Amosando publicacións coa etiqueta Novas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Novas. Amosar todas as publicacións

2020/04/21

#Papalibros_confinad@s

Con esta especie de hahstag, #Papalibros_confinad@s, @s Papalibros estamos intentando compartir as nosas lecturas durante o confinamento facendo vídeos moi curtiños, de menos de dous minutos nos que despois de presentarnos, comentamos como nos axuda a lectura no confinamento e falamos dun libro.
No club de adultos animámonos e, aínda que moitas non controlamos moito de imaxe, si que conseguimos comunicar o que nos aporta a lectura, que é o que importa. Veña, a que agardades @s máis nov@s?

2017/06/24

DESVALIXANDO A BIBLIOTECA ANTES DO VERÁN

Este foi o aspecto da nosa biblioteca Xaquín Yebra na última semana de clases. Colas de xente collendo libros a esgalla que, cando non dá tempo de facer o préstamo no recreo, deixan un montonciño co nome para que os profes encargad@s da biblioteca continuemos a tarefa.
Unha semana de tolos, de traballo arreo e de case pelexas polos libros, con carreiras as librarías para comprar segundos exemplares ou novidades que non poden agardar á volta do verán. Nas seccións de cómics e literatura xuvenil empezan a verse importantes ocos e nunca tanto gusto deu ver algo desvalixado como unha biblioteca.
Calculamos que nestas últimas semanas prestáronse arredor de 500 libros, por algo nos chamamos Papalibros. Recordade que na última semana de xuño aínda se poden coller libros ou películas, ata 20 recursos (se fai falta, aumentamos) por 90 días. Vide a atracar a biblio, os libros consérvanse mellor nas mans das lectoras e lectores que nas bibliotecas, está demostrado. Feliz verán e felices lecturas.

2015/11/28

ADEUS A XOSÉ NEIRA VILAS

Este venres 27 de novembro, xa avanzada a mañá, o alumnado de literatura galega de 2º BAC preparaba apresuradamente para proxectar nos corredores unha imaxe de Xosé Neira Vilas cun breve pé que aclaraba que o autor de Vila de Cruces nos deixara. Poderíamos escribir aquí un artigo extenso gabando as calidades do autor e da persoa que foi Neira Vilas, pero hai abondosa información na rede e nos medios. Aquí e agora gustaríanos, gustaríame, facer unha breve reflexión, xa a título persoal, do que supuxo Memorias dun neno labrego para aqueles que nacimos nos anos 60 do pasado século e nos botamos a ler nos 70.
Non me lembro con exactitude cal foi o primeiro libro, libro-libro, refírome, que lin en castelán, pero si me lembro que o primeiro libro que lin en galego era Memorias dun neno labrego, lectura obrigatoria, se mal non recordo, naquel 1º de BUP no que eu tería uns catorce anos. A lectura non fora fácil porque o vocabulario era complicado e non tiñamos dicionarios axeitados. A miña foi a primeira promoción que estudara lingua galega no instituto. Daquela o material didáctico estaba por facer, había un único libro de texto e non gardo na memoria literatura xuvenil en galego a non ser unha tradución do Principiño, que por fortuna tiña na casa, e que por moito debuxiño que tivese non acababa de convencerme... (quen dixo que esta era unha lectura para nenos?).
Cando conseguín ir superando as dificultades do léxico e avanzando a novela, descubrinme igual de prendida que con outros libros que lera, xa non era capaz de parar até saber se habería xustiza para Balbino, odiaba a Manolito, sentíame resarcida cando lle guindara a pedra e choraba de carraxe cando seu pai o castigara brutalmente.
Parafraseando a Carlos Negro, eu nunca fóra nena de aldea, máis a aldea entrou en min non só a través da casa dos avós paternos, na aldea de Cabeza de Vaca, en Ourense, senón tamén a través dos libros da Triloxía do neno de Neira Vilas. Con el descubrín a historia da xente humilde do meu país, que ás veces non é a que se conta nos libros de texto, unha historia de asoballamentos, inxustizas e desigualdades, pero cun ingrediente novo, a dignidade que Neira Vilas lle devolvía a aldea.
Voltei a mirar para o río e a comparalo cao vida. Coa vida de todos. A da xente que facía a labra, a dos que estaban lonxe, ou navegando, ou aínda non nasceran. ¡Que procesión inmensa é o mundo! Que feira, onde a todas horas chegan uns e outros vanse.
Memorias dun neno labrego
Grazas polas túas lecturas, Xosé, por facernos máis agradable este río da vida.

2013/10/18

Brújulas que buscan sonrisas perdidas

Esta é unha das últimas adquisicións da biblioteca, pensando sobre todo no nutrido grupo de fans de Albert Espinosa que temos entre os nosos (ou máis ben nosas) Papalibros. A particularidade deste libro é que conseguimos que o propio autor asinara e dedicara un exemplar ao noso club de lectura, ao seu paso pola libraría Cronopios de Santiago de Compostela. Nesta novela Albert Espinosa trata temas como o amor, a famila, a sinceiriade e as segundas oportunidades nunha historia protagonizada por eses personaxes inesquecibles que caracterizan a súa obra. Reproducimos aquí un pequeno fragmento para abrivos o apetito:
Nunca dejaré de buscar mi archipiélago de sinceridad... ¿Quieres formar parte de él? «Jamás nos mentiremos... Escúchame bien, eso implica algo más que ser sincero... En este mundo mucha gente es falsa... Las mentiras te rodean... Saber que existe un archipiélago de personas que siempre te dirán la verdad vale mucho... Quiero que formes parte de mi archipiélago de sinceridad...» «Saber que puedes confiar en la otra persona, que nunca te mentirá, que siempre te dirá la verdad cuando se lo pidas, no tiene precio... Te hace sentir fuerte, muy poderoso...» «Y es que la verdad mueve mundos... La verdad te hace sentir feliz... La verdad creo que es lo único que importa...»
Aquí tedes unha crítica do libro: http://alcalordeloslibros.blogspot.com.es/2013/06/brujulas-que-buscan-sonrisas-perdidas.html. Fans de Espinosa, o libro está agardando por vós na biblioteca do IES de Melide.

2012/10/02

VOLVEN AS/OS PAPALIBROS!!

Despois dun verán intenso no que moitos/as de nós puidemos practicar unha das nosas actividades favoritas, papar libros, volvemos de novo a quedar para falar de viaxes, aventuras, terror, misterio, amor, das cousas que nos preocupan, do que nos gusta, do que nos da medo...., das cousas importantes da vida que nos contan os libros.
Este ano imos seguir facendo reunións a mediodía, xantando xuntos os lus ou os mércores, segundo nos toque ter clase a maiores e máis pequenos. Outros quedaremos nos recreos na biblioteca ou nas aulas de lingua, reforzo, alternativas... O importante e ler e, si nos gusta tanto, por que non contarllo aos demais e compartilo?
Seguiremos facendo saídas coma o ano pasado, algunhas máis cerca, pola contorna e outras en bus.
Pero tamén imos ter algunha novidade este ano. Xa que temos unha emisora de radio, Falamelide, porque non facer uso dela? Se se apuntan uns cantos voluntarios ou voluntarias, imos facer un programiña onde os Papalibros recomenden lecturas. Ide pensando no nome do programa.
Outra novidade é que imos formar, se se apunta xente, un  club de lectura de adultos, e que os Papalibros non teñen idade. Sabemos que a moitas mamás e papás lles gusta ler e que moitos Papalibros len grazas a eles. Pois se xuntamos un grupiño de nais, profes, pais, e toda a xente que lle apeteza.... haberá un club de Papalibros "senior" e quedamos algunha tarde inverno nun sitio agarimoso a compartir lecturas.
Ven a informarte na biblioteca:
Xoves 4 de outubro, no recreo: 1º e 2º de ESO
Venres 5 de outubro no recreo: 3º e 4º de ESO, BAC, Madeira

2011/11/23

Maleta de Cómics

Nesta segunda quincena de novembro temos no noso instituto unha maleta de cómics, préstamo da Rede de Biblotecas Escolares de Galicia e do CAFI. Nesta maleta, que ten rodas para levar comodamente á aula, podemos atopar moitos dos cómics que xa temos na biblioteca do instituto, dende os clásicos Titín ou Asterix ata títulos máis coñecidos como Emigrantes, Maus, Persépolis, sen saltar xénero negro como As Serpes Cegas, ou cómic histórico como No pasarán!, con ambientación na guerra civil española.
Se aínda non te atreviches a mergullarte no mundo da banda deseñada, esta é unha boa oportunidade. Leva a maleta a túa aula e revolve un pouco, seguro que hai algo que che gusta.

2011/05/28

UN PERCORRIDO POLA HISTORIA DA BANDA DESEÑADA

O pasado mércores 25 de maio tivemos a sorte de ter na nosa biblioteca a un especialista en banda deseñada: José Barreiro (Pío para os amigos), fundador da librería Kómic de Santiago e, sobre todo, un gran lector e amante dos tebeos. A esta charla asistiron moitos Papalibros, que durante este curso leron unhas cantas novelas gráficas.
Na charla fiexemos un percorrido pola historia da banda deseñada, usando o material que amablemente compartiu con nós a Biblioteca do CPI don Aurelio. Pío explicounos como dende os comezos da humanidade o home sempre recurriu á imaxe para contar historias, empezando polas pinturas rupestres ou a escritura xeroglífica exipcia. Estas imaxes moitas veces tiñan auténtica forma de banda deseñada, o friso e as metopas do Partenón, ou a columna Traxana poderían ser algúns exemplos. Pero a banda deseñada como xénero xurde co século XX e ata os nosos días foi gañando recoñecemento ata ser considerado coma unha expresión artística máis, liberándose dese carácter secundario e marxinal que o rodeaba.
Moitos dos titulos destacados (Maus, Contrato con Dios, Watchmen...)  están na nosa biblioteca, polo que poidemos ver mellor os debuxos e contido. Algúns asistentes recoñeceron na presentación libros que tiñan na súa casa por ser lecturas dos seus pais: Esther, Corto Maltés, Tintín, Asterix.... ou, como non, Mortadelo e Filemón.
Rematamos vendo as últimas novidades no cómic español e galego: El Arte de Volar, El invierno del dibujante ou El Héroe de D. Rubín, que son as últimas adquisicións da nosa biblioteca.
Pero ademais desta valiosa información, ben ordeada e resumida, Pío transmitiunos algo máis importante na súa charla: as ganas de ler todas esas historias debuxadas e escritas das que nos falaba e a importancia de poder disfrutar coa arte, tanto como espectadores coma creadores. Si, coma creadores porque algúns dos rapaces e rapazas presentes poden ser futuros debuxantes, escritores, contadores de historias...
Quedounos pouco tempo para conversar, pero o resultado foi bo: unhas cantas persoas levaron en préstamo cómics para devorar no fin de semana coma auténticos Papalibros.

2008/05/14

Cal é o sentido do club PAPALIBROS (?)

Basicamente xuntámonos porque cremos que ler cambia o mundo. Cámbiao porque lendo viaxas a mil lugares, a mil outras vidas, a mil situacións. Lemos polo gusto de ler, porque nos peta. E ese pequeno acto de rebeldía fainos un pouco máis libres.

E o feito de falar de libros fainos estender esa telaraña de emocións e vivencias a outras persoas, a outros colegas. Xuntámonos cada quince días, máis ou menos. Máis ou menos, si, porque isto non segue regras fixas.

Ás veces as gañas de xuntarnos nos poden levar a facelo antes, porque non aguantamos para contar o que temos lido. E quedamos nun lugar do instituto que ten zumes, sofás e moita, moita luz (será iso unha metáfora do que queremos facer?).

Convidamos a todos e todas (alumnado, profes, limpadoras, conserxes, ...) a pasar por alí cando os carteliños o anuncien. É moi raro que non se saque algo en limpo... de verdade.