A pesar da súa miseria, Ticho cría nos contos de fadas. Decotío, a esperanza dos pobres ten forma de milagre, de maná caído do ceo, de fada madriña que che vén sacar das leas a golpe de variña máixica. Así e todo, crendo como cría nos contos de fadas, Ticho quedou de pedra cando topou cun trasno na mina de carbón na que traballaba.
Así comeza Revolución Detrito, a última novela de Xosé de Cea, escritor melidense con quen tivemos a sorte de compartir a nosa última sesión de club de lectura.
Revolución Detrito, que pode ser clasificada como novela distópica, discorre na República de Ocidia, un estado totalitario que recorda a demasiadas dictaduras dos nosos tempos, gobernada con man de ferro, após dun golpe de estado, por un dictador de nome rimbombante alcumado Napialatón, que tamén nos resulta extremadamente familiar. A descrición do aparato e mecanismos de poder son un déjà vu, fascismo fachendoso, ignorancia, incompetencia e cinismo. Un mundo desigual que aboca á miseria á maior parte da sociedade, un mundo do revés onde os nenos teñen que traballar para manter á súa familia. Ticho é un destes nenos que dende os oito anos deslómbase nunha mina xunto coa súa irmá Area, que traballa nun vertedoiro. O seu pai, Papá Dimas, quedou eivado sen atención de ningún tipo e súa nai, mamá Melba, supostamente emigrou para mellorar as súas vidas.
Pero o que a nós pode parecernos unha distopía é unha realidade en moitas partes do mundo. Xosé veu provisto de fotos de nenos traballando en minas e vertedoiros que poderían ser ilustracións da novela. Sen ir máis lonxe foi unha realidade no noso país até hai ben pouco. O dedicatario do libro é o pai do autor "que, con trece anos, xa traballaba picando pedra nunha canteira... tres pesetas á hora, oito horas ao día, mellor que coidar ovellas...".
O único xeito de saír deste pesadelo vai ser unha revolución artellada na clandestinidade polos disidentes do réxime e Ticho e Area, sen sabelo, van xogar un papel fundamental. O encontro de Ticho con ese trasno que se anunciaba no comezo marcará un punto de inflexión nas súas vidas. A revolución fará caer o réxime e traerá a xustiza, pero terá un alto prezo para Ticho e Area. Non é un conto de fadas perfecto.
Sen ser un conto marabilloso, esta lectura amósamos que ás veces as revolucións só son posible se cremos na maxia, se loitamos contra o imposible. Ticho é o elixido precisamente por crer nos contos marabillosos.
A hora e pico que puidemos estar con Xosé de Cea pasou voando. Non podemos facer outra cousa que recomendar este libro que, aínda que estea editado na serie xuvenil de Xerais Fóra de Xogo, parécenos moi acaído para lectoras e lectores de todas as idades. Con razón esta novela resultou finalista do XII Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil. Parabéns, Xosé, e agardamos con ansia unha nova obra.