2011/05/28

UN PERCORRIDO POLA HISTORIA DA BANDA DESEÑADA

O pasado mércores 25 de maio tivemos a sorte de ter na nosa biblioteca a un especialista en banda deseñada: José Barreiro (Pío para os amigos), fundador da librería Kómic de Santiago e, sobre todo, un gran lector e amante dos tebeos. A esta charla asistiron moitos Papalibros, que durante este curso leron unhas cantas novelas gráficas.
Na charla fiexemos un percorrido pola historia da banda deseñada, usando o material que amablemente compartiu con nós a Biblioteca do CPI don Aurelio. Pío explicounos como dende os comezos da humanidade o home sempre recurriu á imaxe para contar historias, empezando polas pinturas rupestres ou a escritura xeroglífica exipcia. Estas imaxes moitas veces tiñan auténtica forma de banda deseñada, o friso e as metopas do Partenón, ou a columna Traxana poderían ser algúns exemplos. Pero a banda deseñada como xénero xurde co século XX e ata os nosos días foi gañando recoñecemento ata ser considerado coma unha expresión artística máis, liberándose dese carácter secundario e marxinal que o rodeaba.
Moitos dos titulos destacados (Maus, Contrato con Dios, Watchmen...)  están na nosa biblioteca, polo que poidemos ver mellor os debuxos e contido. Algúns asistentes recoñeceron na presentación libros que tiñan na súa casa por ser lecturas dos seus pais: Esther, Corto Maltés, Tintín, Asterix.... ou, como non, Mortadelo e Filemón.
Rematamos vendo as últimas novidades no cómic español e galego: El Arte de Volar, El invierno del dibujante ou El Héroe de D. Rubín, que son as últimas adquisicións da nosa biblioteca.
Pero ademais desta valiosa información, ben ordeada e resumida, Pío transmitiunos algo máis importante na súa charla: as ganas de ler todas esas historias debuxadas e escritas das que nos falaba e a importancia de poder disfrutar coa arte, tanto como espectadores coma creadores. Si, coma creadores porque algúns dos rapaces e rapazas presentes poden ser futuros debuxantes, escritores, contadores de historias...
Quedounos pouco tempo para conversar, pero o resultado foi bo: unhas cantas persoas levaron en préstamo cómics para devorar no fin de semana coma auténticos Papalibros.

2011/05/27

Despedindo Papalibros con El Arte de volar

Un bo remate para as nosas reunións do club de lectura foi este xantar frugal á sombra dunha arbore no xardinciño do noso IES de Melide falando dun libro estupendo: El Arte de volar, novela gráfica con guión de A. Altarribia e debuxos de Kim, editado en Edicións de Ponent.
El Arte de volar cóntanos a historia do pai do guionista, Antonio Altarriba López, un home de orixe humilde que viviu casi todo o século XX nunha España marcada pola Guerra Civil. Esta é unha historia de perdedores, como a de moitos españois que sin terra e sin traballo vislumbraron na II República unha esperanza pola que loitar. Antonio Altarriba tentou voar toda a súa vida, pero só o conseguiu cando se tirou da cuarta planta dun xeriátrico aos noventa anos. A partir deste feito imos reconstruíndo a súa vida da man do seu fillo, seguindo a traxectoria da caída: 3ª planta, 2ª planta... ata chegar ao chan.
Ademais de ser unha espléndida crónica da historia española do s. XX, o libro ven sendo unha radiografía social narrada con exquistez e sutileza en viñetas como aquelas que nos describen a pobreza e mesquindade da vida rural no pobo de Peñaflor, en Aragón, a principios de século, o desalentador exilio en Francia, a miseria moral do franquismo...
O impecable guión de Altarriba está ilustrado cos debuxos de Kim (Joaquim Aubert i Puig-Arnau), coñecido debuxante del El Jueves con series como "Martínez, el Facha" ou personaxes coma Makoki. Nesta obra Kim desenvolve todas as súas posiblidades gráficas, moito maís alá das súas anteriores series plasmando todo tipo de sentimentos, pero sobre a mediocridade dominante na sociedade española. Son impresionates as viñetas que describen escenas oníricas como a da aguia imperial que arrinca os ollos de Antonio ou os animais e alimañas que o visitan e carcomen ao final da súa vida.
Pero El Arte de volar é un libro imprescindible porque é moito máis que unha historia da Guerra Civil ou do s. XX español. É unha historia dolorosa dun fillo que se encarna nun pai para poder asimilar mellor o seu sufrimento e asumir así a súa perda: "Yo sí se como lo hizo (o suicidio)...soy el único que puede saber como lo hizo, porque, aunque no estaba allí, estaba en él... Siempre he estado en él porque un padre está hecho de sus hijos posibles y yo soy el único hijo que le fue posible a mi padre".

2011/05/25

MAKINARIA


Esta nova obra de Carlos Negro é "un libro de versos co depósito cheo de gasolina, testosterona e alcol" como aparece na contraportada do libro. O destino é a morte .
Estes versos libres dedicados aos mozos e mozas de Dodro para que cheguen a vellos é un recordatorio para toda a xuventude de que non somos inmortais

This is the end.

Cando veñades rezar,
a me falar en silencio,
a soas coas sombras,
rogaríavos,
se non vos importa,
que non pousedes
derriba do nicho,
flores de plástico.
Non desas flores
que semellan vivas,
mais naceron mortas.
Daríanme frío

2011/05/23

USHA

Uxía, Usha para os seus amigos, escribe o seu diario contando todo o que lle acontece na India, onde está vivindo con súa nai, que é membro dunha ONG. Fálanos dos seus amigos e amigas, da cultura, comidas, tradicións, idiomas... da India e tamén nos menciona que un grave acontecemento está a ocorrer en Galiza: un barco naufragou fronte as costas galegas e está contaminando todo con petróleo. Debido a isto, Usha e súa nai deciden volver a Galiza.

2011/05/22

FRAQUEZAS

Nesta nova obra, Xosé Díaz Díaz preséntanos seis relatos, algúns deles premiados, nos que aparece a traxedia, o desexo, a violencia, o desconsolo..., pero tamén a esperanza nun intre no que os protagonistas poden darlle a volta á vida e vela cunha nova luz.

Velaquí tedes un fragmento do último dos relatos, titulado O ollo alleo:
"A paisaxe é marciana, pois está sementada de pedras e area, só que estas nosas máis amarelas, da cor do pan. É para min estraño, xa que aquí a terra bebe regadío de sangue, de cada día varias persoas, veciños, parentes, abren sangue e eslúense no noso chan en miles de pingas; e velaí por que non agroma nin é fértil nin ben dado ao cultivo, de tan enchoupado de quina, de tan coma feluxe ás veces. Hai unha semana foi Namir, a miña irmá grande, quen se entregou; preparouse toda ela moi ben aquelada para levar adiante, dixéramo. Guiei o noso coche deica aló e deixeina onde ordenou: onda a porta de Damas. A nosa nai sóuboo despois, que eu lle vin coa nova mesmo antes de que saíse unha reportaxe na televisión israelí, que sintonizamos dende acó e que é a única que podemos ver..."

2011/02/24

BLANKETS

Blankets é o último título que acabamos de ler os Papalibros. Trátase dunha novela gráfica con guión e debuxo de Craig Thompson, publicado en Astiberri no 2004. É unha historia autobiográfica onde o autor revive a súa infancia e adolescencia nun pobo do estado de Wisconsin (USA). No relato das súas experiencias persoais o protagonista descúbrenos un pai autoritario pertencente á igrexa evanxelista, a relación co seu irmán menor, a presenza constante e opresiva da relixión, o sentimento de marxinación e aillamento na escola..., pero sobre todo o primeiro amor con Rania, que marca un antes e un despois na súa maduración persoal. Seguimos a súa evolución nun interesante xogo temporal, onde Craig vai tirando do fío do pasado a medida que vai sendo capaz de asimilalo.
O debuxo de Thompson, entre o realismo e o onírico, contribúe en gran medida a que o producto final sexa unha obra de gran beleza cun marcado ton intimista. Outro elemento narrativo importante son variedade de recursos usados nas viñetas: os diferentes trazos dos marcos (groso e pouco definido para os malos recordos, falta de marco no que quere resaltar...), o tratamento dos diferentes planos, os bocadillos dentro de bocadillos...
Despois de ler a obra podemos sacar algunha conclusión sobre a ambigüidade do título. "Blankets" significa manto, cobertor; que pode referise tanto ao manto de neve omnipresente que tapa todas as imperfeccións, como ao cobertor confecccionado por Rania, único recordo que conserva dela o protagonista.
A lectura desta novela gráfica enganchou a moitos Papalibros e abriu as portas do mundo do cómic a algún reticente que aínda quedaba. Compartimos varias comidas na aula 106 comentando os debuxos de Craig, a súa vida, os seus problemas... e moitas veces acabamos falando da nosa propia infancia ou adolescencia, en moitos casos non tan diferente da do protagonista. O libro deunos pé para falar de relixión, acoso, discapacitados...e ata de Platón e outras referencias clásicas presentes no libro.

2011/02/19

RESISTENCIA


Esta obra de Rosa Aneiros preséntanos unha viaxe a través da historia portuguesa da man de dúas familias maldicidas pola escravitude do amor, a morte e o silencio. Como o seu nome indica, é unha historia de resistencia, de loita pola supervivencia; pero ninguén pode escapar aos designios do tempo, e a vida dos protagonistas viuse marcada polas adversas circunstancias políticas que desangraron Portugal ata a Revolución dos Caraveis.
Especialmente indicada para as persoas ás que lles gusta a historia de Portugal e a loita das mulleres para sobrevivir á adversidade.

2011/02/16

DENSO RECENDO A SALGADO


Denso recendo a salgado son os fragmentos dun espello escachado por un golpe; as páxinas dunha intensa novela con moitas novelas dentro; unha historia de historias fragmentarias e ocasionais. Ao longo da novela, aparecen vidas anónimas e singulares que teñen en común a pertenza a unha xeración de mozos e mozas nados nunha vila mariñeira que podería ser calquera das que se deitan na Ría de Arousa. Coas súas mudanzas de ritmo, cos panos de fondo das bateas, do narcotráfico e de Compostela, Denso recendo a salgado é como unha montaña rusa que nos fai sentir a vertixe da existencia.
Espero que vos guste esta primeira novela de Manolo Portas e que vos sintades engaiolados polas súas historias

2011/02/11

Cartas de amor. Fran Alonso. Ed. Xerais





Esta obra consta de nove relatos en forma de carta encabezados por un título que apunta ao tema central de cada un deles: “Ilegal”, “Desde as tebras”, “Confesión”, “Sáhara, améndoa amarga”, “Zé, volcán de amor”, “O que nunca me preguntaches”, “A carta inesperada”, “A guerra”, “Lonxe”.
Forman un mosaico do mundo actual e botan unha ollada ás vidas tronzadas das protagonistas, que foron levadas polos acontecementos e non puideron vivir seguindo as súas propias escollas. Sofren de saudade, viven con ansia de regreso ao seu país ou á súa vida perdida, agachan a realidade ás familias... Viven no temor dun futuro incerto e a desesperanza é un sentimento común. Guerras, inmigración, exilio e homofobia son as pragas que asolagan o mundo descrito nas cartas.Os protagonistas destas historias intentan vivir con dignidade e soñan cun mundo un pouco mellor do que lle tocou en sorte.
Unha lectura especialmente recomendada para este mes de febreiro, mes do amor, da candeloria e de San Valentiño. Para que vexamos que hai cartas de amor de moitos tipos e situacións moi penosas no mundo actual.

2011/02/09

CONTOS PARA MANUELA


Título: Contos para Manuela
Autor: Mario Pereira
Editorial: Alfaguara Obradoiro
Ano
: 2002
Contos para Manuela son, como o propio autor di, "case contos", reducidos a un principio e tres finais para que o lector escolla o que lle guste máis ou imaxine outros moitos posibles. Falan do iglú que quere marchar a países quentes, do mirasol que non mira para o sol, do peixe atrapado nunha foto, e doutros moitos personaxes que nos engaiolarán nos dezaseis relatos que compoñen esta obra.

Recoméndovolo principalmente @s imaxinativos/as,aos que vos guste inventar as vosas propias historias ou modificalas segundo os vosos desexos.

2011/01/30

UNA HISTORIA POPULAR DEL IMPERIO AMERICANO


Con esta adaptación ao cómic do ensaio La otra historia de los Estados Unidos de América, de Howard Zinn, celebramos en Papalibros o día da paz.
Howard Zinn (1922-2010) foi un historiador, politógo e activista político norteamericano. A partir dos anos 60 do s. XX foi un destacado activista dos dereitos civís e nomeado antibelicista. Escribiu unha vintena de obras entre as que destacan, ademáis da citada, a súa autobiografía Nadie es neutral en un tren en marcha, ou Sobre la guerra: la paz como imperativo moral.
Outros autores da obra, ademais de Zinn, son o editor e historiador Paul Buhle e o debuxante Mike Kokopacki. Este cómic foi publicado por Sins Entido no 2010.
H. Zinn aborda a historia dos EEUU dende un punto de vista diferente ao que aparece nos libros de texto do seu país. Explica a historia do pobo americano, a historia dos perdedores: as loitas dos nativos norteamericanos contra os invasores brancos, os movemento sindicalista e o seu enfrontamento contra o capital, o intervencionismo americano nos estados veciños (e os non tan veciños...), a loita do pobo negro contra o racismo, a loita polos deireitos civís, a guerra de Vietnam e o movemento pacifista...
En canto á parte gráfica, os debuxos de Konopacki conviven con outros documentos interesantes: fotografías, carteis, portadas de xornais, viñetas de época... O resultado é unha obra amena, ben sintetizada, que nos leva a descubrir esa historia con letra pequena que ás veces define tan ben o carácter dun pobo ou as tropelías dun goberno.
Recomendamos este libro aos amantes da historia, do cómic e tamén aos que soñan que un mundo máis xusto é posible.
Deixámovos aquí un video onde Zinn explica as razóns que o levaron a escribir esta obra.

2011/01/24

ACADANDO CUMBRES... BORRASCOSAS

Despois de case dous meses de lecturas intermintentes alcanzamos os cumios de Emily Brontë. Para algúns non foi unha lectura fácil e houbo quen abandonou.
Estivemos de acordo en que no comezo non foi un libro "amable". Descríbenos un ambiente hostil, onde personaxes que se odian demasiado están forzados a convivir en mansións desanxeladas. Nin rastro do amor meloso que algunha esperaba atopar nesta novela romántica. O romanticismo amósasenos máis ben no tenebroso, na paixon desbocada, no espírito rebelde e ansias de liberdade dos protagonistas. Xusto na creación de carateres como o de Heathcliff ou Catherine é onde recoñecemos a mestría de Brontë. Impresiomounos especialmentea descripción da paixon dos protagonistas, o do torturado personaxe de Heathcliff que á súa vez torura aos demais no seu afán de vinganza.
Case todos coincidimos en que foi un bo libro para ler a carón do lume e que pasamos os nosos bos ratos compartindo xantar, café e lectura

2011/01/15

O LABORATORIO DO DOUTOR NOGUEIRA



Esta historia ten dous personaxes principais que son:
O doutor nogueira
Este é un científico coñecido como Alfredo da Silva aínda que o seu nome real é Roberto Nogueira. Tivo unha vida nun principio ben difícil ata case o punto de non poder continuar os seus estudos, pero a vida deulle o regalo de ser o único herdeiro da gran fortuna do seu tío. E agora leva unha vida de súper heroe “con máscara” .
Rosa Novoa
A axudante persoal do doutor. Estes coñecéronse nun banco do parque cando ela estaba desempregada. El contratouna na súa casa e logo dun tempo converteuna na súa axudante persoal.
Creo que era todo bastante interesante xa que se lle ocorrían moitas ideas de axudar ao Mundo moi innovadoras, porque… quen se parou a pensar que a calvicie era un problema moi serio, ou se quería que a xente falase mellor?
Un feito moi interesante pareceume que todos os seus proxectos lle saísen mal, porque é algo diferente, non é o típico dos contos.
Cristina García Bande
2º ESO

2010/12/01

Charlie e o grande ascensor de cristal


Charlie é un rapaz, que ten no seu poder a famosa fábrica de chocolate do señor Willi Wonka. Entón Charlie e a súa familia soben ao grande ascensor de cristal do señor Wonka; de súpeto, por mor dun erro, charlie e a súa familia quedan no espazo.Como chegarán á fábrica? Que sorpresas lles esperarán cando cheguen?
Todo isto e moito máis en “Charlie e o grande ascensor de cristal”, a que estás esperando leo ¡XA!
Manuel Vázquez

A ESFINXE DE AMARANTO

Segredos familiares escondidos xeración tras xeración. Este é o tema ao redor do cal xira a historia de A Esfinxe de Amaranto. Podemos ver como o libro se formou con dúas historias paralelas, moi relacionadas entre si. Dunha banda, a avoa da protagonista irá amosando o seu desexo de reunir a todos os fillos e netos para facelos coñecedores deses acontecementos ocultos da familia, que son básicos para comprender moitos dos comportamentos dos antepasados. Polo outro lado, atopámonos con Verónica, quen logo da morte da súa avoa, segue na procura de máis datos que rematen por esclarecer o seu pasado familiar, pasado aberto pola súa avoa nunha cea, antes de que morrese.
Patricia Roca
B1B

2010/11/22

QUERES COMPARTIR CON NÓS UNHA LECTURA?


Por fin arrancamos este curso cunha actividade ata agora nova en Papalibros, aínda que en realidade ven sendo a esencia dos clubs lectura. Un grupiño de persoas imos ler un mesmo libro e cada 15 días (ou menos) imos quedar para falar del. Como todos os que están anotados son alumnos/as de 2º ciclo de ESO ou BAC, pareceunos unha boa idea quedar a xantar os luns e mentres comemos unhas pizzas, uns bocatas... ou mesmo unha ensalada, falaremos do que estamos a ler, doutros libros parecidos, de cousas que nos ocorreron parecidas ás do libro, de como imaxinamos a eses personaxes, de persoas que nolos recordan... quen sabe de que acabaremos falando.
Aínda que había varias propostas como clásicos rusos, El amante de M. Duras, novelas gráficas... acabamos escollendo un clásico romántico: Cumbres Borrascosas de Emily Brontë. Axudounos a esta escolla a nosa exposición de libros "Para ler a carón a do lume, en tempos de mortos castañas", que temos neste trimestre na biblioteca, e tamén, para que negalo, o feito de esta novela sexa citada na famosas saga de Crepúsculo.
Cumbres borrascosas nárranos unha historia de amor e vinganza, de odio e tolemia, de vida, de morte e pantasmas entre dúas familias. Cumbres borrascosas é o nome da mansión decimonónica, perdida nun páramo da xeografía inglesa, en torno a cal discurre a acción.
De momento estamos embarcados nesta lectura Cristina Conde, Ánxela G. Mato, Francisco Río, Iria Parras, Yuri, Elisa Ares, Ana Ayude, Irune, Ana Arias (profe de lingua, subst. de Cristina) e Susana Losada (profe de grego). Se che apetece ler con nós, avísanos para organizarnos mellor. A nosa próxima cita é para xantar xuntos o luns 29 de novembro na aula 106

2010/11/21

El Escorpión. La Sombra del Ángel

DESBERG-MARINI

Xa están aquí os últimos números da serie do Escorpión, aventuras históricas de capa e espada. O Escorpión é un aventureiro do século XVII que gaña a vida conseguindo reliquias antigas e vendéndoas ao mellor postor. Na Sombra del Ángel, o protagonista regresa a Roma decidido a explorar todos os recunchos do seu pasado. Aparecen novos personaxes, algúns para axudarlle e outros para enganalo. Mejai parece disposta a todo por amor e até lle axuda a buscar a verdade. Pero o retorno da marquesa alterará esta relación. Que pasará?

2010/11/14

TONECHO DE REBORDECHAO

Son o neno máis espilido, fermoso e guapo de toda a miña aldea. Son o neno máis guapo, e non hai máis que falar. Claro que isto non é moito ser, porque na miña aldea son o único neno que hai.
Así comeza a obra de Breogán Riveiro, na que un neno nacido na cidade ten que trasladarse a Rebordechao, unha pequena aldea perdida na montaña de Ourense, para vivir cos avós unha nova vida sen os seus pais.
A tranquilidade de Tonecho altérase o día que descobre un misterioso cuarto con manchas de sangue.

2010/10/29

A Noite de Samaín



Os barbanzóns celebran no castro de Baroña, como tódolos anos, a súa noite de Samain. Pero algo especial vai xurdir esa noite. Sígueo a través doutro cómic de Pepe Carreiro: "A noite de Samain". Divertiraste cos seus personaxes e as súas aventuras

2010/06/23

El hombre de los círculos azules, Fred Vargas



As obras de Fred Vargas son, sen dúbida, un dos meus descubrimentos deste ano. Sempre me gustou o xénero negro, pero trala lectura das súas novelas, moito máis. As historias de Vargas son diferentes, sobre todo cabe destacar a excelente caracterización das personaxes, homes e mulleres complexos, coas súas penas e glorias, presentados sempre cun punto de ironía, entre os que destaca o inolvidable comisario Adamsberg.

Esta primeira entrega da serie, comeza coa aparición duns misteriosos círculos pintados nas rúas de París, que conteñen toda clase de obxectos difícilmente relacionables entre si... aos que se sumarán asasinatos e personaxes extravagantes, un complicado puzzle que a autora irá recompoñendo pouco a pouco ata ofrecernos un final que non nos deixa indiferentes. A obra está chea de ironía e sarcasmo, de diálogos sorprendentes, así como de situacións no límite do verosímil, que a fan novidosa con respecto ás novelas de xénero que lin ata o momento.

Recoméndolla a todos os que busquen unha historia absorvente, que engancha de principio a fin, aficionados ou non á novela policiaca. Seguro que despois desta queredes repetir!



Xisela Fuciños (2ºBAC B)

2010/06/21

O amante, Marguerite Duras

Coa Indochina francesa de principios de século como telón de fondo, a historia comeza durante unha travesía en trasbordador polo río Mekong, no momento no que se coñecen un home de veintiséis anos e unha rapaza de quince. A idade de ambos non é o único que os diferencia: el, é chino e o herdeiro dunha una gran fortuna; ela, é de ascendencia francesa e pobre. Sen embargo, a pesar de todo o que os separa, ou tal vez precisamente por iso, o amor e o desexo únenos como algo inevitable.

O que máis me impresionou da novela é a linguaxe que utiliza a autora. Dende o meu punto de vista, a historia queda nun plano secundario e o que prevalece é a lingua, como renova o relato amoroso a través da palabra.
A cita que ven a continuación foi una das moitas que quedaron na miña memoria. Escollín esta, pero puiden escoller moitas máis, mesmo toda a novela:

"Le dijo que era como antes, que todavía la amaba, que nunca podría dejar de amarla, que la amaría hasta la muerte".

Xisela Fuciños (2ºBAC B)

2010/06/18

Alicia no país das maravillas. A través do espello



Esta é a historia dunha nena que por curiosidade sigue a un coello. A partir diso, Alicia vai a dar a outro mundo, chamado O pais das maravillas.. Nese país coñece a moita xente peculiar, que a axudará a atopar o camiño de volta á súa casa.

Este libro gustoume porque me encantan os libro cheos de fantasía. Recoméndollo a toda a xente á que lle gusten as historias fantasticas.
Eva (2ºESO D)

Marina


Nesta novela entrelázanse dúas historias: A relación amorosa que manteñen Oscar e Marina e o descubrimento do terrible misterio que agocha o inquietant Kolvenik.
A historia gusmoume moito, porque a intriga esta ben lograda e os personaxes son interesantes.
Jenifer Varela (2ºESO D)

Rebeldes



A novela conta a historia de dúas bandas rivais e o que lles sucede aos membros de cada unha, rapaces "rebeldes"que non se adaptan ás normas impostas e que se verán inmersos nunha serie de problemas, pelexas e mesmos sucesos aínda mais graves, ás veces máis por lealdade ao grupo que por covicción.
Recomendo este libro a quen lle interesen as historias reais e de intriga.

Estefania Rodríguez (2ºESO D)

Konrad



Un dia la señora Bartolotti estaba desayunando cuando de repente sonó el timbre . Ella había encargado cucharillas de cafe, pero cuando abrió el paquete, dentro de una lata encontró a un niño minúsculo de 7 años llamado Konrad. El vecino de la señora, el señor Engon, conoció al niño y poco a poco Konrad fue queriéndolo como a un padre . Él era farmacéutico. Un día, unos hombres llegaron a la casa de Bartolloti buscando a Konrad, porque se habían equivocado en el envío. El chico era para otra persona. La señora Bartolotti y su vecino decidieron entonces esconderlo en la farmacia pero los descubrieron. Sin embargo, cuando entraron se llevaron una malísima impresión -ya sabréis por qué- y decidieron marcharse de nuevo sin recoger a Konrad. Desde entonces nuestro pequeño protagonista fue feliz para siempre con su nueva familia.

RAUL E JORGE 2º ESO D

Cómo ligan los chicos



Este libro trata sobre un neno chamado Luke, que coñeceu a unha rapaza no enterro do seu pai. Luke estaba perdidamente eamorado desa rapaza, que era amiga da súa irmá Eve. Luke non sabia que facer, pero grazas a un amigo da sua irmá, chamado Ryan, aprendeu a conquistala en seis pasos. Grazas a Ryan e aos seis famosos pasos, namoruse tamén del e acabaron xuntos.

Recomento este libro aos rapaces aos que lle gusten os libros de amor e con final feliz.
Iris seoane

2010/04/25

Leviatán

Leviatán é unha novela de Paul Auster que narra a historia dun escritor, Benjamin Sachs, en ollos do seu mellor amigo, Peter Aaron, alter ego do propio autor. Todos os personaxes da novela contan con características inusuais, e establécese unha rede emocional estraña e complexa que da lugar a unha trama enredadiza. A novela mostra como a vida dunha persoa pode cambiar nun instante, como nunca se sabe o que pode deparar o futuro e trata de xeito profundo a profundidade das emocións e sensacións persoais, ademais da propia natureza humana.

A extravagante natureza dos personaxes e a enrevesada trama enganchan dende o comezo ata o final, se ben ás veces pode ser demasiado densa e nalgúns puntos parece que a trama non avanza. Se vos interesa, está dispoñible na biblioteca do instituto.

David Méndez Martínez B2A

Cómo acabar de una vez por todas con la cultura

Cómo acabar de una vez por todas con la cultura é unha recopilación de diversos artigos publicados por Woody Allen en xornais norteamericanos ao longo da década dos 60.

Os artigos artéllanse a través de historias ou relatos breves protagonizados por xente coñecedora dos grandes dun determinado campo, e a través deles ironiza de xeito creativo e imaxinativo sobre temas tan transcendentes coma a filosofía, o psicanálise ou a decadencia cultural. Analiza a vida dalgúns personaxes a través de obxectos da vida cotiá coma listas de roupa, satiriza ramas da filosofía e do coñecemento coma o psicanálise e búrlase da mafia, sen abandonar un ton burlón e irónico.

En definitiva, unha obriña de lectura lixeira moi recomendable para esas tardes de aburrimento nas que non se sabe que facer, e que ademais pode supoñer un xeito de coñecer o pensamento e os impulsos de tan afamado cineasta coma Woody Allen nos seus primeiros momentos. Este e outro tomo recopilatorio de artigos de Woody Allen están dispoñibles na biblioteca do instituto.

David Méndez Martínez B2A

2010/03/12

El curso en que me enmore de ti



Este relato trata dunha banda de amigos que non sabia o que lle ía suceder no futuro.
Este libro fala dos problemas da vida real, e os conflictos polo o amor.
Tamén fala de como elexir as compañias, xa que podes acabar moi mal.
O que nos tenta ensinar é que a vinganza non é a mellor solución para os problemas.
Facédenos caso, lédeo, que paga a pena. Cando comeces a lelo non vas querer parar, engancha dende as primeiras liñas!!!!!
Rocío Paredes e Iván Rouco (2ºESO D)