2008/05/22

Despedimos á xente de 2º de BACH

Hoxe, xoves 22 de maio, tivemos a última reunión dos papalibros deste curso para o grupo de xentiña que se nos vai do instituto (2º de Bach). A sesión foi diferente: todos na biblioteca, man a man cos ordenadores, o grupo adicouse a facer comentarios aos posts deste blog. Foi realmente alucinante ver tanto balbordo na biblioteca, e colas de xente para deixar impresións sobre libros lidos. Parabéns a todos os que fixestes posible esta aventura. Os primeiros sorprendidos somos os profesores, que tan só puxemos os medios. O resto, o realmente importante, fixéstelo vós, rapazas e rapaces, que semana a semana vos metestes de cheo na lectura, cunha paixón que nos fixo (en serio) caer a baba.
E aínda que moitos dos alumnos se van á universidade, sabemos que van seguir en contacto con nós a través deste blog, que é xa deles. Así, ano tras ano iremos ampliando esta comunidade virtual.
Graciñas.
O equipo de profes do Club Papalibros.

Maus

Maus é a historia dun sobrevivente de Auschwitz, Vladek Spiegelman, narrada polo seu fillo Art (Art Spiegelman é o nome do autor do libro). Os xudeus aparecen representados coma ratos, e os nazis, loxicamente, coma gatos. O autor sueco trascende a historia do holocausto para centrarse principalmente na psicoloxía do sobrevivente, coa intención de resolver a maraña da súa relación paterno.filial, da sombra dunha nai suicida, e do fantasma dun irmán santificado ao que nunca coñeceu. Esta obra, que aborda unha traxedia co desparpaxo da liña europea clara, sinxela e sen engadidos innecesarios, foi a única en banda deseñada que recibiu un premio Pulitzer (en 1992), unha beca da Fundación Guggenheim, e deu lugar a unha exposición no Museo de Arte Moderno de Nova York. Para interese dos comiqueiros da terra, Francesc Capdevila, Max, primeiro Premio Nacional de Cómic, mercou os dereitos para a edición en catalán, galego e éuscaro. Iso quere dicir que o cómic chegará ás librerías na nosa lingua da man de Inrevés Ediciones.

2008/05/21

Por escrito gallina una


" Con lo que pasa es nosotras exaltante. Rápidamente del posesionado mundo hemos nos, ¡hurra! Era un inofensivo aparentemente cohete lanzado Cañaveral americanos Cabo por los desde. Razones se desconocidas por órbita de la desvió, y probablemente algo al rozar invisible la tierra devolvió a. Cresta nos cayó en la ¡paf!, y mutación golpe entramos de. Rápidamente la multiplicar aprendiendo de tabla estamos, dotadas muy literatura para la somos de historia, química menos un poco, desastre ahora hasta deportes, no importa pero: de será gallinas cosmos el, carajo qué"
Julio Cortázar, La vuelta al día en ochenta mundos
... E outro textiño deste Cortázar que tanto nos gusta. ¿Aínda non o coñeces?






Píldoras azules



Este cómic é un relato autobiográfico na que o autor, Frederik Peeters, cóntanos a súa historia de amor con Caty. Ela é seropositiva ao igual que o seu fillo de tres anos, froito dunha realción anterior. Ao longo da historia vemos o seu namoramento e a evolución da relación a partir do momento no que ela lle conta a Frederik a existencia da enfermidade.


A obra engánchanos, facéndonos compartir tanto os medos como o amor sinceiro do protagonista. Ao mesmo tempo, Píldoras azules móstranos como a sociedade percibe esa terrible enfermidade que é a SIDA

Crepúsculo


Este é un dos títulos que últimamente está arrasando no noso club de lectura, Os Papalibros.
Crepúsculo é unha triloxía na que a autora, Stephnie Meyer, cóntanos a complicada relación entre Bella e Edward... e tan complida xa que Edward é un vampiro. Iso si, guapo e noviño.
Na primeira parte, Un amor peligroso, cóntanos como se coñece a parella.
No segundo libro, Luna nueva, Bella darase conta de que namorarse dun vampiro pode ser moito máis perigoso do que imaxinaba. Edward sálvaa dun diabólico vampiro, pero tal vez os seus problemas non fixeron máis que empezar.
En Eclipse, a terceira parte, Bella atópase unha vez máis en perigo, pero ademais terá que elixir, entre o seu amor por Edward e a súa amistade con Jacob... sabendo que a súa decisión pode desencadear a loita intemporal entre vampiros e homes-lobo.
Veña, non apalanques os libros, que hai cola agardando.
Escribe o teu comentario, a ver se alguén se anima con esta historia romántica con toques de terror.
Publicado por BIBLOMELIDE en 12:04 AM 0 comentarios
Etiquetas:

Persépolis


Persépolis é unha unha historia autobiográfica escrita por Marjane Satrapi en formato de cómic. Satrapi, de orixe iraní, vive de nena a caída do Sha de Persia e a revolución islámica liderada polo Ayatolah Jomeini. Case na adolescencia, trasládase a Austria para cursar estudios no Liceo Francés de Viena, a instancias dos seus pais, unha familia de clase media que quere que Marjane reciba unha educación máis liberal. A súa adaptación en Europa non será fácil. Cando Marjane decide regresar decátase de que a vida en Irán, baixo un réxime islámico, tampouco é doada.Persépolis está na sección de cómic da nosa biblioteca do IES de Melide. Son catro volumes (delgadiños, eh?) que se len moi ben. Ademais de disfrutar dunha boa historia, podes enterarte de como é a vida nun país islámico ou como a ven algúns cidadáns.

Hai uns meses estreouse a película baseada no cómic. É un filme de animación realizado pola propia Marjane Satrapi en colaboración con Vincent Paronnaud. A cinta, que tivo moi boa acollida en diferentes festivais de cine e provocou unha gran polémica en Irán, ofrécenos unha boa historia contada mediante debuxos de gran beleza e forza expresiva. Se queres saber máis consulta a web oficial en http://www.vertigofilms.es/persepolis/. O próximo mércores, 28 de maio poderás ver a peli no instituto, no horario habitual de Cineforum (16.00 h.)
Podes ver aquí un trailer da película.

Se liches o comic ou viches a película, engade o teu comentario.

2008/05/20

El lector



Michael Berg ten quince anos. Un día, cando regresa a casa dende o colexio, comeza a atoparse mal e unha muller acude na súa axuda. A muller chámase Hanna e ten trinta e seis anos. Unhas semanas despois, Michael, agradecido, lévalle a casa un ramo de flores. Este é o comezo dunha relación erótica que sempre vai precedida polo mesmo ritual: ela pídelle a Michael que lle lea en voz alta fragmentos de Schiller, Goethe, Tolstoi, Dickens... ata que un día Hanna desaparece sen deixar rastro.
Sete anos despois, Michael, estudiante de Dereito, reencontraraa nun xuizo, entre as acusadas de crimes de guerra nazis e, dividido entre os gratos recordos e o desexo de xustiza, tratará de comprender e descubrir quen é en realidade a muller que amou.
Fascinante novela sobre o amor, o horror e a piedade, se xa a liches, déixanos o teu comentario!

La señorita Smila y su especial percepción de la nieve


Pouco antes do Nadal, a señorita Smila, xeóloga, especialista en neve, descubre un día, de regreso a súa casa, o cadáver do seu veciño e amigo, o pequeno Isaías. A versión oficial fala dun posible accidente, pero Smila sospeita algo moito máis turbio e decide investigar ela mesma a morte, pois se sinte moi unida ao rapaz que, coma ela, pertencía á pequena comunidade de esquimais groenlandeses de Copenhague.
Smila descubrirá entón que a morte do neno está relacionada cunha expedición segreda a Groenlandia feita anos atrás, na que o propio pai de Isaías morrera misteriosamente, na procura dalgo moi valioso que agochan os xeos do ártico.
Peter Hoeg mestura neste libro os subxéneros narrativos máis populares (aventuras, acción, misterio, viaxes, ciencia-ficción, amor, etc), creando unha historia tan fascinante e inolvidable como a propia protagonista, a intelixente, sensible e rebelde Smila.

La excursión a Tindari




Isto que ves aseméllase moito a Villità, o pobo siciliano no que vive o comisario Salvo Montalbano, un vello coñecido dos alumnos de Melide. É o protagonista dunha serie de novela policiaca ambientada na Sicilia actual. Dende que o seu autor, Andrea Camilleri, o creou en 1994, homenaxeando co seu nome a outro grande escritor do xénero negro, o catalán Manuel Vázquez Montalbán ("Salvo", en italiano, quere dicir "Hola"), creador do mítico detective Pepe Carvalho, as súas aventuras convertéronse nun grande éxito internacional.

A Salvo Montalbano, como a Pepe Carvalho, gústalle comer ben, a praia e a literatura; ten un éxito moi, moi escaso coas mulleres (a súa eterna moza, Livia, vive en Xénova, moi lonxe da súa vila), unha vella afiliación comunista e unha indisimulada perplexidade ante os tempos presentes.
Na novela que che propoñemos, o comisario Montalbano enfréntase a un dobre misterio: o asasinato do mozo Nenè Sanfilippo e a desaparición dos Señores Griffo, unha parella de anciáns vistos por última vez nunha excursión a Tindari. Montalbano sospeita que a aventura de Sanfilippo con Vania Titulesco, a muller rumana do célebre cirurxán Eugenio Isgrò, ten algo que ver coa morte, pero as súas investigacións levarano a descubrir conexións entre eles e os Griffo moito máis sorprendentes.
Se te enganchas (e non serías o primeiro...), na biblioteca hai moitos máis títulos, en galego e en castelán!

La Plata de Britannia, de Lindsey Davis


Primeira entrega da serie de novela histórica ambientada na Roma do século I.
A trama, que combina misterio, acción, humor e historia, está protagonizada polo "informante" privado Marco Didio Falco, un deses inolvidables detectives aos que seguimos de novela en novela, como a un vello amigo ao que nos gusta reencontrar de cando en vez, para que nos conte a súa última aventura.
Neste primeiro episodio, o noso heroe atopa no foro a unha muller en apuros, a bela Sosia Camilina, a que rapidamente convirte en clienta para tentar gañar un pouco de diñeiro que mellore a súa mermada economía. A raiz deste encontro e moi ao seu pesar, verase involucrado nunha conspiración para derrocar ao novo emperador Vespasiano. Tentando descubrir aos culpables, Marco terá que traballar como escravo nas minas de prata de Britannia, soportar os desdéns de Helena Justina, a altiva prima de Sosia, e mesmo poñer en perigo a súa vida.

Nada



“Me marchaba ahora sin haber conocido nada de lo que confusamente esperaba: la vida en su plenitud, la alegría, el interés profundo, el amor. De la casa de la calle Aribau no me llevaba nada. Al menos, así creía yo entonces", Nada


Este curso, algúns dos alumnos de 2ºBAC decidiron ler Nada, para coñecer un pouco mellor a vida na España da inmediata posguerra.
A grandes rasgos este é o argumento: Andrea chega a Barcelona para estudiar na Universidade e instálase na casa da súa familia materna, burgueses empobrecidos trala guerra. No medio da fame, dos odios e da violencia que fan da casa un lugar deprimente e opresivo, Andrea, sempre escasa de diñeiro, sobrevive como pode, tratando de evitar os conflictos que fan a convivencia case imposible e buscando unha saída no mundo de compañeirismo e diversións que lle descubre a súa compañeira e íntima amiga Ena.
A novela gústanos porque nos fai comprender as miserias da sociedade burguesa e conservadora dos primeiros anos da posguerra, pero, sobre todo, porque a autora consegue que nos identifiquemos cos soños, coas ilusións, coas dúbidas e cos medos da protagonista, porque tamén son os nosos.

Harry Flashman: Un espía al servicio del Imperio Británico, de George MacDonald Fraser



¿Por que nos gusta Harry Flashman, o soldado máis cobarde, sinvergüenza e mulleirego do exército británico?
Pois, ante todo, porque este inefable antiheroe fainos pasar un bo rato coas súas descaradas aventuras e, de paso, nos tralada aos acontecementos máis importantes do século XIX, nos que participa, case sempre, de forma involuntaria.
No primeiro libro da serie, “Flashy”, como lle gusta facerse chamar, é expulsado da escola secundaria tras unha enorme borracheira que remata coa paciencia do Director, e decide ingresar na Compañía de Husares de Lord Cardigan, cos que viaxará a Afganistan. Alí tocaralle intervir nun dos episodios máis vergoñentos da historia do exército británico: a desastrosa retirada militar de Kabul. Sen embargo, o seu instinto de supervivencia fará que, coma sempre, salve o pelexo e, de paso, consiga unha condecoración...aínda que para iso teña que meterse en asuntos non de todo legais... O normal nos aventureiros de verdade.
¿Pedimos máis?

De cómo las muchachas García perdieron el acento

As irmás García e os seus pais chegan a Nova Iorque fuxindo da persecución política na República Dominicana, o seu país natal. Instaladas no Bronx, deberán adaptarse a un mundo moi diferente da vida privilexiada que deixan atrás: Baixo a presión de integrarse na nova cultura, Carla, Sandra, Yolanda e Sofía alísanse o cabelo, cambian o castelán polo inglés e relaciónanse con rapaces ben distintos dos que coñeceran ata entón. Sen embargo, pronto descubrirán os problemas e as carencias do seu país de acollida, ao tempo que terán que enfrontarse á mentalidade duns pais aos que lles custa cambiar.
... Se che gustou e queres ler algo máis sobre personaxes que viven entre dúas culturas, recomendámosche La casa en Mango Street, da chicana Sandra Cisneros, que conta as vivencias dunha adolescente mexicana nos arrabais de Chicago; ou Dientes Blancos, de Zadie Smith, e El buda de los suburbios, de Hanif Kureishi, desternillantes novelas ambientadas nos barrios multiculturais de Londres, coma sempre, na biblioteca.

Apuntes para unha historia de guerra

Terceiro álbum en España do italiano GIPI, e terceira sorpresa. Este libro de cómic, que podemos atopar XA na nosa biblioteca do IES Melide, destaca pola solidez narrrativa, o seu estilo gráfico ALUCINANTE e por un guión sobrecolledor. Por que é especial? Porque fala dunha guerra, e de como tres rapaces perden a inocencia por culpa dela. En definitiva, os estragos que os conflitos causan nas persoas. Atoparédelo, claro está, nas estanterías de CÓMIC. Que vos aproveite!!

Blacksad

Unha de cómic. Hai na nosa biblioteca un libro fascinante sobre un detective que investiga unha serie de crimes. Chámase BLACKSAD, e polo medio mestúrase o amor, a paixón desenfreada, as persecucións, a mafia, a policía, ... Atractivo, non? O curioso é que o protagonista é un gato. Pero despois de ler dúas páxinas xa nin te enteras de que todos ... TODOS os personaxes son animais. Porque o guión, a novela gráfica, é realmente unha fabulosa historia de novela negra. Anímate a botarlle unha ollada. Está, claro está, na sección de cómic. E tamén nas librerías, para os auténticos fans do medio Ah, e facendo click aquí podedes visitar a web da serie (porque en realidade son tres libros). Que o desfrutedes!
XTomás

2008/05/18

Cuentos (I y II): Edgar Allan Poe

Xa disfrutaches dos maxistrais contos de misterio e terror psicolóxico? Cal prefires?: O gato negro, O pozo e o péndulo, Os crimes da Rúa Morgue, O corazón delator,...


O autor, un auténtico xenio creador: Edgar Allan Poe ( 1809-1849), escritor romántico estadounidense, poeta, crítico e editor, cunha vida digna de ser novelada.

Moi influinte en multitude de artistas en tódolos campos: música, pintura, cine, literatura,... Un exemplo: o seu coñecido poema "O corvo", inspirador dun cómic gótico (James O'Barr, 1981) e dunha peli (Alex Proyas, 1994).

Historias de cronopios y de famas

"Aplastamiento de las gotas" (por Cortázar):



Ti que es: un cronopio ou un fama?


Publicada no 1962, o autor é o arxentino Julio Cortázar, un dos escritores máis innovadores e orixinais do seu tempo (e de toda a a historia da literatura!). Auténtico maestro do conto.

Nesta obra, de carácter surrealista recopílanse unha serie de textos variados divididos en catro apartados. Podes atopar desde un manual de instruccións sui generis ata o relato das habilidades e costumes duns especímenes moi peculiares: os cronopios e os famas.

Os cronopios: seres un tanto marxinais e poetas; os famas: moi contrarios ós anteriores, defensores da orde.

Se queres saber algo máis do escritor, personaxe moi interesante, por certo, consulta a súa páxina (e entre outras cousas poderás escoitar outros relatos na súa propia voz!)

La conjura de los necios

"Cando un verdadeiro xenio aparece no mundo, o recoñeceredes por este signo: todos os necios conxúranse contra el".
Jonathan Swift

Quen é Ignatius J. Really?

Un tipo orondo e descoidado, trintañeiro, lacazán e misántropo, inadaptado, incomprendido... Un auténtico antiheroe!
Vive coa súa nai na Nova Orleans dos anos 60, e desde alí, intenta - dun xeito moi moi particular - construir un mundo mellor...

Esta novela foi escrita por John Kennedy Toole e publicouse no ano 1962. O autor sérvese do estrafalario personaxe do que falamos para facer unha crítica despiadada da sociedade americana que lle tocou vivir.

PRECAUCIÓN: engancha desde a primeira liña.
(A que si?).

2008/05/17

Cien años de soledad

"Muchos años después, frente al pelotón de fusilamiento, el coronel Aureliano Buendía había de recordar aquella tarde remota en que su padre lo llevó a conocer el hielo. Macondo era entonces una aldea de veinte casa de barro y cañabrava, construidas a la orilla de un río de aguas diáfanas que se precipitaban por un lecho de piedras pulidas, blancas y enormes como huevos prehistóricos (...)"

Os comenzos dos libros son importantes para animar, enganchar e prendar ó lector; se está ben escrito, se é impactante,... continuarás co libro nas mans. Gabriel García Márquez é un xenio nestas lides e sempre nos fai disfrutar cos seus inicios de contos e novelas. Por certo... Recordas o principio dalgún libro? Fai memoria...

Esta novela publicada en 1967 (unha das máis traducidas e lidas do español), conta a a historia de Macondo, un pobo ficticio (?) fundado no século XIX, e no que viven sete xeracións da familia Buendía. Queres ver a árbore xenealóxica?



Impresionante!

Que disfrutes da novela e non te perdas as demáis obras deste escritor colombiano, mago das palabras.

O perfume


Escrtito por Patrick Süskind no ano 1985.

Durante o reinado do Rei Sol (Luis XIV) nace en París Jean-Baptiste Grenouille, o mellor perfumista da época grazas ó seu olfato extraordinario (el, sen embargo, carece de olor propio). A súa ambición é lograr o Perfume Absoluto, e para procuralo será capaz de tódalas artimañas imaxinables.

Este exitoso libro, mezcla de novela histórica e relato policial, tamén foi transformado en filme no ano 2006 polo alemán Tom Tykwer.

Se ainda non o fixeches, prepárate a disfrutar dos aromas máis estraños e increíbles!

2008/05/14

La sociedad de los otros

O noso protagonista é un tipo estrano que en ningún momento nos di o seu nome. Vive recluído no seu cuarto, sen falar e ver a ninguén. Cando remata os seus estudios na universidade, recibe 1.000 libras de seu pai para que viva unha aventura antes de empezar a vida en serio. A presión familiar fórzao a que abondoe a casa e emprenda unha improvisada viaxe.
Facendo autostop chega por casualidade a un país da Europa do Leste, donde o camión no que viaxa é asaltado pola policía para requisar un libro prohibido, un tratado filosófico dun tal Leon Vicino. O mozo consegue escapar da policía pero caerá nas mans dun grupo terrorista que combate os métodos pacifistas de Vicino. A súa viaxe convértese nunha fuxida contínua, na que atopa tanto aos individuos máis crueis coma aos máis xenerosos.
La sociedad de los otros pode considerarse un libro de viaxes, no que o protagonista descubre novos mundos e aprende viaxando. Pero máis que coñecer novos mundos, descubre a necesidade de emprender a viaxe do retorno para comprender ese mundo xa coñecido que deixou atrás.
¿Conseguirá o noso estraño protagonista volver ao seu país natal e librarse do pesadelo que está a vivir?.
Intenta descifra o final do libro e escribe o teu comentario.

Manual de caza y pesca para chicas


Jane, a protagonista desta divertida novela da americana Melissa Bank, cóntanos a súas relacións cos homes dende os once anos, cando descubre que o rapaz que a ela lle gusta non pode nin vela. Aquela vez, cando lle preguntou á súa nai que podía facer para que a amasen, ela respondeu "Se ti mesma" e Jane, co seu irreverente sentido do humor e a súa incómoda franqueza, foi sempre ela mesma con todos os homes que pasaron pola súa vida... Ata que atopou a Robert, un debuxante de cómic, capaz de seducila e facela rir ao mesmo tempo. Entón comeza a preguntarse se, para que esta relación non acabe nun desastre, como as anteriores, non debería aprender a ser menos ela mesma e máis esa outra, de cabelos longos, ideas fixas e obxectivo moi, moi definido que defenden os manuais de caza e pesca para rapazas...
Esta deliciosa parodia dos libros de autoaxuda que o saben todo para as almas desesperadas, menos como ser un mesmo, vivir sen complexos e actuar con naturalidade, leva pasando de man en man estes últimos meses. ¿Queres coñecer ti tamén a Jane? E se xa riches con ela, ¿Escribes o teu comentario sobre esta historia de amor...diferente?

O bosque dos raposos aforcados



Esta novela do finés Aarto Paassilinna é outro dos grandes éxitos lectores deste curso:
Oiva Juntunen é un delincuente de pouca monta que consegue roubarlle varios quilos de ouro ao goberno de Noruega. A vida sorrille a este novo rico mentres os seus cómplices están no cárcere, pero cando estes saen e lle van reclamar a súa parte do botín, Oiva prefire fuxir ás recónditas paraxes da Laponia finlandesa antes de entregarlles un só gramo do seu prezado metal amarelo a aqueles maleantes sen estilo. Naquelas frías terras do norte coñecerá a un comandante borrachuzas, a unha vella que foxe dos servizos sociais, a dúas prostitutas e outros tantos personaxes cos que acaba vivindo unha serie de estrafalarias aventuras no límite entre a realidade e o absurdo.
Oiva e os seus novos amigos agárdante na biblioteca, en galego, na edición de Rinoceronte, ou en castelán, baixo o título El bosque de los zorros, en Anagrama. Se xa riches lendo este libro, déixanos o teu comentario para que outros tamén o fagan.

Cal é o sentido do club PAPALIBROS (?)

Basicamente xuntámonos porque cremos que ler cambia o mundo. Cámbiao porque lendo viaxas a mil lugares, a mil outras vidas, a mil situacións. Lemos polo gusto de ler, porque nos peta. E ese pequeno acto de rebeldía fainos un pouco máis libres.

E o feito de falar de libros fainos estender esa telaraña de emocións e vivencias a outras persoas, a outros colegas. Xuntámonos cada quince días, máis ou menos. Máis ou menos, si, porque isto non segue regras fixas.

Ás veces as gañas de xuntarnos nos poden levar a facelo antes, porque non aguantamos para contar o que temos lido. E quedamos nun lugar do instituto que ten zumes, sofás e moita, moita luz (será iso unha metáfora do que queremos facer?).

Convidamos a todos e todas (alumnado, profes, limpadoras, conserxes, ...) a pasar por alí cando os carteliños o anuncien. É moi raro que non se saque algo en limpo... de verdade.

2008/05/10

Fragmentos de la Enciclopedia Délfica

Guión e debuxo: Miguelanxo Prado
Xénero: Banda deseñada
Ano: 1996
Editorial: Norma

A mellor maneira de falar da obra do noso autor de cómic máis internacional é facelo coas palabras de Agustín Fernández Paz, que, referíndose a ela, di que "alí (e quizais non é doado explicalo, era máis doado decatarse) estaba presente todo o que os afeccionados lle pedimos ó mellor cómic: unhas imaxes de rara perfección,unhas historias que entretiñan pero que tamén nos falaban das preocupacións e das dúbidas que habitan en todas as persoas e, sobre todo, unha forma de contar a historia (os entendidos chamaríanlle planificación) que, como no mellor cine, a penas se notaba. Só na segunda lectura, nunha análise máis demorada, chegabas a ser consciente da sólida e complexa arquitectura que sostiña aquela historia de apariencia sinxela. Cualidades todas que só de cando en vez temos a sorte de atopar reunidas."

Se leches esta obra, deixa o teu comentario para que outros poidan lelo. E se queres ver un vídeo de adianto do cómic, aquí o tes:
video