O pasado mércores, 4 de maio, tivemos a sorte de ter con nós a Xosé de Cea para comentar a súa última publicación, En terra rara, lectura dos Clubs de benxamíns e xuvenil nestes últimos meses.
O seu argumento resultounos xa atractivo de entrada: Xo, unha moza gandeira de 17 anos, declárase en folga de fame para defender a casa e as terras da súa familia dun proxecto co que unha compaٌñía canadense pretende extraer terras raras, un grupo de minerais moi cotizados polo seu amplo uso en novas tecnoloxías e na mal chamada transicción verde. A través dos vídeos que colga en Instagram coñeceremos o seu mundo, vemos a súa evolución, e vemos a súa loita contra un Goliat que non só é a compañía mineira, senón os medios, os políticos e ata os seus propios veciños.
Xosé comentounos a xénese do libro, como se lle ocorrera a idea a partir dunha proposta para un guión cinematográfico. Explicounos a imaxe da portada, un debuxo de P. Panduriño a partir dunha fotografía de Asunción das Encrobas, muller que xunto coas súas veciñas se enfrontou á garda civil cando Fenosa quixo construír nas súas terras un encoro en 1977. Descubriunos, tamén, todos os significados que encerra o título: as terras raras que son o reclamo da compañía mineira, a terra rara que pode ser a adolescencia que vive Xo ou o "enterrar á rara" que fai unha comunidade cando alguén se atreve a alzar a voz e a defender algo diferente do diñeiro fácil.
A nós do libro gustounos moito o empoderamento das mulleres, elas son as que moven o mundo: Xo loitando contra un xigante, a súa nai turrando dunha casa e dunha explotación gandeira, Camiño, unha bióloga apaixoada que se adentra no profundo dos bosques para descubrir especies autóctonas a piques de extinguirse ou Antía, a médica que trata a Xo cunha empatía que lle devolve a seguridade.
Ademais, podemos ver En terra rara como unha novela de aprendizaxe. Xo, a punto de cumprir os dezaoito anos, consegue coa súa decisión gañar a maioría de idade, non só física, senón tamén moral. A súa protesta é unha proba iniciática, coma as que en outras sociedades se lles esixía aos varóns para ser admitidos no mundo dos adultos. Xo, ademais de conseguir esa maioría de idade plena, é unha heroína que logra unha fazaña porque consegue un obxectivo, pero que tamén se coñecerá mellor a si mesma e comprederá mellor o mundo no que vive.
Pero por riba de todo, o que nos transmitiu Xosé de Cea é a necesidade de defender a nosa terra da barbarie que pretende destruír o noso enterno por unha présa de cartos, que son pan para hoxe e fame para mañá. A necesidade, tamén, de defender e preservar o noso para non esquecer quen somos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario