Despois de 29 anos no IES de Melide e 12 como coordinadora do Club de lectura Papalibros, chegou o (temido) momento do adeus. Por primeira vez en todo este tempo vou usar este blog, que é case máis un
diario de profesora, para facer algo pouco habitual, unha despedida moi persoal, que talvez sexa a última entrada deste blog.
Dende que souben, no mes de marzo, que obtivera praza en Compostela no Concurso de traslados; comecei a facer unha conta atrás silenciosa porque non quería prolongar o proceso de despedida. Neste último mes, xa non puiden ocultar nin disimular a miña marcha.
Estes días estánseme a facer moi difíciles porque me custa asumir que vou deixar un lugar é unhas xentes coas que teño un vínculo emocional tan forte. Teño medo, pánico, de non adaptarme ao meu novo centro, de estar buscando nos meus novos alumnos e compañeiros a miña xente de Melide de toda a vida, de non parar de comparar ou de ter sempre na cabeza frases que empecen "En Melide..."
Estes días son tamén difíciles porque remato as miñas xornadas laborais esgotada emocionalmente por todas as mostras de cariño que estou a recibir. Realmente este cariño percibino sempre, tiven a sorte de querer e sentirme querida por moitos alumnos e alumnas e compañeiros.
Pero de todas as despedidas, as máis especiais son as das persoas coas que compartín club de lectura. Descubro os fíos sutís que nos conectan e a rede que teceron as lecturas que compartimos. Nas nosas xuntanzas falamos de libros, pero sobre todo falamos da vida, que é onde nos leva sempre a literatura. Compartimos infinidade de emocións e sensacións nas nosas xuntanzas e sobre todo, aprendimos moito uns dos outros.
Roubándolle palabras ao poeta, o Club de lectura Papalibros foi para min un marabilloso emporio fenicio no que adquirín fermosas mercancias, nácares e corais, ámbares e ébanos e perfumes deliciosos de todo tipo. Os papalibros agasalláronme abrazos diarios, como os de Xosé Lois, que ademais regaloume un libro diminuto. O meu querido equipo de axudantes, Jorge, Lúa, Eva, Pablo, Xosé Lois e Javier regalároneme o seu tempo, a súa compaña, a súa axuda desinteresada e quitáronme traballo de enriba. Tremérone as pernas cando, ao rematar o recreo do martes, fundímonos todos nun abrazo. Lúa fíxome un debuxo precioso dunha lectora baixo unha árbore enorme, á parte de agasallarme todos os días coa súa mirada.
Podería escribir un post á parte para falar do Club de Adultos. Nunca considerei este club como parte do meu traballo, senón como ocio compartido con iguais, con xente á que me unían moitas afinidades e amistade en moitos casos. Era o club máis numeroso e en moitos momentos rondou as vinte persoas: Ermitas, Maruxa, Isa Villarabide, Isa Gayoso, Gloria, Trini, Luísa, Mari Villarabide, Mercedes, Sonia, Piru, Suso, Mariluz, Pino, Susana Castro, Mari Pardo, Carmen Cardo, Marta, Lola que xa non está con nós... Este último mércores, día habitual das nosas reunións, asistiron case todas/os non só para falar dun libro marabilloso, Virtudes (e misterios) co seu autor, Xesús Fraga, senón tamén para despedir o noso club como corresponde. Ademais de agasallarme coa súa presenza, que fai que cada xuntanza sexa unha festa, regaláronme un cofre do tesouro cheo de palabras marabillosas... verba volant, scripta manent.
Todos os clubs de lectura, pero en especial o de adultos, fixéronme medrar como persoa e, volvendo ao meu poeta, prosigo a miña viaxe a Ítaca rica con canto gañei no camiño.
1 comentario:
Muchas gracias por todo, aunque no tuve el gusto de conocerte, pude hacerme una idea de la maravillosa persona que eres a través de mi hijo, en solo un año has marcado en él una impresión muy importante, ambos sentimos mucho tu marcha y querernos agradecerte el cariño y el tiempo dedicado. Lois siempre te tendré en su memoria.
Publicar un comentario