Amosando publicacións coa etiqueta Conmemoracións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Conmemoracións. Amosar todas as publicacións

2020/04/23

#Papalibros_confinad@s. Celebramos o día do libro.

Está claro que a lectura é unha das nosas mellores aliadas para levar o confinamento. Así celebramos o día do libro @s Papalibros. Veña, Papalibros, animádevos e mandade as vosas fotos! Sempre é o día do libro!!

Pila de libros de Noa Varela Pardo, de 4º de ESO

Lúa Varela Pardo, de 1º de ESO con algúns dos seus libros favoritos

Icía García Carregal, de 3º de ESO xuntou un montón novelas e os seus mangas favoritos

Carmen Vicente, de 3º de ESO, escolleu A todos los chicos de los que me enamoré de Jenny Han

María Fuciños, de 2º de BAC, De catro a catro, de Manuel Antonio, todo un clásico da poesía galega na preciosa edición de El Patito Editorial, ilustrado por Pablo Otero



2015/04/26

As Papalibros encadernan

Este ano a celebración do Día do Libro estivo marcada por actos que tiñan en común o fía condutor do Homo Habilis, o noso tema de traballo deste curso. Entre as moitas actividade que se realizaron: abecedariso baleiros e sistemas de numeración en 1º de ESO, sistemas de escritura e soportes en 2º, tipos de abecedarios na aula específica, linguaxe de signos, historia da notación musical... que podedes ver nesta ligazón e nesta outra Aquí vos amosamos un obradorio de encadernación no que participaron moitas/os Papalibros. Esta actividade estivo a cargo de AFEXDI, asociación dedicada á integración socio-laboral das persoas con minusvalidez intelectual a través do desenvolvemento do seu propio traballo. Grazas a eles puidemos coñecer o proceso de encadernación dun libro.
 
E aquí vos amosamos algunha das marabillas que fixo Loli Vázquez, a nosa coordinadora de biblioteca, utilizando libros reciclados, Parabéns, artista!

2014/04/25

23 DE ABRIL, DIA DO LIBRO

Este mércores 23 de abril tivemos unha das nosas reunións de Papalibros, de 2º de ESO neste caso, e non quixemos deixar pasar a oportunidade para facer algunhas recomendacións dos nosos libros favoritos, bota un ollo.

2014/01/30

30 DE XANEIRO, DÍA DA PAZ


Dentro das actividades organizadas para o Día da Paz, que podedes consultar en Biblomelide, na biblioteca seleccionamos uns cantos libros e películas que tratan este tema.
Contamos con novidades relacionadas coa segunda guerra mundial, tema que suscitou interese nos Papalibros máis pequenos, xa que que ne 1º de ESO están vendo películas como O neno co pixama de raias ou A Lista de Schindler. Na nosa mesa está La segunda guerra mundial, un libro de contidos asquibles ben ilustrado, editado en Alhambra- Pearson; cómics como el Gran duque, unha historia de aviadoras rusas e pilotos alemáns, Érase una vez en Francia, sobre o colaboracionismo francés cos nazis; ou El vuelo del cuervo, que da conta das aventuras de Jeanne, un moza que colabora coa Resistencia e o pillabán François.

Tamén temos novidades editoriais como Yo soy Malala, que non necesita presentación, a novela gráfica Thoreau, o la vida sublime, que da conta da vida do pioneiro do ecoloxismo e a desobediencia civil ou Los surcos del azar, a última novela gráfica de Paco Roca, que desenterra do esquecemento a loita dos exiliados republicanos despois da guerra civil seguiron loitando contra o fascismo e participaron na liberación de Paris polos aliados.

Deixámovos cunha páxina deste álbum, onde Paco Roca, coa súa habitual mestría, é quen de construír unha emotiva historia humana ao tempo que recupera a memoria histórica de tantos loitadores olvidados.

2013/06/01

DESPEDIDA AS ALUMNAS E ALUMNOS DE 2º DE BAC

Este ano o alumnado de 2º de BAC quixo despedirse do centro celebrando unha gran festa de graduación. O club de lectura Papalibros, aínda que non se sumou aos "fastos" do día, quixo aportar algo e facer un pequeno agasallo ao alumnado que marcha, seguindo o seu camiño fóra xa do instituto. E como este foi un ano no que andivemos a voltas coas viaxes, que mellor despedida que A Viaxe a Itaca, de K. Kavafis, ilustrada con algunhas das viaxes das nosas alumnas e alumnos? É unha inciativa que xa fixemos outros anos, pero que este ano ampliamos gustosamente a todo o alumnado. Desexando que o IES de Melie vos ofrecese fermosas mercancías, que a vosa viaxe sexa longa, chea de aventuras e chea de coñecemento. Nos ficamos agradecidos pola parte de camiño que compartimos con vós.

2013/05/21

LENDO A ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Unha lectura dramatizada de textos de Animaliños foi a homenaxe que as e os Papalibros fixeron a Vidal Bolaño, autor dedicatario das Letras Galegas neste ano 2013.
Roberto Vidal bolaño foi ante todo un home de teatro, nas súas versións de autor e actor, segundo as súas propias palabras: "Eu son un home... un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo e sen embargo por iso máis grandiosas". Foi un home comprometido coa nosa cultura, unha figura fundamental para a creación do teatro nacional galego profesional. Foi un home rebelde, díscolo e icómodo ás veces, en palabras de Camilo Franco  “non se acomodou. Non se deixou levar, monologou cun mundo que non sempre escoitaba e a súa obra segue tan viva que revitalizará ao longo de todo un sector escénico enfrontado á súa crise continua”.
En Animaliños abórdase a sociedade actual e a súa relación coa natureza. Como noutras obras, Vidal Bolaño recurre ao humor e a ironía para contarnos a historia duns veciños dunha urbanización que se ven atacados por unha praga de caracois. A obra artéllase es escenas polas que desfilan toda unha serie de personaxes satirizados con mestría: representantes da cultura oficial e veciños urbanitas de todo tipo recén hipotecados.
Os e as Papalibros, como en ocasión anteriores, non dubidaron e presentarse voluntarias e voluntarios, para deleitarnos coa lectura dalgunhas escenas coa súa habitual eficacia. Non quedou dúbida que deberíamos explotar máis as dotes interpretativas dalgúns Papalibros.
Rematamos este pequeno tributo ao autor coa proxección de fragmentos da filmografía máis representativa do homenaxeado, Sempre Xonxa e A Lingua das bolboretas

2012/04/23

DÍA DO LIBRO

Hoxe os e as papalibros recordamos a importancia de algo que é a nosa razón de ser como grupo: os libros. Por sorte, para moitas rapazas e rapaces do instituto a lectura é un hábito, un costume pracenteiro que algúns queren compartir. Aínda que poderíamos dicir moitas cousa acerca da lectura, hoxe escollemos esta frase de Carlos Negro, poeta galego que foi profe neste instituto: "fun descubrindo que a lectura me permitía medrar máis rápido e máis lonxe ca ninguén do meu redor. Así abrín os ollos e volvín nacer".
Se che apetece compartir o pracer de ler, podes quedar a xantar con nós o luns e/ou os mércores. Pregunta na biblioteca.

2011/01/30

UNA HISTORIA POPULAR DEL IMPERIO AMERICANO


Con esta adaptación ao cómic do ensaio La otra historia de los Estados Unidos de América, de Howard Zinn, celebramos en Papalibros o día da paz.
Howard Zinn (1922-2010) foi un historiador, politógo e activista político norteamericano. A partir dos anos 60 do s. XX foi un destacado activista dos dereitos civís e nomeado antibelicista. Escribiu unha vintena de obras entre as que destacan, ademáis da citada, a súa autobiografía Nadie es neutral en un tren en marcha, ou Sobre la guerra: la paz como imperativo moral.
Outros autores da obra, ademais de Zinn, son o editor e historiador Paul Buhle e o debuxante Mike Kokopacki. Este cómic foi publicado por Sins Entido no 2010.
H. Zinn aborda a historia dos EEUU dende un punto de vista diferente ao que aparece nos libros de texto do seu país. Explica a historia do pobo americano, a historia dos perdedores: as loitas dos nativos norteamericanos contra os invasores brancos, os movemento sindicalista e o seu enfrontamento contra o capital, o intervencionismo americano nos estados veciños (e os non tan veciños...), a loita do pobo negro contra o racismo, a loita polos deireitos civís, a guerra de Vietnam e o movemento pacifista...
En canto á parte gráfica, os debuxos de Konopacki conviven con outros documentos interesantes: fotografías, carteis, portadas de xornais, viñetas de época... O resultado é unha obra amena, ben sintetizada, que nos leva a descubrir esa historia con letra pequena que ás veces define tan ben o carácter dun pobo ou as tropelías dun goberno.
Recomendamos este libro aos amantes da historia, do cómic e tamén aos que soñan que un mundo máis xusto é posible.
Deixámovos aquí un video onde Zinn explica as razóns que o levaron a escribir esta obra.