2011/05/28

UN PERCORRIDO POLA HISTORIA DA BANDA DESEÑADA

O pasado mércores 25 de maio tivemos a sorte de ter na nosa biblioteca a un especialista en banda deseñada: José Barreiro (Pío para os amigos), fundador da librería Kómic de Santiago e, sobre todo, un gran lector e amante dos tebeos. A esta charla asistiron moitos Papalibros, que durante este curso leron unhas cantas novelas gráficas.
Na charla fiexemos un percorrido pola historia da banda deseñada, usando o material que amablemente compartiu con nós a Biblioteca do CPI don Aurelio. Pío explicounos como dende os comezos da humanidade o home sempre recurriu á imaxe para contar historias, empezando polas pinturas rupestres ou a escritura xeroglífica exipcia. Estas imaxes moitas veces tiñan auténtica forma de banda deseñada, o friso e as metopas do Partenón, ou a columna Traxana poderían ser algúns exemplos. Pero a banda deseñada como xénero xurde co século XX e ata os nosos días foi gañando recoñecemento ata ser considerado coma unha expresión artística máis, liberándose dese carácter secundario e marxinal que o rodeaba.
Moitos dos titulos destacados (Maus, Contrato con Dios, Watchmen...)  están na nosa biblioteca, polo que poidemos ver mellor os debuxos e contido. Algúns asistentes recoñeceron na presentación libros que tiñan na súa casa por ser lecturas dos seus pais: Esther, Corto Maltés, Tintín, Asterix.... ou, como non, Mortadelo e Filemón.
Rematamos vendo as últimas novidades no cómic español e galego: El Arte de Volar, El invierno del dibujante ou El Héroe de D. Rubín, que son as últimas adquisicións da nosa biblioteca.
Pero ademais desta valiosa información, ben ordeada e resumida, Pío transmitiunos algo máis importante na súa charla: as ganas de ler todas esas historias debuxadas e escritas das que nos falaba e a importancia de poder disfrutar coa arte, tanto como espectadores coma creadores. Si, coma creadores porque algúns dos rapaces e rapazas presentes poden ser futuros debuxantes, escritores, contadores de historias...
Quedounos pouco tempo para conversar, pero o resultado foi bo: unhas cantas persoas levaron en préstamo cómics para devorar no fin de semana coma auténticos Papalibros.

2011/05/27

Despedindo Papalibros con El Arte de volar

Un bo remate para as nosas reunións do club de lectura foi este xantar frugal á sombra dunha arbore no xardinciño do noso IES de Melide falando dun libro estupendo: El Arte de volar, novela gráfica con guión de A. Altarribia e debuxos de Kim, editado en Edicións de Ponent.
El Arte de volar cóntanos a historia do pai do guionista, Antonio Altarriba López, un home de orixe humilde que viviu casi todo o século XX nunha España marcada pola Guerra Civil. Esta é unha historia de perdedores, como a de moitos españois que sin terra e sin traballo vislumbraron na II República unha esperanza pola que loitar. Antonio Altarriba tentou voar toda a súa vida, pero só o conseguiu cando se tirou da cuarta planta dun xeriátrico aos noventa anos. A partir deste feito imos reconstruíndo a súa vida da man do seu fillo, seguindo a traxectoria da caída: 3ª planta, 2ª planta... ata chegar ao chan.
Ademais de ser unha espléndida crónica da historia española do s. XX, o libro ven sendo unha radiografía social narrada con exquistez e sutileza en viñetas como aquelas que nos describen a pobreza e mesquindade da vida rural no pobo de Peñaflor, en Aragón, a principios de século, o desalentador exilio en Francia, a miseria moral do franquismo...
O impecable guión de Altarriba está ilustrado cos debuxos de Kim (Joaquim Aubert i Puig-Arnau), coñecido debuxante del El Jueves con series como "Martínez, el Facha" ou personaxes coma Makoki. Nesta obra Kim desenvolve todas as súas posiblidades gráficas, moito maís alá das súas anteriores series plasmando todo tipo de sentimentos, pero sobre a mediocridade dominante na sociedade española. Son impresionates as viñetas que describen escenas oníricas como a da aguia imperial que arrinca os ollos de Antonio ou os animais e alimañas que o visitan e carcomen ao final da súa vida.
Pero El Arte de volar é un libro imprescindible porque é moito máis que unha historia da Guerra Civil ou do s. XX español. É unha historia dolorosa dun fillo que se encarna nun pai para poder asimilar mellor o seu sufrimento e asumir así a súa perda: "Yo sí se como lo hizo (o suicidio)...soy el único que puede saber como lo hizo, porque, aunque no estaba allí, estaba en él... Siempre he estado en él porque un padre está hecho de sus hijos posibles y yo soy el único hijo que le fue posible a mi padre".

2011/05/25

MAKINARIA


Esta nova obra de Carlos Negro é "un libro de versos co depósito cheo de gasolina, testosterona e alcol" como aparece na contraportada do libro. O destino é a morte .
Estes versos libres dedicados aos mozos e mozas de Dodro para que cheguen a vellos é un recordatorio para toda a xuventude de que non somos inmortais

This is the end.

Cando veñades rezar,
a me falar en silencio,
a soas coas sombras,
rogaríavos,
se non vos importa,
que non pousedes
derriba do nicho,
flores de plástico.
Non desas flores
que semellan vivas,
mais naceron mortas.
Daríanme frío

2011/05/23

USHA

Uxía, Usha para os seus amigos, escribe o seu diario contando todo o que lle acontece na India, onde está vivindo con súa nai, que é membro dunha ONG. Fálanos dos seus amigos e amigas, da cultura, comidas, tradicións, idiomas... da India e tamén nos menciona que un grave acontecemento está a ocorrer en Galiza: un barco naufragou fronte as costas galegas e está contaminando todo con petróleo. Debido a isto, Usha e súa nai deciden volver a Galiza.

2011/05/22

FRAQUEZAS

Nesta nova obra, Xosé Díaz Díaz preséntanos seis relatos, algúns deles premiados, nos que aparece a traxedia, o desexo, a violencia, o desconsolo..., pero tamén a esperanza nun intre no que os protagonistas poden darlle a volta á vida e vela cunha nova luz.

Velaquí tedes un fragmento do último dos relatos, titulado O ollo alleo:
"A paisaxe é marciana, pois está sementada de pedras e area, só que estas nosas máis amarelas, da cor do pan. É para min estraño, xa que aquí a terra bebe regadío de sangue, de cada día varias persoas, veciños, parentes, abren sangue e eslúense no noso chan en miles de pingas; e velaí por que non agroma nin é fértil nin ben dado ao cultivo, de tan enchoupado de quina, de tan coma feluxe ás veces. Hai unha semana foi Namir, a miña irmá grande, quen se entregou; preparouse toda ela moi ben aquelada para levar adiante, dixéramo. Guiei o noso coche deica aló e deixeina onde ordenou: onda a porta de Damas. A nosa nai sóuboo despois, que eu lle vin coa nova mesmo antes de que saíse unha reportaxe na televisión israelí, que sintonizamos dende acó e que é a única que podemos ver..."