Grazas a unha iniciativa do ENL, asiduo colaborador baixo a coordinación de Marga Quintela, na nosa sesión do club de adultos do mes de maio gozamos da compaña de Lois Pérez, poeta, cronista, roqueiro, músico, locutor radiofónico... e profesor, que veu paliar un pouco a gran carencia de poesía que padecemos no Club de Adultos.
Se xa a lectura da súa obra Long Play puido deixarnos un tanto desconcertadas porque é un libro que rompe moldes, con banda deseñada, versións de cancións, prosa desternillante... a presencia de Lois acabou de rompernos os esquemas por completo, xa no principio, cando sacou a súa guitarra feita cunha lata de diesel reciclada. É que resultou que o noso convidado tamén é luthier!
Nun escenario moi amañadiño, coa axuda do gran David Canoura, a modo de pub, Lois recitou os seus poemas, cantou, berrou e fíxenos cantar e rir bastante a todas e todos coas súas per-versións de cancións.
E no medio desta sesión tan entretida descubrimos un poeta que combina maxistralmente esa viaxe persoal ao lado escuro, irracional... co xogo continuo, como o que fai coas iniciais L.P. do título, do seu nome e dunha serie de pintureiros personaxes inventados. Un poeta que é quen de encendernos de paixón en Amar en caso de incendio, arder en caso de amor, de denunciar os desastres da guerra no fermosísimo Berce e área ou de explicarnos a diglosia (Lady Glosia!!) cantando Satisfation. Longa vida a Long Play e longa vida á poesía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario