En Papalibros non queremos deixar de expresar a nosa repulsa contra a violencia de xénero e recordar que hai moitos libros que tratan este tema dun xeito adaptado ao alumnado.
Tivemos unha sesión moi especial para conmemorar o 25N. Tomamos como punto de partida a lectura de varios fragmentos do libro Eso no es amor de Marina Marroquí que nos fixeron reflexionar con cuestións como a "espiral da violencia de xénero" onde moitas rapazas se ven envoltas sen darse conta.
Fixemos tamén un test sacado deste mesmo libro que nos fixo reflexionar se de nenos e nenas viviamos nun mundo de contos no que as princesas son salvadas sempre polo príncipe en vez de salvarse elas soas; as respostas foron bastante satisfactorias.
Despois de quedar satisfeitas coas nosas reflexións visionamos unha performance sobre a "Escaleira machista" que elaborou o alumnado de 4º ESO-A, o que nos deu paso de novo a un debate que pon en tela de xuízo o "amor romántico" no que cre vivir o alumnado.
Para rematar esta sesión tan especial, fixemos a lectura de varios poemas escritos por mulleres poetas que loitan contra esta lacra social coas súas verbas. Trala súa lectura fixemos un obradoiro de poesía no que creamos de maneira conxunta un poema que rechaza claramente a violencia que están a sufrir moitas mulleres e que leva por título "Rompe os espellos".