Amosando publicacións coa etiqueta Viaxes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Viaxes. Amosar todas as publicacións

2019/10/25

OS PAPALIBROS VAN DE COMPRAS!

Os Papalibros van de compras
Como vén sendo costume, xa case institucionalizado, os Papalibros celebramos o comezo dun novo curso de lecturas cunha viaxe a Compostela para asistir a un espectáculo do Festival Internacional de Títeres Galicreques 2019. Como xa explicamos máis abaixo, o espectáculo foi Cronopios, a cargo de Tres Tigres Teatro, Títeres Cachirulo y Chachakün e previamente informámonos un pouco sobre Julio Cortázar e o seu mundo de cronopios, famas e esperanzas.
Pero para moitos Paplibros o mellor desta xornada forn as visitas, máis rápidas do que nos gustarían, que fixemos ás librarías Follas Novas e Alita, esta última especializada en manga e cómic.
Mercamos nas dúas libros para a biblioteca elixidos polos Papalibros. Nos dous establecementos foron moi amables con nós. En Follas Novas incluso nos agasallaron a cada un cun libriño.
Tivemos que rexistrar a toda présa as novidades mercadas e xa voaron dos andeis, pero pásate pola biblioteca, que aínda queda algo.

2015/06/20

CORAZÓN DE CHOCOLATE, UN ROTEIRO EN COMPOSTELA

Despois de estar lendo Corazón de chocolate, un misterio para Tintimán en Compostela, de Jauréguizar durante o último trimestre nas clases de reforzo, por fin o xoves 11 de xuño fumos a Compostela a percorrer os lugares nos que se move Uxío Lobo, o noso protagonista, tratando de resolver un extraño caso en torno a catedral de Santiago. Escollemos esta lectura porque parte do alumnado de refozo, a pesares de vivir en pleno camiño de Santiago, non coñecía a Catedral de Santiago nin a Compostela monumental. O libro, ademais de describirnos lugares emblemáticos de Santiago, aporta moitos datos sobre a historia de Galicia, centrándose principalmente na construción da catedral.

No noso roteiro engadimos algún lugar a maiores, para poder coeñcer mellor a zona vella compostelá. Axudados por unha pequena unidade didáctica comezamos na rúa de Xoán XXIII, onde se atoparía o instituto "Charles Lemaur" no edificio que hoxe é a Facultade de Ciencias da Educación. Subimos bordeando o San Martiño Pinario observando as súas fachadas, saímos pola rúa de Xerusalén, antiga xudería. Baixamos pola Acibechería até o Obradoiro, onde entramos no pazo de Xelmírez e repasamos quen fora este personaxe. Estudamos a fachada e a historia do Hostal dos Reis Católicos e dende alí divisamos a rúa das Hortas, onde estaría a casa chea de gatos do pai de Uxío, e que dende a morte deste Uxío debía coidar.
Vistamos o arquivo da catedral, cos permisos correspondentes e sen tentar facernos pasar polos sobriños de ninguén, como fixera Uxío na novela. Esta visita foi moi especial, vimos manuscritos do s. XV, libros moi grandes chamados tumbos, a copia facsímile do Códice Calixtino e a maior sopresa foi cando o noso guía nos abriu unha especie de mesa e descubrimos unhas escaleiras que baixaban ao arquivo musical, miúdos libros que había alí! Ao saír do arquivo catedralicio vimos con calma as Praterías e a praza da Quintana.
Despois veu a parte máis aventureira, tivemos que facer un percorrido sen profes seguindo as instruccións que viñan no noso cuestionario. Así, subindo pola rúa Xelmírez chegamos á praza de Cervantes, onde supostamente estaba o "Diario Galego", no que traballara Norberto Lobo, o pai de Uxío, ás ordes de don Anxo. Alí debíamos entrar na librería Couceiro e pedir o sobre secreto con novas instrucións. Co mapa que había no sobre poidemos chegar á praza de Mazarelos, pasando polo mercado de Abastos, e de alí continuamos até a Alameda para facer unha foto coas famosas Marías. O noso percorrido a soas remataba na praza do Toural, onde estaba a "Fábrica de chocolate" na que obteivemos a nosa "recompensa", que non podía ser outra que un corazón de chocolate.
Despois dun xeneroso descanso para xantar, collemos pola rúa do Vilar para visitar a Catedral. Primeiro vimos o interior do templo, comezando polo altar maior e as distintas capelas, entrando na Corticela e fixándonos as portas e reixas polas que Uxío podería entrar a ese soto subterráneo da catedral. Por desgraza non puidemos ver o Pórtico da Gloria, porque se está restaurando, pero vimos a Cripta do apóstolo, a porta Santa e até houbo que subiu a dárlle un abrazo a Santiago. Tamén comprobamos que na catedral hai realmente un soto, a excavación arqueolóxica na que se atoparon as catacumbas.
Xa para rematar a nosa xornada, subimos ás cubertas da catedral, tratando de descubrir o sitio por onde Uxío escalara para tentar coarse no arquivo. As vistas eran alucinantes e a nosa guía, Laura, explicounos de xeito moi ameno un montón de cousas sobre Santiago e a historia da catedral, moitas das cales xa viramos na clase. E con estas vistas de Santiago dende as alturas rematamos a nosa xornada que, aínda que para algúns foi moi cansa, serviunos para coñecer un pouco mellor Compostela e aprender moitas cousas da nosa historia que non sabiamos e decatarnos do rico que é o noso patrimonio cultural.

2013/06/18

VIAXE A VALLADOLID E SEGOVIA

Por fin conseguimos facer un vídeo da viaxe que as/os Papalibros e alumanos de Cultura clásica fixemos no mes de maio a Valladolid e Segovia. En Valladolid asistimos ao TAC (Teatro y Artes de Calle) e vimos uns espectáculos moi variados e de gran calidade. Unha idea de teatro diferente da que levaban algúns dos nosos viaxeiros/as. A viaxe foi estupenda e o alumnado, como xa é costume en Melide, respondeu de marabilla. Así calquera organiza viaxes!

2013/03/13

XUDEUS SUPERVIVENTES AO HOLOCAUSTO

Nesta segunda semana de marzo tiveron lugar na biblioteca do IES de Melide as charlas tituladas “Xudeus superviventes ao holocausto”, impartidas por Ashley Lauber, a nosa lectora de inglés, de nacionalidade estadounidense, descedente de xudeus polacos que emigraron aos EEUU despois da segunda guerra mundial. A casualiade levounos a descubrir que os seus catro avós eran superviventes de Auschwitzc-Birkenau, un dos máis tristemente famosos campos de exterminio nazis. Ashley tivo a xenerosidade de compartir con nós unha parte importante do pasado da súa familia e do seu propio pasado, de amosarnos as feridas aínda abertas nas persoas próximas ao seu entorno. Esta actividade xurdiu a raíz dunha das nosas lecturas de Papalibros, Maus, xa convertida nun clásico da novela gráfica. Ashley compartiu con nós esa lectura. Entre todos fumos descubrindo como a traxectoria do protagonista, Vladeck Spiegelman, pai do autor, foi moi parecida á dos avós de Ashley: familias xudías polacas de clase media que foron obrigadas a vivir en guetos e máis tarde levadas aos campos da morte. Ao final da guerra, coa liberación dos campos, os poucos que lograron sobrevivir non conseguiron vivir de novo naqueles países nos que antes tiveron os seus fogares e que en certa medida permitiron ou se beneficiaron das expropiacións dos xudeus e do propio holocausto. A lectura de Maus encaixa perfectamente no tema monográfico de traballo da biblioteca para este curso: "A viaxe e a migración, entre o descubrimento e a necesidade". As viaxes dos xudeus aos campos da morte foron auténticas viaxes aos infernos, a catábase da antiga Grecia, un contacto directo co máis absoluto dos horrores, do sufrimento e da morte que transformou profundamente, cando non destruíu, a vida de millóns de persoas. Os superviventes logo tiveron que emprender unha segunda viaxe, enteiramente necesaria, para atopar o fogar e o medio de vida que lles fora negado. Ashley non puido reunir tantos datos precisos e concretos como o Art Spiegelman, o autor de Maus, pero o seu relato tivo a forza do directo e da narración en primeira persoa. Tal como confesou, se non fose polas preguntas dos Papalibros non tería falado de todo isto coa súa nai e seguiría sen coñecer unha parte da súa propia historia. Pero coñecedora deste pasado e sen perder a memoria, Ashley decidiu dar un paso adiante e non vivir como vítima. Con este pequeno artigo queremos animar aos Papalibros a recuperar a memoria da súa familia e agradecer de novo a Ashley o tela compartido con nós.

2013/01/31

Viaxando nos antigos veleiros dos s. XVIII

O pasado mércores, no noso horario habitual de reunión, tivemos a sorte de poder disfrutar na biblioteca dunha charla sobre os antigos veleiros dos s. XVIII e XIX a cargo de Couso, o profe de Educación Física, que resultou ser todo un experto na materia. Esta charla xa fora impartida antes de Nadal na biblioteca, dentro do noso tema deste ano "A viaxe e a migración, entre o descubrimento e a necesidade". Despois dun pequeno repaso pola historia da navegación, coñecimos as características dos grandes veleiros: o proceso de construción, partes do veleiro e vocabulario naval, a vida nos veleiros, a importancia da mariña de guerra na historia de Europa nestes séculos... Couso ata nos trouxo unha reprodución dun pequeno canón que funcionaba de verdade e nos fixo unha proba de disparo... que susto paparon algúns/as!! As explicacións, ademais de estar ilustradas con imaxes e gráficos, estiveron acompañadas de fragmentos da película Master and Comander, que conseguiron que durante unha hora nos sentísemos dentro dun barco. Pasámolo estupendamente, descubrimos unha faceta descoñecida de Couso, aprendimos palabras como barlovento, sotavento, babor, largar ou cobrar cabos e nos quedaron gans de ver completa a película Master and Comander, que temos na biblioteca.

2012/10/29

MAUS DE NOVO


No grupo dos luns, 2º ciclo de ESO e BAC, comezamos a ler Maus, a coñecida novela gráfica de Art Spiegelman. Tal como relatamos aquí noutros posts, esta obra, subtitulada Historia dun supervivente, está baseada nunha historia real: a vida de Vladeck Spiegelman, pai do autor, quen sobreviveu o campo de exterminio de Auschwitz. Pero o pasado de Vladeck non é a única historia do libro. O autor cóntanos coa palabra e o debuxo o proceso de creación da obra, a difícil relación co seu pai e  a convivencia coas pantamas familiares, o irmán maior morto no holocausto a nai.
Encadramos esta lectura dentro do tema monográfico no que traballaremos este ano dende a biblioteca: A Viaxe e a Migración, entre o descubrimento e a necesidade. O desprazamento forzoso de miles persoas nas guerras e en concreto, de millóns de xudeus aos campos de exterminio pode considerarse unha auténtica viaxe aos infernos, a catábase da que falaban os clásicos. Poucos eran os mortais que podían facer esta viaxe de volta e viñan transformados polo coñecemento do alén e dos sufrimentos que alí toparan.
Ademais da trama interesante desta novela, na lectura transcende a necesidade do autor de escoitar a Historia (con maiúscula) contada polo pai, de recoller a súa testemuña e transmitila. Podemos entender realmente quen somos si descoñecemos o noso pasadao?
Se, queres, aínda estás a tempo de apuntarte a ler con nós Maus, búscanos pola biblioteca.