no IES de Melide, para poder ser tamén profesora (se a crise non o impide...) Como soe acontecer os primeiros mércores de mes, o club de adultos reuniuse na biblioteca á hora da merenda do mércores 4 de decembro. Os libros dos que nos ocupamos nesta sesión eran, Patrimonio, una historia verdadera, de Ph. Roth e a novela gráfica Maus, de Art Spiegelman. Esta última ven sendo xa un clásico no noso club de lectura, como podedes ver noutras entradas deste blog.
En todas as ocasións, contamos co apoio da Rede de Bibliotecas públicas galegas, que nos facilitaron unha chea de exemplares para que todas e todos puidésemos ler o libro a un tempo. Así ao tempo que se lía Maus no club de adultos, as nosas fieis lectoras de 2º ciclo de ESO facían outro tanto. Que mellor, entón, que facer unha sesión mixta?.
Acompañad@s de café e pastas, cos Papalibros non pode ser doutro xeito, demos conta unha vez máis deste clásico do cómic, premio Pulitzer en 1992, pioneiro dunha nova vía na novela gráfica contemporánea con base histórica e autobiográfica, fronte a vía de superheroes, tipo Watchmen, ou costumbrista de w. Eisner. Está claro que o holocausto é un tema ben documentado e inesgotable, que nos deu pé a falar doutros libros e películas. Maus non só nos conta a Historia, senón tamén esta outra historia con minúscula, a historia dos homes e mulleres que refiren os seus sufrimentos en primeira persoa. Sufrimentos que van máis alá das víctimas e son herdados por unha segunda xeración que non se cre con dereito a levar unha vida tan fácil, como é o caso do autor, Art Spiegelman, que decide contar a historia do seu pai non só para preservar á súa memoria, senón como purga dun pasado poboado de mortos. Temos, entón dúas liñas temporais: a historia de supervivencia de Vladeck (a Historia) e convivencia de Archy (Art Spiegleman)co seu pai e o seu pasado familiar.
As nosas Papalibros vanse facendo unhas expertas en cómic e empezan a apreciar detalles como fondos, texturas, tipos de viñetas, ou o espléndido uso de animais antropomórficos que representan unha etnia ou país. Certo que a nosa hora e media pasou voando e teremos que deixar o estupen libro de Roth, Patrimonio, una historia verdadera, para o novo ano.
E aproveitamos a ocasión para desexarvos un feliz nadal cheo de boas lecturas, e un aninovo aínda mellor. Non esquezades provervos de fondos na nosa biblioteca, imprescindibles para pasar o inverno.

2013/03/13

XUDEUS SUPERVIVENTES AO HOLOCAUSTO

Nesta segunda semana de marzo tiveron lugar na biblioteca do IES de Melide as charlas tituladas “Xudeus superviventes ao holocausto”, impartidas por Ashley Lauber, a nosa lectora de inglés, de nacionalidade estadounidense, descedente de xudeus polacos que emigraron aos EEUU despois da segunda guerra mundial. A casualiade levounos a descubrir que os seus catro avós eran superviventes de Auschwitzc-Birkenau, un dos máis tristemente famosos campos de exterminio nazis. Ashley tivo a xenerosidade de compartir con nós unha parte importante do pasado da súa familia e do seu propio pasado, de amosarnos as feridas aínda abertas nas persoas próximas ao seu entorno. Esta actividade xurdiu a raíz dunha das nosas lecturas de Papalibros, Maus, xa convertida nun clásico da novela gráfica. Ashley compartiu con nós esa lectura. Entre todos fumos descubrindo como a traxectoria do protagonista, Vladeck Spiegelman, pai do autor, foi moi parecida á dos avós de Ashley: familias xudías polacas de clase media que foron obrigadas a vivir en guetos e máis tarde levadas aos campos da morte. Ao final da guerra, coa liberación dos campos, os poucos que lograron sobrevivir non conseguiron vivir de novo naqueles países nos que antes tiveron os seus fogares e que en certa medida permitiron ou se beneficiaron das expropiacións dos xudeus e do propio holocausto. A lectura de Maus encaixa perfectamente no tema monográfico de traballo da biblioteca para este curso: "A viaxe e a migración, entre o descubrimento e a necesidade". As viaxes dos xudeus aos campos da morte foron auténticas viaxes aos infernos, a catábase da antiga Grecia, un contacto directo co máis absoluto dos horrores, do sufrimento e da morte que transformou profundamente, cando non destruíu, a vida de millóns de persoas. Os superviventes logo tiveron que emprender unha segunda viaxe, enteiramente necesaria, para atopar o fogar e o medio de vida que lles fora negado. Ashley non puido reunir tantos datos precisos e concretos como o Art Spiegelman, o autor de Maus, pero o seu relato tivo a forza do directo e da narración en primeira persoa. Tal como confesou, se non fose polas preguntas dos Papalibros non tería falado de todo isto coa súa nai e seguiría sen coñecer unha parte da súa propia historia. Pero coñecedora deste pasado e sen perder a memoria, Ashley decidiu dar un paso adiante e non vivir como vítima. Con este pequeno artigo queremos animar aos Papalibros a recuperar a memoria da súa familia e agradecer de novo a Ashley o tela compartido con nós.

2012/10/29

MAUS DE NOVO


No grupo dos luns, 2º ciclo de ESO e BAC, comezamos a ler Maus, a coñecida novela gráfica de Art Spiegelman. Tal como relatamos aquí noutros posts, esta obra, subtitulada Historia dun supervivente, está baseada nunha historia real: a vida de Vladeck Spiegelman, pai do autor, quen sobreviveu o campo de exterminio de Auschwitz. Pero o pasado de Vladeck non é a única historia do libro. O autor cóntanos coa palabra e o debuxo o proceso de creación da obra, a difícil relación co seu pai e  a convivencia coas pantamas familiares, o irmán maior morto no holocausto a nai.
Encadramos esta lectura dentro do tema monográfico no que traballaremos este ano dende a biblioteca: A Viaxe e a Migración, entre o descubrimento e a necesidade. O desprazamento forzoso de miles persoas nas guerras e en concreto, de millóns de xudeus aos campos de exterminio pode considerarse unha auténtica viaxe aos infernos, a catábase da que falaban os clásicos. Poucos eran os mortais que podían facer esta viaxe de volta e viñan transformados polo coñecemento do alén e dos sufrimentos que alí toparan.
Ademais da trama interesante desta novela, na lectura transcende a necesidade do autor de escoitar a Historia (con maiúscula) contada polo pai, de recoller a súa testemuña e transmitila. Podemos entender realmente quen somos si descoñecemos o noso pasadao?
Se, queres, aínda estás a tempo de apuntarte a ler con nós Maus, búscanos pola biblioteca.

2012/06/10

SOY UNA MATAGIGANTES

Estes días estamos a ler o cómic Soy una Matagigantes, de J. Kelly e J.M. Ken Niimura, tanto os papalibros dos luns como os dos mércores, porque este é unha obra para todos os públicos. De entrada non parece unha obra fácil. A protagonista é unha nena diferente, con orellas de coello que ás veces cambian a orellas de rato, cornos... le libros raros, de superheroes e xigantes e ela mesma é considerada rara no seu colexio, no que non parece atoparse moi a gusto. Ela é unha mataxigantes e para tal misión garda no seu bolso un martelo, invoca aos poderes de terra e coloca trampas na praia. Bárbara non se sinte comprendida no mundo que a rodea e tampouco se esforza moito por comprender aos outros, polo que crea o seu propio mundo de criaturas fantásticas coas que dialoga. É unha rapaza valiente, di o que pensa na escola diante de profesores, o director, a piscóloga... e é capaz de desafiar a matona do colexio. Sen embargo, cando entra na súa casa ten un medo atroz... algo terrorífico hai no piso de arriba que fai que vaia correndo a esconderse no seu recuncho favorito... E aquí quedamos na última reunión. Algunhas Papalibros non puideron aturar e xa remataron a lectura na casa, pero como nestas datas hai moito que estudar, a maioría dos Papalibros deixou a Bárbara, a protagonista, amendrentada no piso de abaixo. Pero que pasa arriba? estarán alí os monstros e xigantes tan temidos?

2011/11/16

Comezamos as nosas reunións


Retomamos as nosas sesións de mediodía disfrutando dunhas riquísimas pizzas, made en Melide, e de algo todavía mellor, comida caseira, ademais das nosas lecturas, que tamén alimentan.

Este curso comezamos con banda deseñada, Nómades, a última obra de Xosé Tomás, que ven de presentar en Melide. Para nós é un libro moi especial, porque o seu autor é profe no noso centro e esta circunstancia permítenos coñecer mellor o proceso creativo, detalles e secretos da xestación da obra e, en definitiva esa delicada relación entre creador e creación.

Nómades cóntanos historias de mulleres que teñen que viaxar para sobrevivir. Mulleres que enfrontan o día a día nun lugar que as etiqueta como estranxeiras ou emigrantes, historias de loita e superación persoal que deixan aberta a porta a esperanza, como a historia de Nawal, que é quen de “salvarse” a si mesma e aos seus amigos porque o seu forte é a carreira.

Os debuxos, ademais dunha gran beleza, teñen unha gran forza narrativa, dando conta de detalles sutís e imprescincibles para entender unha historia. O guión, centrado sobre todo no diálogo ou no monólogo interior completa e comenta as imaxes. O resultado é unha fermosa obra e un bocado exquisito para o padal de calquer Papalibros.

2011/11/02

ÚLTIMAS NOVIDADES

Aínda que non pasamos polo blog ata agora, este ano o club de lectura arrincou con forza. De momento temos 65 Papalibros en nómina e sabemos que aínda faltan por apuntarse algúns incondicionais. O grupo máis abundante é o de 1º Ciclo de ESO, como non podía ser de outro xeito. Os rapaces e rapazas de 1º e 2º de ESO son os máis asiduos visitantes da Biblioteca, pero tamén temos un nutrido grupo en 3º e 4º de ESO, uns cantos Papalibros decididos a compartir o xantar ou mediodía dos luns e algúns Bookbusters, que sen dúbida medarán en cantidade.
E para recibir aos nosos lectores, que mellor que libros frescos, recén saídos. Velaí uns cantos títulos en banda deseñada que acabamos de adquirir: máis volumes Bone, clásicos como Mafalda ou Todo 36-39 malos tiempos de Giménez,  V de Vendetta de A. Moore, novidades editoriais como Habibi, de C. Thompson, ou autor de Blankets que tanto gustou o ano pasado, Haarman, el carnicero de Hannover, The Beats, biografía das figuras máis relevanes da xeración beats; unha revisión dos mitos gregos en Greek Street; cómics en galego como Causas Nobres de F. Bueno, cunha fermosísima dedicatoria aos Papalibros, A man do Diaño de Brais Rodríguez, Cabana de Baleeiros de Tokyo... e non podía faltar Nómades, a última entrega de Xosé Tomás, profe neste centro, que nos relata historias de mulleres emigrantes.

Tamén en literatura xuvenil temos algunhas novidades: Os dous primeiros volumes de Crónicas del Reino de la Fantasía, a nova serie de Gerónimo Stilton, Las aventuras de Ulises, tamén de G. Stilton; Reckless, a última triloxía de Cornelia Funke, o primeiro volume de Ulysses Moore, El valle de los Lobos de Laura Gallego, Caperucita Roja. ¿A quien tienes miedo?, La Aventuras de Tintin, la novela, Emily, The strange; El diario de Sofia, libros sobre gladiadores romanos...
E para os maiores, Muerte en Estambul e a recén publicada Con el agua al cuello, as novelas policíacas que nos faltaban de Petros Márkaris, que ven de gañar o VII premio Pepe Carvalho. Mal de pedra, unha interesante novela da escritora sarda Milena Agus ou Fransknstein ou novo Prometeo son algunhas das novidades que atoparás si ves a biblioteca.

2011/05/28

UN PERCORRIDO POLA HISTORIA DA BANDA DESEÑADA

O pasado mércores 25 de maio tivemos a sorte de ter na nosa biblioteca a un especialista en banda deseñada: José Barreiro (Pío para os amigos), fundador da librería Kómic de Santiago e, sobre todo, un gran lector e amante dos tebeos. A esta charla asistiron moitos Papalibros, que durante este curso leron unhas cantas novelas gráficas.
Na charla fiexemos un percorrido pola historia da banda deseñada, usando o material que amablemente compartiu con nós a Biblioteca do CPI don Aurelio. Pío explicounos como dende os comezos da humanidade o home sempre recurriu á imaxe para contar historias, empezando polas pinturas rupestres ou a escritura xeroglífica exipcia. Estas imaxes moitas veces tiñan auténtica forma de banda deseñada, o friso e as metopas do Partenón, ou a columna Traxana poderían ser algúns exemplos. Pero a banda deseñada como xénero xurde co século XX e ata os nosos días foi gañando recoñecemento ata ser considerado coma unha expresión artística máis, liberándose dese carácter secundario e marxinal que o rodeaba.
Moitos dos titulos destacados (Maus, Contrato con Dios, Watchmen...)  están na nosa biblioteca, polo que poidemos ver mellor os debuxos e contido. Algúns asistentes recoñeceron na presentación libros que tiñan na súa casa por ser lecturas dos seus pais: Esther, Corto Maltés, Tintín, Asterix.... ou, como non, Mortadelo e Filemón.
Rematamos vendo as últimas novidades no cómic español e galego: El Arte de Volar, El invierno del dibujante ou El Héroe de D. Rubín, que son as últimas adquisicións da nosa biblioteca.
Pero ademais desta valiosa información, ben ordeada e resumida, Pío transmitiunos algo máis importante na súa charla: as ganas de ler todas esas historias debuxadas e escritas das que nos falaba e a importancia de poder disfrutar coa arte, tanto como espectadores coma creadores. Si, coma creadores porque algúns dos rapaces e rapazas presentes poden ser futuros debuxantes, escritores, contadores de historias...
Quedounos pouco tempo para conversar, pero o resultado foi bo: unhas cantas persoas levaron en préstamo cómics para devorar no fin de semana coma auténticos Papalibros.

2011/05/27

Despedindo Papalibros con El Arte de volar

Un bo remate para as nosas reunións do club de lectura foi este xantar frugal á sombra dunha arbore no xardinciño do noso IES de Melide falando dun libro estupendo: El Arte de volar, novela gráfica con guión de A. Altarribia e debuxos de Kim, editado en Edicións de Ponent.
El Arte de volar cóntanos a historia do pai do guionista, Antonio Altarriba López, un home de orixe humilde que viviu casi todo o século XX nunha España marcada pola Guerra Civil. Esta é unha historia de perdedores, como a de moitos españois que sin terra e sin traballo vislumbraron na II República unha esperanza pola que loitar. Antonio Altarriba tentou voar toda a súa vida, pero só o conseguiu cando se tirou da cuarta planta dun xeriátrico aos noventa anos. A partir deste feito imos reconstruíndo a súa vida da man do seu fillo, seguindo a traxectoria da caída: 3ª planta, 2ª planta... ata chegar ao chan.
Ademais de ser unha espléndida crónica da historia española do s. XX, o libro ven sendo unha radiografía social narrada con exquistez e sutileza en viñetas como aquelas que nos describen a pobreza e mesquindade da vida rural no pobo de Peñaflor, en Aragón, a principios de século, o desalentador exilio en Francia, a miseria moral do franquismo...
O impecable guión de Altarriba está ilustrado cos debuxos de Kim (Joaquim Aubert i Puig-Arnau), coñecido debuxante del El Jueves con series como "Martínez, el Facha" ou personaxes coma Makoki. Nesta obra Kim desenvolve todas as súas posiblidades gráficas, moito maís alá das súas anteriores series plasmando todo tipo de sentimentos, pero sobre a mediocridade dominante na sociedade española. Son impresionates as viñetas que describen escenas oníricas como a da aguia imperial que arrinca os ollos de Antonio ou os animais e alimañas que o visitan e carcomen ao final da súa vida.
Pero El Arte de volar é un libro imprescindible porque é moito máis que unha historia da Guerra Civil ou do s. XX español. É unha historia dolorosa dun fillo que se encarna nun pai para poder asimilar mellor o seu sufrimento e asumir así a súa perda: "Yo sí se como lo hizo (o suicidio)...soy el único que puede saber como lo hizo, porque, aunque no estaba allí, estaba en él... Siempre he estado en él porque un padre está hecho de sus hijos posibles y yo soy el único hijo que le fue posible a mi padre".

2011/02/24

BLANKETS

Blankets é o último título que acabamos de ler os Papalibros. Trátase dunha novela gráfica con guión e debuxo de Craig Thompson, publicado en Astiberri no 2004. É unha historia autobiográfica onde o autor revive a súa infancia e adolescencia nun pobo do estado de Wisconsin (USA). No relato das súas experiencias persoais o protagonista descúbrenos un pai autoritario pertencente á igrexa evanxelista, a relación co seu irmán menor, a presenza constante e opresiva da relixión, o sentimento de marxinación e aillamento na escola..., pero sobre todo o primeiro amor con Rania, que marca un antes e un despois na súa maduración persoal. Seguimos a súa evolución nun interesante xogo temporal, onde Craig vai tirando do fío do pasado a medida que vai sendo capaz de asimilalo.
O debuxo de Thompson, entre o realismo e o onírico, contribúe en gran medida a que o producto final sexa unha obra de gran beleza cun marcado ton intimista. Outro elemento narrativo importante son variedade de recursos usados nas viñetas: os diferentes trazos dos marcos (groso e pouco definido para os malos recordos, falta de marco no que quere resaltar...), o tratamento dos diferentes planos, os bocadillos dentro de bocadillos...
Despois de ler a obra podemos sacar algunha conclusión sobre a ambigüidade do título. "Blankets" significa manto, cobertor; que pode referise tanto ao manto de neve omnipresente que tapa todas as imperfeccións, como ao cobertor confecccionado por Rania, único recordo que conserva dela o protagonista.
A lectura desta novela gráfica enganchou a moitos Papalibros e abriu as portas do mundo do cómic a algún reticente que aínda quedaba. Compartimos varias comidas na aula 106 comentando os debuxos de Craig, a súa vida, os seus problemas... e moitas veces acabamos falando da nosa propia infancia ou adolescencia, en moitos casos non tan diferente da do protagonista. O libro deunos pé para falar de relixión, acoso, discapacitados...e ata de Platón e outras referencias clásicas presentes no libro.

2008/05/22

Maus

Maus é a historia dun sobrevivente de Auschwitz, Vladek Spiegelman, narrada polo seu fillo Art (Art Spiegelman é o nome do autor do libro). Os xudeus aparecen representados coma ratos, e os nazis, loxicamente, coma gatos. O autor sueco trascende a historia do holocausto para centrarse principalmente na psicoloxía do sobrevivente, coa intención de resolver a maraña da súa relación paterno.filial, da sombra dunha nai suicida, e do fantasma dun irmán santificado ao que nunca coñeceu. Esta obra, que aborda unha traxedia co desparpaxo da liña europea clara, sinxela e sen engadidos innecesarios, foi a única en banda deseñada que recibiu un premio Pulitzer (en 1992), unha beca da Fundación Guggenheim, e deu lugar a unha exposición no Museo de Arte Moderno de Nova York. Para interese dos comiqueiros da terra, Francesc Capdevila, Max, primeiro Premio Nacional de Cómic, mercou os dereitos para a edición en catalán, galego e éuscaro. Iso quere dicir que o cómic chegará ás librerías na nosa lingua da man de Inrevés Ediciones.