2009/02/01

A casa dos encontros


Onte, atrevéndome por fin con Vida y destino, de Grossman, a grande novela rusa do XX, herdeira deses grandes frescos do XIX, que nos amosa todas esas "vidas minúsculas", anónimas que sobreviven no medio da pólvora e as balas (si, ese ladrilliño que vos agarda na biblioteca), lembrei outra novela ambientada no mesmo periodo que vos pode gustar: A casa dos encontros, de Martin Amis.


No tempo das purgas de Stalin, dous irmáns son enviados a Norlan, un dos terribles campos de traballo da Siberia soviética, por ridículas e infundadas acusacións políticas: Lev, o feble poeta, pacífico e pacifista, e o narrador sen nome, embrutecido veterano da Segunda Guerra Mundial. Ambos sobreviven como poden ó horror nun lugar no que se disputan a xerarquía da degradación seres deshumanizados que responden a unha tipoloxía zoológica: as "putas" e as "bestas", os "comemerda", as "serpes", os "porcos", ...


Entre eles hai unha muller, unha rapaza xudía chamada Zoila, á que amarán e pola que competirán durante toda a súa vida, dentro e fora do gulag: A "casa dos encontros" fai alusión a esas cabanas reservadas para citas entre os presos e as súas mulleres, que percorrían miles de quilómetros coa esperanza de pasar unha noite con eles. A través da historia deste triángulo amoroso, que comeza nos anos corenta e chega ate a catastrófica Rusia actual, Martin Amis (o meu favorito entre os narradores ingleses da súa xeración) achéganos coa súa prosa amena, áxil, irónica e sempre apaixoante á historia rusa da segunda metade do século XX, demostrando, unha vez máis, como o ser humano logra atopar unha "casa dos encontros" na que refuxiarse mesmo nas máis terribles situacións de violencia e horror.

Cristina

Ningún comentario: