2018/10/05

INAUGARAMOS CURSO CON INMA LÓPEZ SILVA

Esta semana retomamos a nosa actividade no club de lectura Papalibros. O luns tivemos reunión os do Club de Xuvenil, para lectoras e lectores de 3º de ESO en adiante. A maioría de Papalibros Xuvenís son de 3º de ESO e 1º de BAC, agardamos con ansia algunha incorporación dos d@s de 4º, de 2º BAC xa non esperamos moito porque este curso convertiuse xa hai tempo nunha especie de salto de obstáculos no que parece que a lectura, e outras tantas cousas imprescindibles, non han lugar. Fixemos entrega do cómic que imos ler este mes: Replay, de Jorge Zentner e David Sala, que nos conta a historia de dous amigos que se reencontran despois de varios anos de separación levando vidas moi diferentes.
O mércores 3 a mediodía estreábase o club de Benxamíns, no que contamos cun grupiño de magnífic@s e consolidad@s lectoras e lectores de 2º de ESO e un gran grupo de rapaces e rapazas de 1º de ESO no que, afortunadamente, hai moitos mozos, que parecen ser lectores escasos e "especie en risco de extinción". Comezamos informando aos novos Papalibros de como funcionaba o club de lectura, días de reunión, actividades, carné... e rematamos levando a próxima, Soy una matagigantes, o marabilloso cómic de Kelly e Niumura co que xa disfrutaron en anos anteriores algunha promoción de Papalibros.
Na tarde do mércores 3 na sesión de adultos, á que asistiron varias lectoras do club de xuvenil e moit@s convidad@s, tivemos a sorte de disfrutar da compaña da escritora Inma López Silva, para falar da súa última novela Aqueles días en que eramos malas, que @s Papalibros adultos limos no verán.
Inma ten raíces melidenses e, en primeiro lugar, compartiu con nós esa sensación de non saber chegar en coche a un lugar onde viña en bicicleta de nena, cando no Marquiño aínda non estaba construído o novo instituto que substituíu ao vello edificio que hoxe é o Multiusos.
Aqueles días en que eramos malas dá conta das vivencias de cinco mulleres que comparten espazo nun cárcere de mulleres. Unha monxa, unha colombiana, unha prostituta, unha funcionaria de prisións e unha escritora, que non casualmente se chama Inma, fálannos do seu pasado e o seu presente por boca desta última escritora que manexa aos personaxes ao seu antollo xogando coa realidade e a ficción. Ademais de describirnos o complexo mundo dos cárceres, a novela abre un debate sobre o tema da maternidade, que vén sendo un sutil fío que ganduxa a todas estas mulleres. Nas case tres horas que pasamos na compaña de Inma falamos do código penal, dese descoñecido mundo das prisións ao que gran maioría só coñecemos polas películas e ficción, de reinserción... Pero sobre todo falamos da maternidade, omnipresente en todos os personaxes e sobre como está sobredimensionada no mundo actual. Foi unha sesión emocionante na que, como case sempre, a literatura nos leva a falar da vida, dos grandes temas que nos preocupan.
Despedimos a sesión de adultos recollendo a próxima lectura, Tú no eres como las otras madres, de Angelika Schrobsdorff, un libro do que xa levábamos moito tempo detrás e que promete.

Ningún comentario: