Decidimos ver esta película en dúas das nosas sesións dos mércores por dous motivos. O primeiro é que entre as lecturas favoritas das e dos Papalibros abunda o tema dos vampiros: moitas rapazas leron a saga
Crepúsculo de S. Meyer ou novelas de
Claudia Gray como
Medianoche,
Adicción... Por outra banda, o 20 de abril celebrouse o centenario da morte de
Bram Stoker, o creador do xénero de vampiros coa súa novela
Drácula. Por este último motivo, escollemos entre as moitas películas de vampiros existentes,
Drácula de Bram Stoker, de F. Coppola.
Esta película, a máis fiel á novela de Stoker, non só refire a historia de Drácula, senón que afonda nos sentimentos do protagonista. É dicir, non é só a historia dun ser maldito e terrorífico, senón tamén unha historia de amor: a busca da amada, morta traxicamente, leva ao príncipe Dracul a pactar co mal e convertirse nun ser diabólico que necesita a inmortalidade para atopar o seu amor no tempo. Así, 400 anos despois da morte da súa princesa, Drácula cre atopala reencarnada en Mina, a fermosa prometida de Jonathan Harker, axente inglés que se despraza ata a mansión de Drácula en Transilvania (Rumanía) para tramitar a compra de terreos do príncipe en Londres.
Un dos aspectos máis destacados do filme é a súa estética, conseguida mediante unha coidada ambientación, maquillaxe, vestiario e, sobre todo, banda sonora (conseguiu tres óscares en 1992 nestes tres conceptos).
Disfrutamos moito vendo a película, a moitos Papalibros, máis que medo, moitas escenas causáronlle repulsión. Despois da proxección comentamos algúns aspectos interesantes como, por exemplo, a repesentación do mal mediante as distintas formas nas que se encarna Drácula: vampiro, lobo, besta, vello monstroso, bruma verde... o emprego constante das cores branca como símbolo do ben e vermella como símbolo do mal, ou a importancia do amor como forza que libera do mal.
En Drácula tamén vemos temas da literatura universal como o do home que pacta co mal ou co demo para conseguir a sabiduría (
Fausto, de Goethe), a eterna xuventude (
O retrato de Dorian Gray, de Óscar Wilde), o amor e inmortalidade (Drácula)... ou a nosa lamentable actualidade de tantos personaxes corruptos que tamén pactan con "mal" para conseguir inmensas fortunas. Bo é que polo menos na literatura estes personaxes acaben pagando as súas culpas ou redimidos polo ben.
Aquí vos deixamos a escena culminante da película: a entrega de Mina a Drácula.