Amosando publicacións coa etiqueta Novas sobre libros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Novas sobre libros. Amosar todas as publicacións

2020/04/06

LECTURAS PARA PASAR O CONFINAMENTO

A estas alturas, cando xa levamos preto de tres semanas confinad@s non imos a pararnos aquí a definir esta situación tan anómala que podería ser unha distopía. Xa tivemos tempo de pensar, reflexionar e calquera cousa que digamos vai ser unha repetición.
O que si que está claro é que a lectura é unha desas táboas de salvación para poder pasar o confinamento. Con ela podemos saír as rúas, subir montes, surcar mares, atravesar selvas ou desertos... en fin, viaxar sen límite sen saír da casa.
Aproveitemos que estes días hai un montón de editoriais e portais nos que podemos descargar libros. Deixámosvos aquí unha ligazón da editorial Astiberri para descargar gratuitamente un cómic con 17 relatos moi recomendables para poder ler cómodamente en PDF nas nosas casas:

E agora deixámosvos recomendacións lectoras dunha das nosas youtubeiras favoritas, Nubes Baixo Ti

2019/06/25

A FILLA DO MINOTAURO, DE MARILAR ALEIXANDRE

Este é o vídeo que Icía García Carregal presentou ao concurso Reto Lector 2019, que organiza a editorial Galaxia e que está a punto de publicar a súa resolución.
Non falaremos moito do libro, que é unha lectura moi recomendable, porque cremos que non o imos facer mellor que Icía, quen  en menos de dous minutos explica xusto o necesario e anima a calquera a lelo.
Estamos cruzando os dedos, que a sorte acompañe a Icía!!

2015/06/22

FELIZ VERÁN E FELICES LECTURAS!

Non queremos despedirnos sen publicar a guía de lecturas para as vacacións, que ao longo do curso foron elaborando as rapazas e rapaces de 1º de ESO A coa súa porfesora Aurora Mourenza. Non marchedes sen coller un libro. Aínda que xa se prestaron moitos, temos abondo para todas e todos. Feliz verán e felices lecturas!

2015/05/08

CARLOS NEGRO DE NOVO EN MELIDE

Outra vez alumnado do IES de Melide, neste caso 3º de ESO, tivo a sorte de volver disfrutar da presenza de Carlos Negro,que desta vez nos presentou o seu poemario de Penúltimas tendencias, sen deixar de redordarnos algún poema de Makinaria. Na actividade actividade estiveron presentes moitas Papalibros, e unha delas, Iria Barreiro, de 3º B, fai esta magnífica crónica da xornada:

O pasado xoves 7 de maio, o escritor galego Carlos Negro (Lalín, 1970) agasallounos aos alumnos e alumnas de terceiro da ESO cunha interesante e divertida charla sobre dous dos seus grandes éxitos na literatura xuvenil: Makinaria e Penúltimas tendencias. Makinaria é un conxunto de poemas que tratan da vida aloucada dos mozos de 18 anos, que soamente pensan en queimar a goma das rodas e sentir a euforia correndo polas súas veas, sen importar o que ninguén lles diga, ata que é demasiado tarde. Con ela, trata de nos facer ver o ridículo da situación para evitar que sexa demasiado tarde tamén para nós. Penúltimas tendencias é tamén un conxunto de poemas que falan da gaiola que atrapa a xente coas súas revistas Super Pop e Megafashion, que nos fan ver que o mundo é rosa, que nos din como debemos ser para poder triunfar na vida…, e con ela o autor quere facernos ver que nós somos únicos na nosa forma de ser, e non como os demais queren que sexamos. Carlos Negro comezou contándonos o conto portugués Unha princesa do pior. Nese momento xa nos deu a amosar unha pequena parte do seu carácter tranquilo e animoso. Continuou falándonos un pouco sobre Makinaria, onde se demostrou que Carlos Negro é unha persoa moi agradable e divertida. Despois de mostrarnos uns coches de xoguete musicais para presentar o argumento de Makinaria, fíxonos rapear un pouco algúns poemas como "Sound Play Session Vol. 1" ou "Nota Necrolóxica", facéndonos tamén pasar un bo anaquiño.
Pero ao que dedicou a maior parte do tempo foi a Penúltimas tendencias. Ensinounos o contido do seu baúl, que contiña os obxectos nos que se inspirara para escribir a súa obra, non sen antes parodialos un pouco. Ensinounos o seu diario de One Direction, ou a súa tétrica boneca Corvo, que a pesar de ter un carácter escuro, ten tamén un corazón moi puro, como nos ensinou Carlos. Despois de mostrarnos que nós eramos únicos ensinándonos o noso reflexo nun espello, agasallounos ademais cunha dedicatoria a aqueles que a quixemos, identificando cun simple saúdo que lle entregabamos, a frase que mellor encaixaba co noso carácter (e sorprendentemente, conseguiuno).
Na miña opinión, ademais de falar claramente e abrirnos a nós un pouco os ollos, Carlos Negro é unha moi boa persoa que nos marcou a todos un sorriso na cara ademais dunha pegada no corazón.

2014/01/30

30 DE XANEIRO, DÍA DA PAZ


Dentro das actividades organizadas para o Día da Paz, que podedes consultar en Biblomelide, na biblioteca seleccionamos uns cantos libros e películas que tratan este tema.
Contamos con novidades relacionadas coa segunda guerra mundial, tema que suscitou interese nos Papalibros máis pequenos, xa que que ne 1º de ESO están vendo películas como O neno co pixama de raias ou A Lista de Schindler. Na nosa mesa está La segunda guerra mundial, un libro de contidos asquibles ben ilustrado, editado en Alhambra- Pearson; cómics como el Gran duque, unha historia de aviadoras rusas e pilotos alemáns, Érase una vez en Francia, sobre o colaboracionismo francés cos nazis; ou El vuelo del cuervo, que da conta das aventuras de Jeanne, un moza que colabora coa Resistencia e o pillabán François.

Tamén temos novidades editoriais como Yo soy Malala, que non necesita presentación, a novela gráfica Thoreau, o la vida sublime, que da conta da vida do pioneiro do ecoloxismo e a desobediencia civil ou Los surcos del azar, a última novela gráfica de Paco Roca, que desenterra do esquecemento a loita dos exiliados republicanos despois da guerra civil seguiron loitando contra o fascismo e participaron na liberación de Paris polos aliados.

Deixámovos cunha páxina deste álbum, onde Paco Roca, coa súa habitual mestría, é quen de construír unha emotiva historia humana ao tempo que recupera a memoria histórica de tantos loitadores olvidados.

2012/04/20

AS NOSAS XUNTANZAS DOS MÉRCORES

No último trimestre os e as Papalibros de 1º e 2º de ESO empezamos tamén a xuntarnos os mércores, compartindo lectura e xantar, ao igual que fan os maiores xa dende comezo de curso. Este mércores 18 éramos tantos, que non nos chegaron as cadeiras e sillóns do segundo andar. Xantamos bocatas, comida feita na casa e pizzas. Algúns comeron rapidísimo e tiveron máis tempo para ler. Entre os libros que comentamos estaban Trece años de Blanca de A. Fdez Paz e E Xoel aprendeu a voar, de Marisa Campo, que son lecturas de lingua castelá e galega. Pero as e os máis lectores falaron doutros libros que estaban lendo: Tamara recomendaba Crepúsculo, a novela gráfica, Miriam Marina de Ruiz Zafón, El Barón rampante de I. Calvino, La evolución de Calpurnia Tate e algún que outro máis; Ainhoa Molly Moon y el increíble libro del hipnotismo, Nadia Los Juegos del hambre... Outros libros que leron varios papalibros foron as sagas de Crepúsculo, de S. Meyer, a saga de vampiros de Darren Shan, a triloxía de Conerlia Funke Corazón de tinta...
Como os vampiros parecen estar de moda, o próximo mércores imos ver a película Drácula de Bran Stoker, de Coppola, baseada na novela do mesmo nome e autor, que foi o inicio da literatura de vampiros. Que medo!

2011/11/16

Comezamos as nosas reunións


Retomamos as nosas sesións de mediodía disfrutando dunhas riquísimas pizzas, made en Melide, e de algo todavía mellor, comida caseira, ademais das nosas lecturas, que tamén alimentan.

Este curso comezamos con banda deseñada, Nómades, a última obra de Xosé Tomás, que ven de presentar en Melide. Para nós é un libro moi especial, porque o seu autor é profe no noso centro e esta circunstancia permítenos coñecer mellor o proceso creativo, detalles e secretos da xestación da obra e, en definitiva esa delicada relación entre creador e creación.

Nómades cóntanos historias de mulleres que teñen que viaxar para sobrevivir. Mulleres que enfrontan o día a día nun lugar que as etiqueta como estranxeiras ou emigrantes, historias de loita e superación persoal que deixan aberta a porta a esperanza, como a historia de Nawal, que é quen de “salvarse” a si mesma e aos seus amigos porque o seu forte é a carreira.

Os debuxos, ademais dunha gran beleza, teñen unha gran forza narrativa, dando conta de detalles sutís e imprescincibles para entender unha historia. O guión, centrado sobre todo no diálogo ou no monólogo interior completa e comenta as imaxes. O resultado é unha fermosa obra e un bocado exquisito para o padal de calquer Papalibros.

2011/11/02

ÚLTIMAS NOVIDADES

Aínda que non pasamos polo blog ata agora, este ano o club de lectura arrincou con forza. De momento temos 65 Papalibros en nómina e sabemos que aínda faltan por apuntarse algúns incondicionais. O grupo máis abundante é o de 1º Ciclo de ESO, como non podía ser de outro xeito. Os rapaces e rapazas de 1º e 2º de ESO son os máis asiduos visitantes da Biblioteca, pero tamén temos un nutrido grupo en 3º e 4º de ESO, uns cantos Papalibros decididos a compartir o xantar ou mediodía dos luns e algúns Bookbusters, que sen dúbida medarán en cantidade.
E para recibir aos nosos lectores, que mellor que libros frescos, recén saídos. Velaí uns cantos títulos en banda deseñada que acabamos de adquirir: máis volumes Bone, clásicos como Mafalda ou Todo 36-39 malos tiempos de Giménez,  V de Vendetta de A. Moore, novidades editoriais como Habibi, de C. Thompson, ou autor de Blankets que tanto gustou o ano pasado, Haarman, el carnicero de Hannover, The Beats, biografía das figuras máis relevanes da xeración beats; unha revisión dos mitos gregos en Greek Street; cómics en galego como Causas Nobres de F. Bueno, cunha fermosísima dedicatoria aos Papalibros, A man do Diaño de Brais Rodríguez, Cabana de Baleeiros de Tokyo... e non podía faltar Nómades, a última entrega de Xosé Tomás, profe neste centro, que nos relata historias de mulleres emigrantes.

Tamén en literatura xuvenil temos algunhas novidades: Os dous primeiros volumes de Crónicas del Reino de la Fantasía, a nova serie de Gerónimo Stilton, Las aventuras de Ulises, tamén de G. Stilton; Reckless, a última triloxía de Cornelia Funke, o primeiro volume de Ulysses Moore, El valle de los Lobos de Laura Gallego, Caperucita Roja. ¿A quien tienes miedo?, La Aventuras de Tintin, la novela, Emily, The strange; El diario de Sofia, libros sobre gladiadores romanos...
E para os maiores, Muerte en Estambul e a recén publicada Con el agua al cuello, as novelas policíacas que nos faltaban de Petros Márkaris, que ven de gañar o VII premio Pepe Carvalho. Mal de pedra, unha interesante novela da escritora sarda Milena Agus ou Fransknstein ou novo Prometeo son algunhas das novidades que atoparás si ves a biblioteca.

2009/04/14

Bookcrossing

Á espera dos vosos post e opinións sobre os libros e pelis que vos gustaron estas vacacións (aínda que hoxe polos pasillos e no tempo roubado ás clases xa me contastes moitas cousas!), suxírovos que entredes na web do máis grande club de lectores (www.bookcrossing-spain.org/home/). A idea é compartir o pracer de ler sen ter que gastar cartos ou, noutras palabras, convertir o mundo nunha grande biblioteca: Trátase de abandoar libros -ou "liberar", como din eles- coa etiqueta de bookcrossing, para que outro lector o atope, o reseñe na web e o volva abandoar noutro lugar. Deste xeito, podemos seguir a pista dos libros nas súas viaxes a través do mundo, de lector en lector. Se queredes saber máis ou participar desta iniciativa, entrade na páxina! (tendes o enlace, coma sempre, na barra de ferramentas)
Cristina

Literatura na televisión


Ola de novo! De volta das vacacións de Semana Santa, sempre tan curtas... tócanos choiar outra vez. Menos mal que temos os libros para escapar a outros mundos de cando en vez, non? Aquí vos deixo dúas recomendacións de programas de televisión sobre literatura, onde podedes atopar entrevistas, reportaxes e recomendacións. Tendes os enlaces na barra de ferramentas, xa sabedes, á vosa dereita. Botádelles unha ollada, seguro que atopades cousas interesantes!!!
A primeira imaxe corresponde a un programa da televisión arxentina, bastante gamberro. En cada capítulo, sempre moi breve, plantéxase un problema, que os protagonistas poderán resolver grazas á literatura. Con esta excusa recoméndanse libros, visítanse librerías e ofrécese información sobre obras e autores.

Esta outra pertence a un programa sobre libros que se emite actualmente na televisión pública española os domingos ás 20.30h, afortunadamente internet nos permite velo noutro horario e non á hora do paseo/deberes! Aquí atoparedes entrevistas con autores moi diversos, moitos xa vellos coñecidos para vos (Amélie Nothomb, Manuel Rivas, Paul Auster, Luis Sepúlveda, Vargas Llosa, Eduardo Mendoza, Laura gallego...); recomendacións de lecturas, reportaxes (incluso un sobre vampiros na literatura), películas baseadas en libros e mesmo un concurso de microrelatos. ¿Coñecíadelo xa?
Cristina