2021/10/27

ARRINCAMOS UN NOVO CURSO

Por fin arricamos este novo curso, desta vez un pouco máis tarde do habitual, pero con moitas ganas, sobre todo no club de benxamíns, no que tivemso que facer dous grupos que pasan dos 20 rapaces e rapazas cada un. Como novidade, este curso contamos coa axuda e bo facer de Sylvia Cea, profe de lingua galega, e Cristina Conde, profe de lingua española, antiga alumna do IES de Melide e, sobre todo, antiga Papalibros. Neste club imos facer lecturas compartidas, e comezamos cuns relatos de medo de Anxel Fole, por coincidir as nosas reunións nas datas do Samaín.

No club de xuvenil temos menos alumnado, apenas un grupiño de dez persoas, pero xa lectoras e lectores maduros. Comezamos coa lectura de Antología, de K. Otomo, un clásico do manga que nos entusiasmou.

 No club de adultos estamos arredor de 15 persoas entre nais de exlamn@s, ex-alumn@s, profes, exprofes... Comentamos as lecturas que limos durante este verán: As malas mulleres, un marabilloso relato de Marilar Alexandre que nos dá a coñecer a situación da muller nos cárceres do século XIX e o labor de Concepción Arenal e Juana de Vega. Outro libro que limos foi Nus, de Manuel Gago, unha semi-ficción ambientada na Galicia dos anos 80 do século XX que ve xurdir o movemento nudista nos comezos do seu goberno autónómico e que non nos decepcionou, como as anteriores obras deste autor.

Agardamos poder facer reunións presenciais todo o curso e poder disfrutar dun montón de encontros e lecturas.


Ningún comentario: