2015/04/17

INSURXENTE NO CINE

Se hai uns meses íamos ver Sinsajo, terceira parte de Os Xogos da Fame, nesta ocasión tocoulle a outra triloxía non menos famosa, Diverxente coa súa segunda entrega Insurxente. Hai unha serie de cousas en común entre ambas series, á parte de ser existosas superventas escritas por mulleres, tamén son mulleres as heroínas protagonistas. Ambas son novelas distópicas ambientadas nun futuro postapocalíptico, amósannos unha sociedade que malvive nos restos da nosa civilización, devastada por unha gran guerra. En ambas a sociedade sufre un goberno opresor e totalitario que decide por elas e distribúe a riqueza e os recursos de forma arbitraria. En ambas hai rebeldia e inconformismo liderado por mulleres.

En Diverxente amósasenos unha sociedade dividida en faccións que, á parte levar asociadas unhas virtudes, desempeñan determinados roles a modo dos antigos estamentos medievais: Verdade ocúpase da xustiza, Cordialidade da agricultura e sector primario, Abnegación fai traballos comunitarios máis ben do sector secundario, Osadía encárgase da orde pública e Erudición do sector servizos. E todo estaría moi controlado se non fose porque hai unha serie de individuos que non encaixan en ningunha ou ou fan en varias á vez, estes son os diverxentes, como a nosa protagonista Betrice Prior, Tris. En Insurxente, a nosa heroína ten que superar a perda dos seus pais, ocurrida na primeira parte, e enfrontarase á Erudición, a responsable destas mortes e facción dominante.
Aínda que o final non nos deixou tan en vilo como Sinsajo, a aparición dun novo personaxe, a intrigante nai de Cuatro, o heroe consorte, dará paso a novos acontecementos, que veremos en próximas entregas.

Ningún comentario: