2014/10/27

HOMENAXE A XAQUÍN YEBRA

Se no medio do verán interrumpíamos as nosas vacacións para dar a triste nova do pasamento de Xaquín Yebra, agora, cos nosos sentimentos máis repousados, quixemos dalgún xeito "corresponder" a este profesor e amigo por todo o que nos aportou como alumnas e alumnos, compañeiros, profesores, lectores..., e sobre todo, como persoas.

O noso obxectivo, cando ideamos este acto, no era só honrar a memoria de Xaquín, profesor inesquecible para unha gran parte da comunidade escolar do IES de Melide. Queríamos tamén recordar que Xaquín foi un loitador incansable de causas xustas, recuperador da memoria histórica, defensor dos dereitos dos presos, asistente e apoio e de calquera persoa desprotexida ante a lei... e, en resumo, UNHA BOA PERSOA.

Xaquín era extremadamente culto, lector infatigable a quen os libros non distanciaron do mundo e da xente, senón que o fixeron mellor persoa. Compartía o seu saber, observábanos a todos e cada un de nós e era quen de adiviñar a lectura, o libro, o poema que nos ía encantar, que ía cambiar a nosa vida. Ensinaba Historia de forma diferente, a través de lecturas, centrándose nas cuestións realmente importantes. Nunca escondeu o seu compromiso social, foi unha persoa coherente.
Con todos estes elementos era difícil que a Homenaxe que se lle dedicou o pasado 25 de Outubro non fose fortemente emotiva.

O acto foi conducido maxistralmente por Zeltia Laya, exalumna do IES de Melide, e nel participamos un gran número de persoas que tiñamos en común o noso afecto por Xaquín. Despois da benvida a cargo do director do centro, Jaime Couto, Edi Carregal, exprofesora do IES de Melide, abriu o acto cun poema seu dedicado a Xaquín. Seguiu un recital poético a cargo do alumnado de 2º BAC, case todos eles ex-alumnos de Xaquín, que leron unha selección de textos cos que Xaquín nos fora agasallandoa todos ao longo destes anos. Diego Q. Sesar leu tamén un poema de seu dedicado ao profesor. Genaro, antigo conserxe, dirixiu a prantación dun carballo mentres Mini e Mero interpretaban as súas melodías.

Xa na biblioteca, agora "Biblioteca Xaquín Yebra", un pequeno grupo de alumnas e alumnos de música, dirixido por David Canoura, interpretou melodías de Bartok e música xitana, mentres se recitaban os últimos poemas, textos de Bertold Brecht, Juan Ramón Jiménez, Miguel Hernández, Blake, Jean Rhys.... Abriuse unha quenda de diferentes intervencións, inaugurada por Lucía e Elisa, muller e filla de Xaquín, que fixeron o esforzo de compartir con nós este día, a pesares de que a súa dor aínda estaba latente. Interviron familiares, amigos como Fernanda Cedrón, Quico Martínez e Carlos Cimadevila, do colectivo defensor da memoria histórica, antigos presos e os seus familiares, alumnas, exalumnos, profesores, exprofesores... todos a quen a benquerenza a Xaquín foi quen de xuntarnos.

Aínda que o mellor agasallo para a comunidade escolar do IES de Melide foi a presenza de Xaquín e o que nos aportou durante todos estes anos, a biblioteca recibiu, ademais, dous fermosos agasallos: un retrato de Xaquín e unha fermosa porta de arte africana.

O acto foi sinxelo, sentido e moi fermoso. Foi unha xornada que serviu para esconxurar a nosa tritura grazas, en gran parte, ao bo facer do alumnado do IES de Melide, os máis sinceiros parabéns.

Ningún comentario: