2018/04/28

AS PAPALIBROS ADULTAS CON MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ



Despois dun tempo de silencio neste blog, pero non exento de voraces lecturas, reaparecemos para dar conta da nosa estupenda sesión con Miguel Anxo Fernández arredor dunha das súas novelas da serie do detective Frank Soutelo, Bícame, Frank.
A pesares de que tivemos que cambiar a nosa reunión para un xoves ás 16.30, a pouca idoneidade da hora non impediu que nos xuntásemos un grupo dunhas 15 persoas, das máis de 20 que formamos o club de adultos.
Miguel Anxo falounos da súa gran paixón, o cine, e de como na súa novela están presentes as técnicas da sétima arte. Da súa man descubrimos como xurde unha novela policía e, en particular como xorde o universo de Frank Soutelo: Pat Pérez, Poncio, Sugar Jones, a tía Castora...
Bícame, Frank, está ambienta polo ano 2011 coa crise económica como telón de fondo, o 15M e a Primavera Árabe. Frank Soutelo nesta ocasión terá que seguir a pista dun valioso papiro exipcio disputado por numerosa xente e que  vai deixando un rego de cadáveres. Curiosamente esta novela foi escrita xusto antes do sonado roubo do Códice Calixtino.

Pasamos máis de dúas horas na agradable compaña de Miguel Anxo e, como é tradición no noso club, non faltaron as lambetadas. Nesta ocasión escollimos respostería melidense: ricos, amendoados, melindres... coa (interesada) intención de que Frank Soutelo apareza nunha próxima novela desgustando a nosa deliciosa repostería e Melide se incorpore ás rutas gastronómicas do detective, que non deixa de ser un auténtico bon vivant.

Agardamos volver a ter a Miguel Anxo Fernández no noso club para falar dalgunha das súas últimas creacións como Blues para Moraima, un interesante thriller no que recrea a historia dun cineasta galego exiliado, trasunto de Carlos Velo, personaxe sobre o que M. A. Fernández é especialista.


Ningún comentario: