Amosando publicacións coa etiqueta teatro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta teatro. Amosar todas as publicacións

2017/10/25

GALICREQUES DE NOVO

Como xa vén sendo un costume consolidado entre os Papalibros, nos clubs de benxamín e xuvenil acudimos un ano máis ao Festival de Galicreques, en Compostela, para ver Macbeth, ya somos el olvido que seremos, a cargo da compañía Alauda Teatro. Ademais do Club de Lectura tamén participaron nesta actividade o alumnado e Artes escénicas e o de Literatura Universal.
Nada máis chegar a Compostela visitamos unha exposición de marionetas africanas na Biblioteca Anxel Casal. Aproveitamos o noso paso pola Praza do Obradoiro para gozar unha vez máis das vistas da Catedral, a pesares de estar andamiada, do Hostal dso Reis Católicos, Pazo de Fonseca, Pazo de Raxoi... e repasar cousas que vimos na clase estes anos. Tamén pasamos pola Praza de Praterías,onde fixemos unha foto de "familia".
Xa no teatro Principal, Alauda Teatro ofreceunos unha magnífica representación de Macbeth, versión do clásico de Shakespeare, que no seu título fai referencia a un soneto de J. L. Borges. Os actores usaron marionetas de diferentes tipos e unha serie de recursos escénicos, entre os que destaca a música en directo, para contarnos a historia deste personaxe ambicioso, que xunto coa súa muller, a pérfida Lady Macbeth, consegue a coroa de Escocia grazas a súa falta de escrúpulos. O argumento foi un pouco complicado para os máis pequenos, pero despois dun repaso no bus de volta entendímolo algo mellor.
Unha das cousas máis proveitosas para todos nós, pero especialemente para o alumnado de Artes Escénicas, foi a conversa cos actores ao final da obra, na que ademais de contestar ás preguntas do público, derónnos consellos para unha posta en escena con marionetas.
  Galicreques 2017

2015/02/09

KASSA, teatro a cargo do Elefante Elegante

A semana pasada os Papalibros xunto coas alumnas e alumnos das aulas de teatro fomos ao Salón Teatro de Compostela para ver KASSA, a cargo da compañía coruñesa O Elefante Elegante.

Kassa é unha homenaxe á Metamorfose de Kafka no centenario de da súa publicación e é unha versión libre da obra. Se Gregorio Samsa se metaforseaba en cascuda debido a mala vida que levaba polo exceso de traballo e ao tedio acumulado, o protagonista de Kassa vese convertido en animais varios por todo contrario: á perda do traballo, que conleva a perda do seu tren de vida nunha sociedade consumista e baleira e, irremediablemente a perda do fogar e da propia identidade.

Para contarnos esta historia o Elefante Elegante conta cunha magnífica compañia de actores que, cunha forma física e formación artística impresionantes, interpretan as letras dunha banda sonora propia, creada por artistas galegos, ao tempo que danzan e fan acrobacias. Cómpre destacar a espectacular escenografía que se converte nun personaxe máis, unha casa que vai evolucionando á par dos seus donos e acaba desintegrándose con eles. Parabéns a toda a compañía e grazas por engaiolarnos con esta historia.

2013/06/18

VIAXE A VALLADOLID E SEGOVIA

Por fin conseguimos facer un vídeo da viaxe que as/os Papalibros e alumanos de Cultura clásica fixemos no mes de maio a Valladolid e Segovia. En Valladolid asistimos ao TAC (Teatro y Artes de Calle) e vimos uns espectáculos moi variados e de gran calidade. Unha idea de teatro diferente da que levaban algúns dos nosos viaxeiros/as. A viaxe foi estupenda e o alumnado, como xa é costume en Melide, respondeu de marabilla. Así calquera organiza viaxes!

2013/05/21

LENDO A ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Unha lectura dramatizada de textos de Animaliños foi a homenaxe que as e os Papalibros fixeron a Vidal Bolaño, autor dedicatario das Letras Galegas neste ano 2013.
Roberto Vidal bolaño foi ante todo un home de teatro, nas súas versións de autor e actor, segundo as súas propias palabras: "Eu son un home... un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo e sen embargo por iso máis grandiosas". Foi un home comprometido coa nosa cultura, unha figura fundamental para a creación do teatro nacional galego profesional. Foi un home rebelde, díscolo e icómodo ás veces, en palabras de Camilo Franco  “non se acomodou. Non se deixou levar, monologou cun mundo que non sempre escoitaba e a súa obra segue tan viva que revitalizará ao longo de todo un sector escénico enfrontado á súa crise continua”.
En Animaliños abórdase a sociedade actual e a súa relación coa natureza. Como noutras obras, Vidal Bolaño recurre ao humor e a ironía para contarnos a historia duns veciños dunha urbanización que se ven atacados por unha praga de caracois. A obra artéllase es escenas polas que desfilan toda unha serie de personaxes satirizados con mestría: representantes da cultura oficial e veciños urbanitas de todo tipo recén hipotecados.
Os e as Papalibros, como en ocasión anteriores, non dubidaron e presentarse voluntarias e voluntarios, para deleitarnos coa lectura dalgunhas escenas coa súa habitual eficacia. Non quedou dúbida que deberíamos explotar máis as dotes interpretativas dalgúns Papalibros.
Rematamos este pequeno tributo ao autor coa proxección de fragmentos da filmografía máis representativa do homenaxeado, Sempre Xonxa e A Lingua das bolboretas

2009/06/17

Don Gil de las Calzas Verdes, Tirso de Molina


Ola!
Este é un deses libros que, se non nolo desen a escoller como lectura obrigatoria, nunca leriamos, pero o certo é que nos rimos bastante lendo nel. A pesar de que o teatro en verso non é facil, xa que ao principio parece coma se non estiveses a enterarte de nada, pasámolo moi ben ata o final, e especialmente ao final. Só o limos entre catro persoas, polo que tiñamos varios papeis para cada un, pero lelo entre todos foi unha experiencia nova que nos gustaría repetir. Ten partes graciosas como boa comedia barroca que é, coas que unha vez comezabamos case non dabamos parado de rir. Tamén riamos bastante coas diferenzas entre as dúas edicións que estabamos a utilizar, e co curioso vocabulario que contén.

O certo é que é unha historia bastante atrevida para a súa época polo tema a tratar, pois parécenos que o travestirse non debía ser algo moi ben visto naqueles anos (aínda que agora tampouco o sexa, je, je).

Recomendámosvola. Ídesvos rir un pouco. Sobre todo se o ledes en grupo.

Mónica, David, Laura e Andrea (1ºBAC A)
Nota da profesora implacable que propuxo a obra: Como poderá supoñer calquera papalibros observador (sobre todo despois desas lecturas voraces de novela negra ás que nos adicamos últimamente), por esixencias do guión, non todos os pés da foto corresponden a estes catro lectores ¿Adiviñades de quen son?

2009/01/15

VIDEO "A princesiña Socorro..."


Os venres as clases de galego foron diferentes. Por que? Pois porque lemos teatro. A obra foi, A princesiña Socorro, o trobeiro Carolo e o demo dos cornos. Como o seu título indica é un libro orixinal e divertido. Lemos todos interpretando os diferentes personaxes; ata nos gravaron en video. Queres ver como foi a cousa? Preme ...................... e verás.
Animádevos a descubrir o mundo da princesiña e o seu namorado, un trobeiro algo "caghiñas".
Alumnado 1º ESO C.