2022/06/25
DESPEDIDA DO CLUB DE LECTURA PAPALIBROS
2022/06/23
DESPEDIDA DO CLUB DE ADULTOS CON XESÚS FRAGA
Onte tivemos a nosa última sesión de Papalibros adultas con Xesús Fraga, arredor do seu libro Virtudes (e misterios). Por ser unha ocasión especial, celebramos esta sesión no restaurante Recuncho do Convento, no centro histórico de Melide, en lugar da nosa biblioteca Xaquín Yebra. e xuntámonos Papalibros de anos atrás e máis xentes de Melide, como o noso poeta Antom Laia, mestre de Xesús en Betanzos.
Virtudes (e misterios), libro multipremiado e un dos máis lidos en galego no que vai de ano, cóntanos, sen elementos de ficción, a historia dunha familia marcada pola emigración. Unha historia de xente humilde que loita por sobrevivir e vivir con dignidade, na que as protagonistas son mulleres afoutas: Virtudes, a avoa, a matricarca que ocupa o centro da portada e do libro, que marcha a Londres e se converte na provedora da familia; a bisavoa Elena, que queda na retagarda coidando as netas; Isabel, a nai, que xunto con súa nai asume o papel de cabeza de familia e, cando é necesario, reúnese xon ela en Londres. Unha historia de homes ausentes, pero tamén de homes bos que aprenden roles diferentes aos que lles ensinaron.
Xesús falounos do proceso creativo do libro e da súa estrutura. Comeza presentándonos a súa avoa, xa afianzada en Londres, e a si mesmo como adolescente que pasa os veráns con ela. Paseniñamente vai desenvolvendo o nobelo e retrocedemos no tempo a unha Galicia, un Betanzos de postguerra e miseria que obriga ás súas xentes a buscar recursos fóra. A memoria familiar deste relato ten o poder de evocar as propias historias que todos temos de emigración, empatizamos cos personaxes porque vemos neles a membros das nosas propias familias.
Virtudes (e misterios) aborda algo case intrínseco á nosa cultura como é a emigración. É un relato necesario porque dá voz a unha xeración que coa súa capacidade de sacrificio abriu camiños e procurou o progreso e benestar dos que viñemos detrás. É un relato que case ten un cariz épico, porque converte en heroínas a mulleres que non reunían os perfís que ata agora considerabamos "novelables" e que consolida o potencial litetario das vivencias íntimas e da memoria familiar.
2022/06/17
VISITAMOS A LIBRARÍA COUCEIRO EN COMPOSTELA
Onte, xoves 16, aproveitamos unha viaxe a Compostela para visitar a libraría Couceiro, un establecemento emblemático de Santiago onde descubrimos, que ademais dunha boa colección de libros en galego, hai unha sala para presentacións de libros e un taller de encadernación de libros antigos.
Cando chegamos a praza de Cervantes, aproveitamos a exposición que tiñan de libros de ocasión, para aprovisionarnos de libros a bo prezo, polo xeral edicións antigas. Ao entrar na libraría, Pablo, libreiro habitual, convidounos a subir ao último andar, onde María explicounos o laborioso proceso de encadernación de libros antigos. Un fermoso traballo cento por cento artesanal.
Fixemos tamén unha fotografía coa magnífica colección de libros antigos, algúns deles restaurados por María.
Ao baixar, Pablo contounos anécdotas da praza de Cervantes, como nela tiveron lugar execucións da Inquisición, que edificios había antigamente ou como era o lugar onde se facían os pregóns e de aí o nome de Preguntoiro dunha das rúas que baixa. Un visita que, sen dúbida repetiremos.
2022/06/08
DESPEDIMOS O CLUB DE LECTURA PINTANDO
Hoxe tivemos a despedida de Club de Lectura de Benxamíns e Xuvenís e Club de Ciencias cun xantar compartido a mediodía, como sempre, e cunha invitada moi especial, Nanda Cabaleiro, que foi profesora de debuxo no ciclo de madeira do IES de Melide.
Nanda é unha apaixoada do debuxo e comezou o obradoiro contándonos como comezou a debuxar e todas as cousas boas que o debuxo aporta á súa vida. Forma parte do colectivo Compostela Ilustrada, debuxou xardíns de Compostela xunto con outras tres ilustradoras, creando o libro Natureza no km 0. Ilustrou tamén o libro 7 herbas máxicas, de Rosalía Bermúdez.
Falounos tamén das prantas do seu último libro e das súas propiedades e pasamos xa a acción. Cunhas instrucións básicas, puxémonos a debuxar primeiro a lapis, logo a rotulador e finalmente a acuarela. Nestas dúas horas debuxamos varias plantiñas como romeu ou o ourego.
Finalmente fixémonos fotografías cos nosos debuxos e despedimos o Club de lectura ata o curso que vén.