2015/05/16

AS PAPALIBROS ADULTAS CON MURAKAMI E BLACKSAD

Aínda que este curso non fixemos moita publicidade, as xuntanzas do club de adultos seguen vento en popa. Seguimos xuntándonos un mércores ao mes cun par de lecturas: unha novela e un cómic.
Así levados lido dende que comezou o curso os seguintes títulos: La mujer habitada de G. Belli, Barrio Lejano de Taniguchi, La acabadora de M. Murgia, Los combates cotidianos de M. Larcenet, Memorias de la niña mala de M. Vargas Llosa, Watchmen de A.Moore & D. Gibbons, O sentido dun final de J. Barnes e Carta a una desconocida de S. Zweig. 

Nesta última xuntanza demos conta de Tokio Blues, de H. Murakami, e do primeiro volume de Blacksad, de Guarnido & Díaz Canales. Murakami forma parte dese intento que facemos as Papalibros de achegarnos a outras literaturas e resultounos sorprendente o protagonismo deses mozos tan libres e independentes nun Tokio de finais dos anos 60 occidentalizado ao que chegan os ecos do maio do 68. O protagonista, Toru Watanabe, un mozo marcado polo suicidio do seu único amigo, comeza os seus estudos universitarios e debe enfrontarse á vida en medio da soidade e a inseguride propia da súa idade. Descubrirá o amor, pero un amor que conleva dor, e buscará con ansia a amizade. Chama a atención a ausencia da figura paterna ou de outras persoas maduras e adultas que o acompañen nesa transición a idade adulta á que chega a través da superación da dor e coa axuda dos seus iguais, que tamén sufriron como el.  

Blacksad é case un clásico que tiñamos na lista de lecturas pendendentes. É máis que comprensible que recibise tantos premios, pois o primeiro que chama a atención neste cómic de xénero negro é o extraordinario debuxo de Guarnido. Os zoormorfos, posible influencia de Disney, para a que traballa Guarnido, e/ou de Maus, son a esencia da narración, non é necesario describir ao noso protagonista que é un elegante e guapetón gato, ou a un empresario que é un sapo, un réptil que é asasino a soldo ou unha amante que é unha linda gatiña moi humanizada. Os planos son maxistrais, non nos estraña que o noso antigo e admirado compañeiro Xosé Tomás o utilizase como modelo para explicar as entrañas do cómic ao alumnado. Pero ademais dos personaxes, outra das cousas estupendas de Blacksad son os escenarios xenuínos que recrea nesa Norteamérica dos anos cincuenta: as mafias, o racismo, a caza de bruxas, os cálidos ambientes de Nova Orleans ou da Ruta 66, na que non faltan os beatniks facendo a súa particular "On the road". O certo é que algunhas non poidemos conternos e limos todos os demais volumes.

Pero se as nosas lecturas van por bo camiño, a parte gastronómica non queda atrás. Velaí a estrela do noso club de gourmets, o delicioso pan que fai Maruxa no seu forno de leña, desta vez con forma de corazón, todo un luxo.

2015/05/14

LER BAIXO AS ARBORES, POR FIN A PRIMAVERA!!

Estes días previos ás letras galegas por fin se nos manifesta a primavera e as e os Papalibros podemos facer unha das cousas que máis nos gusta, ler ao aire libre, disfrutando da natureza.
Na xuntanza deste mércores, co primeiro ciclo de ESO, falamos dalgunhas lecturas. Por exemplo, María Fuciños, de S1A, está a ler La caída de los gigantes, un libro de máis de mil páxinas que len os adultos. María vai chegando á páxina catrocentas e contounos que o libro narra historias de diferentes personaxes que viven en Inglaterra, Rusia, Alemania... que logo se encontrarán na primeira Guerra Mundial. Aproveitamos para explicar que o título, A caída dos xigantes, fai referencia á caída dos grandes imperios europeos como Prusia ou Austria-Hungría despois da primeira Gran Guerra.
Sara Folgueira, de S1B, a superfan de Laura Gallego, falounos do último libro da autora, Todas las hadas del reino, que nos conta a historia de Camelia, unha fada madriña que empeza a ter problemas cando lle encomendan a Simón, un mozo de cadras que está namorado dunha princesa e necesita a súa axuda.
Dende aquí queremos tamén felicitar especialmente a Ana Mª Prieto, de S1C, que bateu o récord de lectura completando catro carnés de Papalibros. Ana leu 24 libros no que vai de curso e gañou catro vales de 10 €. Esta si que que é unha Papalibros!!

2015/05/08

CARLOS NEGRO DE NOVO EN MELIDE

Outra vez alumnado do IES de Melide, neste caso 3º de ESO, tivo a sorte de volver disfrutar da presenza de Carlos Negro,que desta vez nos presentou o seu poemario de Penúltimas tendencias, sen deixar de redordarnos algún poema de Makinaria. Na actividade actividade estiveron presentes moitas Papalibros, e unha delas, Iria Barreiro, de 3º B, fai esta magnífica crónica da xornada:

O pasado xoves 7 de maio, o escritor galego Carlos Negro (Lalín, 1970) agasallounos aos alumnos e alumnas de terceiro da ESO cunha interesante e divertida charla sobre dous dos seus grandes éxitos na literatura xuvenil: Makinaria e Penúltimas tendencias. Makinaria é un conxunto de poemas que tratan da vida aloucada dos mozos de 18 anos, que soamente pensan en queimar a goma das rodas e sentir a euforia correndo polas súas veas, sen importar o que ninguén lles diga, ata que é demasiado tarde. Con ela, trata de nos facer ver o ridículo da situación para evitar que sexa demasiado tarde tamén para nós. Penúltimas tendencias é tamén un conxunto de poemas que falan da gaiola que atrapa a xente coas súas revistas Super Pop e Megafashion, que nos fan ver que o mundo é rosa, que nos din como debemos ser para poder triunfar na vida…, e con ela o autor quere facernos ver que nós somos únicos na nosa forma de ser, e non como os demais queren que sexamos. Carlos Negro comezou contándonos o conto portugués Unha princesa do pior. Nese momento xa nos deu a amosar unha pequena parte do seu carácter tranquilo e animoso. Continuou falándonos un pouco sobre Makinaria, onde se demostrou que Carlos Negro é unha persoa moi agradable e divertida. Despois de mostrarnos uns coches de xoguete musicais para presentar o argumento de Makinaria, fíxonos rapear un pouco algúns poemas como "Sound Play Session Vol. 1" ou "Nota Necrolóxica", facéndonos tamén pasar un bo anaquiño.
Pero ao que dedicou a maior parte do tempo foi a Penúltimas tendencias. Ensinounos o contido do seu baúl, que contiña os obxectos nos que se inspirara para escribir a súa obra, non sen antes parodialos un pouco. Ensinounos o seu diario de One Direction, ou a súa tétrica boneca Corvo, que a pesar de ter un carácter escuro, ten tamén un corazón moi puro, como nos ensinou Carlos. Despois de mostrarnos que nós eramos únicos ensinándonos o noso reflexo nun espello, agasallounos ademais cunha dedicatoria a aqueles que a quixemos, identificando cun simple saúdo que lle entregabamos, a frase que mellor encaixaba co noso carácter (e sorprendentemente, conseguiuno).
Na miña opinión, ademais de falar claramente e abrirnos a nós un pouco os ollos, Carlos Negro é unha moi boa persoa que nos marcou a todos un sorriso na cara ademais dunha pegada no corazón.