Hoxe dixemos adeus a Lola Fondevilla e é a primeira vez que despedimos a unha Papalibros.
Lola formaba parte do club de lectura de adultos dende hai varios anos. Lola fora mestra, incluso dalgunha Papalibros adulta, os libros eran parte da súa vida. Lola irradiaba paixón pola lectura, pero tamén irradiaba paz e paixón pola vida, que é do que falan os libros.
Mentres tivo saúde non faltou a ningunha xuntanza, está en todas as nosas fotos, non quería perder ningunha oportunidade de compartir todo aquilo que os libros lle transmitían, tanto con nós como coas escritoras e escritores convidados. Era a máis veterana do grupo, pero apuntábase a un bombardeo, mesmo non faltou ao encontro con Xabier Quiroga na Ribeira Sacra, con andaina incluída.
Para todos nós foi unha sorte atopar a Lola, poder disfrutar do seu agarimo, das súas palabras e da dozura da súa mirada. Era imposible non querela. Dalgún xeito Lola seguirá presente en nós nos libros que leamos. A ela lle dedicaremos a nosa próxima xuntanza en xaneiro, cando comentemos Martes con mi viejo profesor, de Mitch Albom, un libro que nos ensina a aceptar a morte.
Ata sempre, Lola, que a terra te sexa leve.
Ningún comentario:
Publicar un comentario