2020/10/26

AS PAPALIBROS ADULTAS TAMÉN VOLTAMOS!

 O mércores 21 de outubro tamén foi o día no que o club de adultos reanudou a súa actividade. Debido as condicións sanitarias tamén tivemos que facer dúas quendas no club de adultos, porque somos un grupo numeroso que supera as 20 persoas. A seguinte quenda de xuntanza, que tería lugar o luns 26 de outubro na non puido levarse a cabo por orde da inspección educativa, tal como explicamos máis abaixo.

Aproveitamos o verán para ler a Blanco Amor, Xente ao Lonxe e A Esmorga, que eran obras fáciles de conseguir para case todas as papalibros adultas en tempos de semiconfinamento. Nesta única sesión que poidemos celebrar con dez persoas contamos tamén coa compaña de Paco Veiga, que nos aportou datos interesantes que nos axudaron a enteder  mellor a obra de Blanco Amor.

Ambas obras desenvólvense na Auria de principios de século XX, o Ourense natal de Blanco Amor. Resulta abraiante o coñecemento exhaustivo da vila e da lingua das clases populares que amosa na Esmorga para unha persoa que levaba tantos anos na Arxentina afastado do seu país. Cibrán o Castizo narra ante un xuíz unha xornada de troula na compaña de Xan, o Bocas, e Aladio, o Milhomes, que como na traxedia grega vai reunindo todos os ingredientes para un final fatídico. Os personaxes van facendo a súa odisea polas rúas e tabernas de Auria baixo unha choiva persistente que non dá opción a que os personaxes escapen que da fatalidade, que culmina no Campo das Bestas, o basureiro da cidade, a modo de descenso aos infernos, lugar común da literatura clásica. Un relato cunha importante carga de crítica social, de denuncia dos abusos das forzas da orde, da inutilidade da xustiza, da prepotencia das clases poderosas e unha chamada de atención a diferente condición sexual de algúns, construído cunha técnica narrativa innovadora e revolucionaria no seu momento.

Xente o lonxe ofrécenos unha visión coral do Ourense de principios de século no contexto da loita do movemento obreiro. Entre os personaxes destaca como líder natural Aser, o loitador xusto, coherente e honesto, que se entrega á causa obreira, o pai do narrador, pero son realmente as mulleres os personaxes máis completos e os que moven a acción, como Evanxelina, filla de Aser, herdará os seus ideais e continuará a súa loita ou a señora Andrea, un misterioso e case máxico personaxe é quen de axudar outras mulleres sacundido o poder patriarcal e facendo xustiza á súa maneira. A diferenza dos personaxes da Esmorga, os personaxes de Xente a o lonxe son quen de construír un futuro xuntos, a pesares de estar oprimidos.

Se melloran as cousas, na preimavera faremos en Ourense o roteiro da Esmorga e faremos por visitar o belén de Baltar, na Praza de San Cosme e Damián, en plena ruta da Esmorga, que tan ben retrata a eses xentes de Auria das que fala Blanco Amor.

Aínda coas máscaras, coas restriccións e coa distancia foi unha alegría poder xuntarnos fisicamente. A próxima quedada será por vídeo-conferencia para falar da nosa próxima lectura Del color de la leche, de Nell Leyshon. Oxalá poidamos recuperar a normalidade e volver neste curso ás nosas reunións de antes. Mentres, seguimos en contacto a través dese fío máxico que son os libros.



2020/10/25

OS PAPALIBROS VOLTAN!!

 As ganas de ler e xuntarnos son tantas que non hai virus que poda cas e cos Papalibros. Esta semana comezamos a activar os nosos clubs de lectura, que este curso serán máis por mor das condicións sanitarias que estamos a vivir.

Este mércores 21 de outubro comezamos por 1º de ESO, onde tivemos que facer dos grupos porque temos case 40 Papalibros!!! Nesta volta tocoulles aos de 1º A e D.

Despois de xantar, seguindo estritamente o protocolo COVID, e xogar un pedaciño comezamos co noso primeiro libro, o cómic Soy una matagigantes, de Joe Kelly e Ken Niimura. Se cadra este non é un libro fácila para comezar en 1º de ESO, pero xa houbo varias rapazas e rapaces que foron quen de entender un pouco a historia que se nos conta, unha historia dunha rapaza bastante rara, Barbara Thorson, que ten un martelos para matar xigantes, ten algúns problemas na escola e parece que na súa casa hai algo raro.

As rapazas e rapaces de 1º de ESO non saben como era antes a biblioteca Xaquín Yebra. Para os que xa levamos un tempo aquí e vimos a evolución da nosa biblioteca ata convertirse nun espazo cálido e acolledor, fáisenos duro vernos así, tan separados, cando sempre adoitabamos arrexuntarnos todos arredor de dúas mesas unidas. Tamén é moi moi raro ver a biblioteca colocada como un aula... pero na situación na que vivimos non nos queda outro remedio.

Aos dous días desta reunión, comunicóusenos que debido ao nivel 2 no que se atopa a provincia da Coruña, non poderemos facer este tipo de xuntanzas ata que melloren as condicións sanitarias. Mentres tanto, aproveitaremos para ir organizando o resto de grupos para cando poidamos volver xuntarnos. E por suposto aproveitaremos para ir lendo moitos libros na casa e nos recreos!