2015/04/26

As Papalibros encadernan

Este ano a celebración do Día do Libro estivo marcada por actos que tiñan en común o fía condutor do Homo Habilis, o noso tema de traballo deste curso. Entre as moitas actividade que se realizaron: abecedariso baleiros e sistemas de numeración en 1º de ESO, sistemas de escritura e soportes en 2º, tipos de abecedarios na aula específica, linguaxe de signos, historia da notación musical... que podedes ver nesta ligazón e nesta outra Aquí vos amosamos un obradorio de encadernación no que participaron moitas/os Papalibros. Esta actividade estivo a cargo de AFEXDI, asociación dedicada á integración socio-laboral das persoas con minusvalidez intelectual a través do desenvolvemento do seu propio traballo. Grazas a eles puidemos coñecer o proceso de encadernación dun libro.
 
E aquí vos amosamos algunha das marabillas que fixo Loli Vázquez, a nosa coordinadora de biblioteca, utilizando libros reciclados, Parabéns, artista!

2015/04/17

INSURXENTE NO CINE

Se hai uns meses íamos ver Sinsajo, terceira parte de Os Xogos da Fame, nesta ocasión tocoulle a outra triloxía non menos famosa, Diverxente coa súa segunda entrega Insurxente. Hai unha serie de cousas en común entre ambas series, á parte de ser existosas superventas escritas por mulleres, tamén son mulleres as heroínas protagonistas. Ambas son novelas distópicas ambientadas nun futuro postapocalíptico, amósannos unha sociedade que malvive nos restos da nosa civilización, devastada por unha gran guerra. En ambas a sociedade sufre un goberno opresor e totalitario que decide por elas e distribúe a riqueza e os recursos de forma arbitraria. En ambas hai rebeldia e inconformismo liderado por mulleres.

En Diverxente amósasenos unha sociedade dividida en faccións que, á parte levar asociadas unhas virtudes, desempeñan determinados roles a modo dos antigos estamentos medievais: Verdade ocúpase da xustiza, Cordialidade da agricultura e sector primario, Abnegación fai traballos comunitarios máis ben do sector secundario, Osadía encárgase da orde pública e Erudición do sector servizos. E todo estaría moi controlado se non fose porque hai unha serie de individuos que non encaixan en ningunha ou ou fan en varias á vez, estes son os diverxentes, como a nosa protagonista Betrice Prior, Tris. En Insurxente, a nosa heroína ten que superar a perda dos seus pais, ocurrida na primeira parte, e enfrontarase á Erudición, a responsable destas mortes e facción dominante.
Aínda que o final non nos deixou tan en vilo como Sinsajo, a aparición dun novo personaxe, a intrigante nai de Cuatro, o heroe consorte, dará paso a novos acontecementos, que veremos en próximas entregas.