2024/12/20

Pechamos o ano no Club

 Para pechar o ano no Club de Lectura fixemos unha sesión de cine na biblioteca. Desta vez o alumnado de 1º e 2º de ESO tivo como lectura O neno do pixama de raias de John Boyne.

Foi o último mércores antes das vacacións de Nadal, xa tiñamos gañas de descansar despois de tantos exames así que nos xuntamos ao mediodía na biblioteca e xantamos todas xuntas vendo a adaptación cinematográfica do libro que nos tocara ler esta vez. Vendo a película choramos e rimos, pero o mellor estaba por chegar.

Cando acabamos de vela compartimos as nosas impresións comparando o libro coa adpatación, ¿que nos gustou máis? ¿É fiel a película ao libro? ¿O final é o memo? Estas e moitas outras cuestións foron motivo de debate durante un bo rato. Ademais convidamos ao alumnado de 3º e 4º de ESO para que compartisen con nós tamén as súas ideas. 

Pero iso non foi todo!

Para rematar o ano tivemos de postre panettone de chocolate e, ¡fixemos as badaladas de fin de ano con conguitos! Un doce final de ano para o noso Papalibros. 








2024/12/19

KITCHEN

 O Club Papalibros Adulto reuniuse esta semana para falar da lectura de Kitchen de Banana Yoshimoto, unha novela moi xaponesa que explora sentimentos como a amizade, a perda, a soidade ou a resilencia, cun estilo poético e coidado. Falamos do diferente xeito que temos os occidentais de vivir neses lados da vida e, por suposto, entramos ata a cociña. 



2024/12/18

Un elefante na sala de estar

 A seguinte lectura do Club para os alevíns foi Un elefante na sala de estar de Berta Dávila. Esta lectura tivo moito aquel, "moita chicha" ou "moita tea que cortar". Tratamos temas como o acoso infantil, a homosexualidade, a psicoloxía, as tradicións, o loito, o suicidio, a amizade, as relacións de parella, un sinfín de cousas de todos os días nas que non nos paramos a reflexionar.




 




2024/11/27

Día contra a violencia de xénero: 25N

 En Papalibros non queremos deixar de expresar a nosa repulsa contra a violencia de xénero e recordar que hai moitos libros que tratan este tema dun xeito adaptado ao alumnado. 

Tivemos unha sesión moi especial para conmemorar o 25N. Tomamos como punto de partida a lectura de varios fragmentos do libro Eso no es amor de Marina Marroquí que nos fixeron reflexionar con cuestións como a "espiral da violencia de xénero" onde moitas rapazas se ven envoltas sen darse conta. 

Fixemos tamén un test sacado deste mesmo libro que nos fixo reflexionar se de nenos e nenas viviamos nun mundo de contos no que as princesas son salvadas sempre polo príncipe en vez de salvarse elas soas; as respostas foron bastante satisfactorias.






Despois de quedar satisfeitas coas nosas reflexións visionamos unha performance sobre a "Escaleira machista" que elaborou o alumnado de 4º ESO-A, o que nos deu paso de novo a un debate que pon en tela de xuízo o "amor romántico" no que cre vivir o alumnado. 





Para rematar esta sesión tan especial, fixemos a lectura de varios poemas escritos por mulleres poetas que loitan contra esta lacra social coas súas verbas. Trala súa lectura fixemos un obradoiro de poesía no que creamos de maneira conxunta un poema que rechaza claramente a violencia que están a sufrir moitas mulleres e que leva por título "Rompe os espellos".






2024/11/16

Segunda sesión do Club de adultos

 Nesta segunda sesión xuntámonos despois de ter lido O bosque dos raposos aforcados de Arto Pasilina. Trátase dunha obra chea de humor con situacións delirantes e personaxes estrafalarios, pero cheos de humanidade: un ladrón fuxitivo, un millar mangallón bébedo e unha anciá adorable agóchanse nos bosques de Finlandia para contarnos cal é o valor do diñeiro e da amizade. 






2024/10/31

Samaín

 Por fin chegou o día!

Chegou o Samaín e despois de tantos ensaios puidemos facer a nosa esperada actuación. Fomos ao colexio Nº 1, o noso colexio veciño, a contarlles contos dramatizados de medo ao alumnado de Infantil e de 1º e 2º de Primaria.

Fixemos grupos para poder contar dous contos en cada clase, fomos disfrazados para meterlles medo e fixemos o truco e trato cos rapaces e rapazas destes cursos. Eles gozaron moito e nós aínda máis, contamos historias, actuamos e ata cantamos. 

Todo unha experiencia!















2024/10/24

Preparando unha actividade moi especial

  Na segunda sesión do Club comezamos a preparar unha actividade moi especial para o día de Samaín. Tivemos que vernos varios días no recreo para preparala ben, pero valeu a pena, rimos, bailamos e actuamos...

Que será?














2024/10/16

Primeira sesión do Club de Lectura de adultos

 Non só o alumnado tivo a súa primeira sesión no Club, os profesores e ex profesores tamén comezaron as súas  tertulias ao redor dos libros. Neste caso tiveron como primeira lectura Nai que nos pariu. Mulleres á altura do interior de Fernando García Penas. 





2024/09/26

Arrincamos de novo co Club de lectura Benxamín e Alevín!

 A finais de setembro, recén comezado o curso tivemos a nosa primeira sesión do Club para poder coñecernos e poñer nomes ás caras novas. 

Como non podía ser doutra maneira, almorzamos na biblioteca no recreo uns riquísimos doces e uns zumes. Que ben o pasamos!






2024/06/26

FIN DE CURSO con PANZA DE BURRO (Andrea Abreu)

 Celebramos a clausura e remate de curso coa lectura de "Panza de burro", de Andrea Abreu. Unha novela específica e marabillosa que nos achegou  ás minorías, na súa vida diaría, ambientada no norte dun Tenerife que se afasta moito do difundido nas axencias de viaxes. 







Ademais fixemos repaso de todas as obras lidas durante o curso e confeccionouse un xogo consistente en dar co título de distintos fragmentos de cada obra escrito nun marcafollas.