Amosando publicacións coa etiqueta Novela de aprendizaxe. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Novela de aprendizaxe. Amosar todas as publicacións

2022/05/13

EN TERRA RARA, CON XOSÉ DE CEA


O pasado mércores, 4 de maio, tivemos a sorte de ter con nós a Xosé de Cea para comentar a súa última publicación, En terra rara, lectura dos Clubs de benxamíns e xuvenil nestes últimos meses.

O seu argumento resultounos xa atractivo de entrada: Xo, unha moza gandeira de 17 anos, declárase en folga de fame para defender a casa e as terras da súa familia dun proxecto co que unha compaٌñía canadense pretende extraer terras raras, un grupo de minerais moi cotizados polo seu amplo uso en novas tecnoloxías e na mal chamada transicción  verde. A través dos vídeos que colga en Instagram coñeceremos o seu mundo, vemos a súa evolución, e vemos a súa loita contra un Goliat que non só é a compañía mineira, senón os medios, os políticos e ata os seus propios veciños.

Xosé comentounos a xénese do libro, como se lle ocorrera a idea a partir dunha proposta para un guión cinematográfico. Explicounos a imaxe da portada, un debuxo de P. Panduriño a partir dunha fotografía de Asunción das Encrobas, muller que xunto coas súas veciñas se enfrontou á garda civil cando Fenosa quixo construír nas súas terras un encoro en 1977. Descubriunos, tamén, todos os significados que encerra o título: as terras raras que son o reclamo da compañía mineira, a terra rara que pode ser a adolescencia que vive Xo ou o "enterrar á rara" que fai unha comunidade cando alguén se atreve a alzar a voz e a defender algo diferente do diñeiro fácil.

A nós do libro gustounos moito o empoderamento das mulleres, elas son as que moven o mundo: Xo loitando contra un xigante, a súa nai turrando dunha casa e dunha explotación gandeira, Camiño, unha bióloga apaixoada que se adentra no profundo dos bosques para descubrir especies autóctonas a piques de extinguirse ou Antía, a médica que trata a Xo cunha empatía que lle devolve a seguridade.

Ademais, podemos ver En terra rara como unha novela de aprendizaxe. Xo, a punto de cumprir os dezaoito anos, consegue coa súa decisión gañar a maioría de idade, non só física, senón tamén moral. A súa protesta é unha proba iniciática, coma as que en outras sociedades se lles esixía aos varóns para ser admitidos no mundo dos adultos. Xo, ademais de conseguir esa maioría de idade plena, é unha heroína que logra unha fazaña porque consegue un obxectivo, pero que tamén se coñecerá mellor a si mesma e comprederá mellor o mundo no que vive.

Pero por riba de todo, o que nos transmitiu Xosé de Cea é a necesidade de defender a nosa terra da barbarie que pretende destruír o noso enterno por unha présa de cartos, que son pan para hoxe e fame para mañá. A necesidade, tamén, de defender e preservar o noso para non esquecer quen somos.

2015/11/14

EL LECTOR, DE B. SCHLINK

As Papalibros xuvenís comezaron este curso con El lector, novela de B. Schlink. A novela de amor do principio, narra a relación amorosa dun adolescente cunha muller madura, vaise convertindo na segunda e terceira parte nunha revisión do pasado recente de Alemania e unha reflexión sobre a culpabilidade. Schlink, nado en 1944, pertence a esa xeración de escritoras e escritores alemáns revisionistas do pasado nazi do seu país que está en conflicto coa súa identidade cultural. O revisionismo é un motivo constante na narrativa de Schlink e especialemnte nesta obra, que parece ser parcialmente autobiográfica.
Pero esta é tamén unha novela sobre literatura e libros. Unha parte importante do ritual amoroso é a lectura que Michael Berg, o protagonista, fai a Hanna, a súa amante, cada vez que están xuntos. Hanna vai aprendendo a apreciar grandes clásicos como Homero, Goethe, Stendhal, Schiller, T. Mann, Lessing... que lle le Michael, o lector, e déixase seducir por eles. 
A relación entre Michael e Hanna, aínda que desigual, dominante e difícil por momentos, é plena e acelera no adolescente o tránsito á idade adulta. Pero quen é realmente Hanna? que sabe Michael do seu pasado? A resposta está na segunda parte, na que os antigos amantes se reencontrarán anos máis tarde, nun contexto totalmente distinto, e Michal, incipiente avogado, descubrirá o seu pasado nazi e algunha circunstancia lle fará entender a súa brusca desaparición. É aquí cando comeza a reflexión sobre a culpabilidade de Hanna, e por extensión do pobo alemán, que obedecía ordes sen cuestionarse unha autoridade que impelía a cometer atrocidades. Pero non só se cuestiona a culpabilidade dos colaboradores directos como Hanna, senón tamén dos espectadores paralizados polo medo, como o propio Michael, espectador mudo nun xuízo no que podería intervir, aportando datos que exculpasen a Hanna.
Aparécesenos entón esta relación amorosa entre unha dominante muller seductora e un inmaduro adolescente como uha metáfora do pasado de Alemania, onde un engaiolante III Reich seduciu a todo un pobo que non tivo a madurez necesaria para ver esa outra cara oculta da lúa, ao igual que Michael con Hanna ata moito máis tarde. A secuela da relación non deixa lugar a dúbidas, non pode volver querer a esa muller, en certo modo ata renega dela, pero tampouco será capaz de volver a amar con esa paixón da adolescencia, en certo modo se consume, queda incapacitado para o amor pleno.

2009/01/20

La sociedad de los otros

Este nadal, tiña intención de ler moito e levei tres libros da biblioteca. Ao final, por motivos que escaparon ao meu control (non podes evitar enfermar chiscando os dedos, jeje) non puiden ler máis que un, La sociedad de los otros, de William Nicholson.
O libro é unha maravilla. Enganchoume de tal xeito que o lin enteiro nun día, e duascentas cincuenta páxinas non son calquera cousa para un día. O caso e que non saín da habitación ese día.
Imaxina que acabas de estudar unha carreira e vives acomodado na túa monótona vida nun país do primeiro mundo e, cando decides levar a cabo a túa última aventura antes de iniciarte no mundo do traballo, un camioneiro que non coñeces te leva a un país de Europa do Leste no que a policía está permanentemente en estado de excepción e, de súpeto, sen decatarte, acabas formando parte dun grupo non demasiado amigable da policía. Como saes dun lugar así? A quen debes apoiar?
Unha historia amena pero profunda, que concentra gran parte do saber filosófico que houbo en toda a historia, que te fai pensar, e cun final que semella realmente imposible de olvidar.
Resumindo: Completamente recomendable.
Ala, seguide lendo, que é sen dúbida unha gran actividade. Eu tentareino se non me veñen os meus ataques de vagancia, jeje.

David (1º Bac A)