Amosando publicacións coa etiqueta cómic de aventuras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cómic de aventuras. Amosar todas as publicacións

2014/06/14

DESPEDIDA DAS PAPALIBROS ADULTAS

O mércores 11 de xuño tivemos a nosa última sesión de club de adultos deste curso 2013/14. A hora foi un pouco antes do habitual, nunha estupenda tarde que xa preludiaba o verán, e o lugar desta vez non foi a nosa biblioteca, senón a casa de Maruxa, unha das nosas lectoras que nos convidou a un exquisito pan recén cocido no forno de pedra da súa casa, na aldea de Agra, a 20 minutos de Melide.
As nosas nosas lecturas para comentar eran, coma sempre, un cómic e unha novela: La casa dorada de Samarcanda, unha aventura de Hugo Pratt protagonizada por Corto Maltés; e Botchan, de Natsume
Soseki, un clásico da literatura xaponesa.

La casa dorada de Samarcanda fixo as delicias dalgunhas lectoras. Hugo Pratt é un mestre en mesturar ficción e realidade histórica, e nesta aventura coloca ao noso heroe Corto Maltés no Oriente próximo convulso dos anos 20 do pasado século, pouco despois da primeira guerra mundial. Corto, infatigable aventureiro, vai na busca do tesouro de Alexandre Magno, seguindo a pista doutro aventureiro histórico, E. Trelawny, que fora amigo de Byron e Shelley. O noso heroe comenza o seu periplo na illa grega de Rodas, continúa por Turquía e percorre o Kurdistán, Pakistán, Afganistán... onde topa con persoeiros históricos coma Enver Bey, un dos Xovenes Turcos que lideraron a revolución que convertíu a Turquía nunha nación moderna e tamén un dos responsables do xenocidio armenio. Ademais das numerosas referencias históricas, o álbum está cheo de guiños ao mundo clásico: Casandra, a amiga de Corto que adiviña o futuro, o seu irmán Narciso, a viaxe de Xasón... Pero talvez o mellor de todo sexa ese xenial personaxe, Corto Maltés, un heroe romántico, cosmopolita, auténtico galán de amores platónicos, audaz pero temperado, inalterable e tranquilo nos momentos de perigo, nobre e xeneroso... que ten como contrapartida a Rasputín, o seu amigo medio delicuente, medio aventureiro, mullereiro, vengativo, cruel e en todo punto excesivo.

Botchan é unha simpática novela de Natsume Soseki, escritor consagrado da literatura xaponesa, que narra as venturas e desventuras dun xoven e novato profesor de secundaria, destinado a unha provincia remota do Xapón. O protagonista, Botchan (que en xaponés significa "neno consentido"), sufrirá as novatadas non só dos alumnos, senón tamén de parte do claustro de profesores, que se aproveitarán da súa inocencia para levar a cabo os seus plans de promoción persoal, con fins pouco educativos. A historia amósanos unha sociedad xaponesa de principios de século XX, en plena Era Meiji, que é testemuña da descomposición do sistema feudal e do nacemento dunha nación moderna que ameaza con convertirse nunha gran potencia, despois de derrotar a Rusia en 1905.

Pero ademais das nosas lecturas falamos de infinidade de temas e escoitamos simpáticas e interesantes historias persoais, como a de Mary, que conseguiu mercar a súa primeira colección de libros traballando na taquilla da histórica discoteca Escorpio, despois Xanadou e actualmente Palladium. Falamos da nosa infancia e dos nosos hábitos lingüísticos, de porque moitos lectores/as rexeitan ler en galego ou lles custa máis.
Botamos moito de menos a Isabel, Amparo, Isa, Trini... que non puideron asistir. Agardamos seguir véndonos no próximo curso e desexamos un verán feliz, cheo de boas lecturas.

2012/05/31

OS PAPALIBROS CON CARLOS NEGRO

Comer na biblioteca é algo excepcional, un privilexio só reservado aos Papalibros en datas sinaladas. Este mércores pasado foi unha desas ocasións, pois na nosa reunión semanal tivemos un invitado moi especial, o poeta Carlos Negro, que tamén foi profesor de lingua galega neste centro.
Despois de xantar a comida que traíamos da casa ou que nos preparou Xan na cafetería, tratamos de descubrir que é a poesía. Carlos ofreceunos "poesía por un tubo" e coa súa axuda foron xurdindo moitas ideas. Unha das que máis nos gustou foi que a poesía é como o chocolate, pequena, escura e moi doce. Carlos leunos Freederick e Un poema para curar a los peces, contos nos que vimos como a poesía nos pode traer o sola eas cores inverno ou salvarnos de morrer de aburrimento. Tamén limos unas cantos poemas de Makinaria e incluso fixemos un rap, para esconxurar eses momentos de estupidez ou subidas de adrenalina que a algúns lles poden facer perder a vida cando están ao volante dun coche. Pero o mellor de todo foi o agasallo do final, un verso de amor e un sugus para irmos coa doce sensación da poesía na boca. Se queredes unha valoración desta xornada non tedes máis que mirar as nosas caras nas fotos que tedes aquí abaixo.

2011/05/28

UN PERCORRIDO POLA HISTORIA DA BANDA DESEÑADA

O pasado mércores 25 de maio tivemos a sorte de ter na nosa biblioteca a un especialista en banda deseñada: José Barreiro (Pío para os amigos), fundador da librería Kómic de Santiago e, sobre todo, un gran lector e amante dos tebeos. A esta charla asistiron moitos Papalibros, que durante este curso leron unhas cantas novelas gráficas.
Na charla fiexemos un percorrido pola historia da banda deseñada, usando o material que amablemente compartiu con nós a Biblioteca do CPI don Aurelio. Pío explicounos como dende os comezos da humanidade o home sempre recurriu á imaxe para contar historias, empezando polas pinturas rupestres ou a escritura xeroglífica exipcia. Estas imaxes moitas veces tiñan auténtica forma de banda deseñada, o friso e as metopas do Partenón, ou a columna Traxana poderían ser algúns exemplos. Pero a banda deseñada como xénero xurde co século XX e ata os nosos días foi gañando recoñecemento ata ser considerado coma unha expresión artística máis, liberándose dese carácter secundario e marxinal que o rodeaba.
Moitos dos titulos destacados (Maus, Contrato con Dios, Watchmen...)  están na nosa biblioteca, polo que poidemos ver mellor os debuxos e contido. Algúns asistentes recoñeceron na presentación libros que tiñan na súa casa por ser lecturas dos seus pais: Esther, Corto Maltés, Tintín, Asterix.... ou, como non, Mortadelo e Filemón.
Rematamos vendo as últimas novidades no cómic español e galego: El Arte de Volar, El invierno del dibujante ou El Héroe de D. Rubín, que son as últimas adquisicións da nosa biblioteca.
Pero ademais desta valiosa información, ben ordeada e resumida, Pío transmitiunos algo máis importante na súa charla: as ganas de ler todas esas historias debuxadas e escritas das que nos falaba e a importancia de poder disfrutar coa arte, tanto como espectadores coma creadores. Si, coma creadores porque algúns dos rapaces e rapazas presentes poden ser futuros debuxantes, escritores, contadores de historias...
Quedounos pouco tempo para conversar, pero o resultado foi bo: unhas cantas persoas levaron en préstamo cómics para devorar no fin de semana coma auténticos Papalibros.

2010/11/21

El Escorpión. La Sombra del Ángel

DESBERG-MARINI

Xa están aquí os últimos números da serie do Escorpión, aventuras históricas de capa e espada. O Escorpión é un aventureiro do século XVII que gaña a vida conseguindo reliquias antigas e vendéndoas ao mellor postor. Na Sombra del Ángel, o protagonista regresa a Roma decidido a explorar todos os recunchos do seu pasado. Aparecen novos personaxes, algúns para axudarlle e outros para enganalo. Mejai parece disposta a todo por amor e até lle axuda a buscar a verdade. Pero o retorno da marquesa alterará esta relación. Que pasará?