Amosando publicacións coa etiqueta monicreques. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta monicreques. Amosar todas as publicacións

2017/10/25

GALICREQUES DE NOVO

Como xa vén sendo un costume consolidado entre os Papalibros, nos clubs de benxamín e xuvenil acudimos un ano máis ao Festival de Galicreques, en Compostela, para ver Macbeth, ya somos el olvido que seremos, a cargo da compañía Alauda Teatro. Ademais do Club de Lectura tamén participaron nesta actividade o alumnado e Artes escénicas e o de Literatura Universal.
Nada máis chegar a Compostela visitamos unha exposición de marionetas africanas na Biblioteca Anxel Casal. Aproveitamos o noso paso pola Praza do Obradoiro para gozar unha vez máis das vistas da Catedral, a pesares de estar andamiada, do Hostal dso Reis Católicos, Pazo de Fonseca, Pazo de Raxoi... e repasar cousas que vimos na clase estes anos. Tamén pasamos pola Praza de Praterías,onde fixemos unha foto de "familia".
Xa no teatro Principal, Alauda Teatro ofreceunos unha magnífica representación de Macbeth, versión do clásico de Shakespeare, que no seu título fai referencia a un soneto de J. L. Borges. Os actores usaron marionetas de diferentes tipos e unha serie de recursos escénicos, entre os que destaca a música en directo, para contarnos a historia deste personaxe ambicioso, que xunto coa súa muller, a pérfida Lady Macbeth, consegue a coroa de Escocia grazas a súa falta de escrúpulos. O argumento foi un pouco complicado para os máis pequenos, pero despois dun repaso no bus de volta entendímolo algo mellor.
Unha das cousas máis proveitosas para todos nós, pero especialemente para o alumnado de Artes Escénicas, foi a conversa cos actores ao final da obra, na que ademais de contestar ás preguntas do público, derónnos consellos para unha posta en escena con marionetas.
  Galicreques 2017

2015/10/05

GALICREQUES 2015. VOLVEN OS PAPALIBROS!

Ao igual que o curso pasado, inauguramos a nova tempada Papalibros 15-16 asistindo ao Festival Internacional de Títeres de Compostela Galicreques 2015, actividade que compartimos co obradoiro de Teatro, pois moitas e moitos Papalibros son tamén amantes das artes escénicas.
Vimos un espectáculo de títeres de luva titulado Bruno Estampilla, a cargo da compañía arxentina Teatro de Ilusiones Animadas, que deu vida a Bruno Estampilla, un carteiro de marabilla, que tanto levaba cartas ás súa amada, a señorita María, como ao mesmo demo no Inferno.
Antes e despois do espectáculo, o titiriteiro explicounos como se manexaban o títeres e os distintos tipos deles que vimos, de xeito que afondamos un pouco máis no tema  Homo Habilis, co que seguimos a traballar este ano.
Vimos tamén unha exposición de títeres de dedo na SGAE e de títeres de luva na biblioteca Ánxel Casal. Como bos Papalibros, visitamos esta magnífica biblioteca pública de Compostela e co noso carné de socios poidemos levar algúns libros que nos apateceron.
Dende aquí recordámosvos que nesta primeira semana de outubro comezan as nosas xuntanzas: luns 5 a mediodía para 2º ciclo de ESO e BAC, mércores 7 a mediodía para 1º ciclo de ESO e tamén mércores 7 a partir das 18.15 arrancamos co club de adultos. Estades todas e todos convidados!
.

2014/10/05

Os Papalibros ven monicreques

O pasado venres 3 de outubro os Papalibros estreamos programa de actividades extraescolares asistindo a representación de "Poemas Visuales", dentro do Festival Internacional de Títeres Galicreques 2014.
Esta actividade, que tiña como destinatarios ao alumnado e Reforzo de 1º Ciclo de ESO e aos Papalibros, encadra perfectamente dentro do tema de traballo da biblioteca para o presente curso, Homo habilis, que centra a atención na importancia da habilidade manual na nosa cultura. Así vimos como as habilidades de tres artistas foron capaces de vida a infinidade de letras que se transformaban en persoas, animais, cousas...
"Poemas Visuales" é un espectáculo de títeres de variña que os titiriteiros, vestidos de negro, manipulan sobre unha mesa cun telón de fondo negro. As marionetas son letras e tiras brancas que se combinan para formar personaxes que tanto poden bailar un delicado ballet coma un zapateado flamenco ou facer un perigosísimo salto de pértiga. A súa linguaxe é universal porque o emprego do idioma, castelán, é mínimo e predominan a música e as onomatopeias.
Despois do espectáculo fixemos un rápido percorrido pola zona vella, vimos a catedral por fóra e gustáronnos especialmente os mimos da praza do obradoiro, que parecían auténticas estatuas do apóstolo Santiago e un anxo.
Quédanos pendente unha visita máis calmada da zona vella de Santiago e da catedral, porque aínda que vivimos en pleno camiño de Santiago, algúns Papalibros non coñecen nada ben estes lugares.