2017/06/24

DESVALIXANDO A BIBLIOTECA ANTES DO VERÁN

Este foi o aspecto da nosa biblioteca Xaquín Yebra na última semana de clases. Colas de xente collendo libros a esgalla que, cando non dá tempo de facer o préstamo no recreo, deixan un montonciño co nome para que os profes encargad@s da biblioteca continuemos a tarefa.
Unha semana de tolos, de traballo arreo e de case pelexas polos libros, con carreiras as librarías para comprar segundos exemplares ou novidades que non poden agardar á volta do verán. Nas seccións de cómics e literatura xuvenil empezan a verse importantes ocos e nunca tanto gusto deu ver algo desvalixado como unha biblioteca.
Calculamos que nestas últimas semanas prestáronse arredor de 500 libros, por algo nos chamamos Papalibros. Recordade que na última semana de xuño aínda se poden coller libros ou películas, ata 20 recursos (se fai falta, aumentamos) por 90 días. Vide a atracar a biblio, os libros consérvanse mellor nas mans das lectoras e lectores que nas bibliotecas, está demostrado. Feliz verán e felices lecturas.

Ningún comentario: