2018/10/05

INAUGARAMOS CURSO CON INMA LÓPEZ SILVA

Esta semana retomamos a nosa actividade no club de lectura Papalibros. O luns tivemos reunión os do Club de Xuvenil, para lectoras e lectores de 3º de ESO en adiante. A maioría de Papalibros Xuvenís son de 3º de ESO e 1º de BAC, agardamos con ansia algunha incorporación dos d@s de 4º, de 2º BAC xa non esperamos moito porque este curso convertiuse xa hai tempo nunha especie de salto de obstáculos no que parece que a lectura, e outras tantas cousas imprescindibles, non han lugar. Fixemos entrega do cómic que imos ler este mes: Replay, de Jorge Zentner e David Sala, que nos conta a historia de dous amigos que se reencontran despois de varios anos de separación levando vidas moi diferentes.
O mércores 3 a mediodía estreábase o club de Benxamíns, no que contamos cun grupiño de magnífic@s e consolidad@s lectoras e lectores de 2º de ESO e un gran grupo de rapaces e rapazas de 1º de ESO no que, afortunadamente, hai moitos mozos, que parecen ser lectores escasos e "especie en risco de extinción". Comezamos informando aos novos Papalibros de como funcionaba o club de lectura, días de reunión, actividades, carné... e rematamos levando a próxima, Soy una matagigantes, o marabilloso cómic de Kelly e Niumura co que xa disfrutaron en anos anteriores algunha promoción de Papalibros.
Na tarde do mércores 3 na sesión de adultos, á que asistiron varias lectoras do club de xuvenil e moit@s convidad@s, tivemos a sorte de disfrutar da compaña da escritora Inma López Silva, para falar da súa última novela Aqueles días en que eramos malas, que @s Papalibros adultos limos no verán.
Inma ten raíces melidenses e, en primeiro lugar, compartiu con nós esa sensación de non saber chegar en coche a un lugar onde viña en bicicleta de nena, cando no Marquiño aínda non estaba construído o novo instituto que substituíu ao vello edificio que hoxe é o Multiusos.
Aqueles días en que eramos malas dá conta das vivencias de cinco mulleres que comparten espazo nun cárcere de mulleres. Unha monxa, unha colombiana, unha prostituta, unha funcionaria de prisións e unha escritora, que non casualmente se chama Inma, fálannos do seu pasado e o seu presente por boca desta última escritora que manexa aos personaxes ao seu antollo xogando coa realidade e a ficción. Ademais de describirnos o complexo mundo dos cárceres, a novela abre un debate sobre o tema da maternidade, que vén sendo un sutil fío que ganduxa a todas estas mulleres. Nas case tres horas que pasamos na compaña de Inma falamos do código penal, dese descoñecido mundo das prisións ao que gran maioría só coñecemos polas películas e ficción, de reinserción... Pero sobre todo falamos da maternidade, omnipresente en todos os personaxes e sobre como está sobredimensionada no mundo actual. Foi unha sesión emocionante na que, como case sempre, a literatura nos leva a falar da vida, dos grandes temas que nos preocupan.
Despedimos a sesión de adultos recollendo a próxima lectura, Tú no eres como las otras madres, de Angelika Schrobsdorff, un libro do que xa levábamos moito tempo detrás e que promete.

2018/06/22

DESPEDIMOS O CURSO CON LIBROS


Como xa é tradición, nesta última semana de clases despedimos os clubs de lectura en Furelos. Despois de esperar varias semanas, chegou o verán por fin e os xuvenís puidemos ter o noso último xantar compartido este luns 18 e os benxamíns o mércores 20. mágoa que as augas do río Furelos non sexan aptas para o baño, porque máis de unha se bañaría. @s Papalibors queremos reivindocar un medio limpo e ríos no que poder bañarnos!!
E agora, como bos papalibros que somos, toca proverse para o verán. Sería unha mágoa que cando máis tempo soemos ter para ler, quedasen os libros nos andeis da bilioteca, por iso na biblioteca Xaquín Yebra  poñémolo fácil: ate 25 recursos con tres meses de préstamo!! con estas rebaixas tan estupendas, nesta última semana de clases a biblioteca sufriu unha oleada de atracos. Saqueadores de todas as idades e condicións, provistos de bolsas, arramplaron con material abondo para sobrevivir estes dous meses e, cousa estupenda, por fin os andeis están floxos e caben perfectamente os libros!!
Facemos un repaso das nosas lecturas durante este curso.

Novela
O anxo negro, Manuel Gago
A viaxe de Gagarin, A. Fernández Paz
O retorno, B. Schlink
En el tiempo de las mariposas, Julia Álvarez
Vinieron como las golondrinas, William Maxwell
Bícame, Frank, Miguelanxo Fernández,
Izan o da saca, X. Quiroga
La invención de Hugo Cabré, Brian Selznick
Expiación, Ian Mc Ewan
Un viejo que leía novelas de amor, Luís Sepúlveda

Cómic/ Novela gráfica
Crónica Birmanas, Guy Delisle
La misma diferencia, Derek Kirk Kim
El vecino, Santiago García Arrugas, Paco Roca
Vida de nai, Gema Sesar
Maus, relato dun supervivinte, A.Spiegelman
Houdini, el rey de las esposas, O. Palmer
Persépolis, M. Satrapi
La perdida, Jessica Abel
Jamás tendré 20 años, J. Martín
La Casa, Paco Roca
Una historia de violencia, John Wagner e Vincent Locke
Calles de arena, Paco Roca

E non nos despedimos sen anunciar que xa temos prevista a inauguración do novo curso escolar coa escritora Inma López Silva, moi vinculada a melide, coa que falaremos da súa última publicación Aqueles días en que eramos malas. E sobra dicir que aínda que virá para a sesión de adultos na primeira semana de outubro, estades tod@s convidadas. Feliz verán e felices lecturas!!

2018/05/22

ROTEIRO NA RIBEIRA SACRA CON XABIER QUIROGA

O pasado martes 15 de maio, cun tempo espléndido, tivemos a sorte de poder facer un roteiro pola Ribeira da man Xabier Quiroga para percorrer os algúns dos espazos e paisaxes que aparecen na súa novela Iza o da saca. Participamos nesta actividade convidad@s polo club de lectura do IES Camilio José Cela e a súa coordinadora, Violeta Pérez Figueroa.
No club de adultos xa leramos esta obra e contaramos coa presenza de Quiroga. Nesta ocasión sumouse a lectura o club de xuvenil e, a pesares das dificultades do texto, tivemos incluso lectoras do club de benxamíns, como Omaira Vidal, que con só 12 anos debe ser unha das lectoras máis novas desta obra.
A nosa visita comezou polo Ecomuseo do Pazo de Arxeriz, un dos escenarios da novela, que rastrea o Reina trantando de seguir a pista a aqueles nazis fuxidos. O Cabo do Mundo, a praia da Cova,onde agúns ousad@s incluso se bañaron, e unha andaina en Marce completaron o resto da xornada.

Roteiro Izan o da Saca

2018/04/28

AS PAPALIBROS ADULTAS CON MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ



Despois dun tempo de silencio neste blog, pero non exento de voraces lecturas, reaparecemos para dar conta da nosa estupenda sesión con Miguel Anxo Fernández arredor dunha das súas novelas da serie do detective Frank Soutelo, Bícame, Frank.
A pesares de que tivemos que cambiar a nosa reunión para un xoves ás 16.30, a pouca idoneidade da hora non impediu que nos xuntásemos un grupo dunhas 15 persoas, das máis de 20 que formamos o club de adultos.
Miguel Anxo falounos da súa gran paixón, o cine, e de como na súa novela están presentes as técnicas da sétima arte. Da súa man descubrimos como xurde unha novela policía e, en particular como xorde o universo de Frank Soutelo: Pat Pérez, Poncio, Sugar Jones, a tía Castora...
Bícame, Frank, está ambienta polo ano 2011 coa crise económica como telón de fondo, o 15M e a Primavera Árabe. Frank Soutelo nesta ocasión terá que seguir a pista dun valioso papiro exipcio disputado por numerosa xente e que  vai deixando un rego de cadáveres. Curiosamente esta novela foi escrita xusto antes do sonado roubo do Códice Calixtino.

Pasamos máis de dúas horas na agradable compaña de Miguel Anxo e, como é tradición no noso club, non faltaron as lambetadas. Nesta ocasión escollimos respostería melidense: ricos, amendoados, melindres... coa (interesada) intención de que Frank Soutelo apareza nunha próxima novela desgustando a nosa deliciosa repostería e Melide se incorpore ás rutas gastronómicas do detective, que non deixa de ser un auténtico bon vivant.

Agardamos volver a ter a Miguel Anxo Fernández no noso club para falar dalgunha das súas últimas creacións como Blues para Moraima, un interesante thriller no que recrea a historia dun cineasta galego exiliado, trasunto de Carlos Velo, personaxe sobre o que M. A. Fernández é especialista.