2020/10/26

AS PAPALIBROS ADULTAS TAMÉN VOLTAMOS!

 O mércores 21 de outubro tamén foi o día no que o club de adultos reanudou a súa actividade. Debido as condicións sanitarias tamén tivemos que facer dúas quendas no club de adultos, porque somos un grupo numeroso que supera as 20 persoas. A seguinte quenda de xuntanza, que tería lugar o luns 26 de outubro na non puido levarse a cabo por orde da inspección educativa, tal como explicamos máis abaixo.

Aproveitamos o verán para ler a Blanco Amor, Xente ao Lonxe e A Esmorga, que eran obras fáciles de conseguir para case todas as papalibros adultas en tempos de semiconfinamento. Nesta única sesión que poidemos celebrar con dez persoas contamos tamén coa compaña de Paco Veiga, que nos aportou datos interesantes que nos axudaron a enteder  mellor a obra de Blanco Amor.

Ambas obras desenvólvense na Auria de principios de século XX, o Ourense natal de Blanco Amor. Resulta abraiante o coñecemento exhaustivo da vila e da lingua das clases populares que amosa na Esmorga para unha persoa que levaba tantos anos na Arxentina afastado do seu país. Cibrán o Castizo narra ante un xuíz unha xornada de troula na compaña de Xan, o Bocas, e Aladio, o Milhomes, que como na traxedia grega vai reunindo todos os ingredientes para un final fatídico. Os personaxes van facendo a súa odisea polas rúas e tabernas de Auria baixo unha choiva persistente que non dá opción a que os personaxes escapen que da fatalidade, que culmina no Campo das Bestas, o basureiro da cidade, a modo de descenso aos infernos, lugar común da literatura clásica. Un relato cunha importante carga de crítica social, de denuncia dos abusos das forzas da orde, da inutilidade da xustiza, da prepotencia das clases poderosas e unha chamada de atención a diferente condición sexual de algúns, construído cunha técnica narrativa innovadora e revolucionaria no seu momento.

Xente o lonxe ofrécenos unha visión coral do Ourense de principios de século no contexto da loita do movemento obreiro. Entre os personaxes destaca como líder natural Aser, o loitador xusto, coherente e honesto, que se entrega á causa obreira, o pai do narrador, pero son realmente as mulleres os personaxes máis completos e os que moven a acción, como Evanxelina, filla de Aser, herdará os seus ideais e continuará a súa loita ou a señora Andrea, un misterioso e case máxico personaxe é quen de axudar outras mulleres sacundido o poder patriarcal e facendo xustiza á súa maneira. A diferenza dos personaxes da Esmorga, os personaxes de Xente a o lonxe son quen de construír un futuro xuntos, a pesares de estar oprimidos.

Se melloran as cousas, na preimavera faremos en Ourense o roteiro da Esmorga e faremos por visitar o belén de Baltar, na Praza de San Cosme e Damián, en plena ruta da Esmorga, que tan ben retrata a eses xentes de Auria das que fala Blanco Amor.

Aínda coas máscaras, coas restriccións e coa distancia foi unha alegría poder xuntarnos fisicamente. A próxima quedada será por vídeo-conferencia para falar da nosa próxima lectura Del color de la leche, de Nell Leyshon. Oxalá poidamos recuperar a normalidade e volver neste curso ás nosas reunións de antes. Mentres, seguimos en contacto a través dese fío máxico que son os libros.



2020/10/25

OS PAPALIBROS VOLTAN!!

 As ganas de ler e xuntarnos son tantas que non hai virus que poda cas e cos Papalibros. Esta semana comezamos a activar os nosos clubs de lectura, que este curso serán máis por mor das condicións sanitarias que estamos a vivir.

Este mércores 21 de outubro comezamos por 1º de ESO, onde tivemos que facer dos grupos porque temos case 40 Papalibros!!! Nesta volta tocoulles aos de 1º A e D.

Despois de xantar, seguindo estritamente o protocolo COVID, e xogar un pedaciño comezamos co noso primeiro libro, o cómic Soy una matagigantes, de Joe Kelly e Ken Niimura. Se cadra este non é un libro fácila para comezar en 1º de ESO, pero xa houbo varias rapazas e rapaces que foron quen de entender un pouco a historia que se nos conta, unha historia dunha rapaza bastante rara, Barbara Thorson, que ten un martelos para matar xigantes, ten algúns problemas na escola e parece que na súa casa hai algo raro.

As rapazas e rapaces de 1º de ESO non saben como era antes a biblioteca Xaquín Yebra. Para os que xa levamos un tempo aquí e vimos a evolución da nosa biblioteca ata convertirse nun espazo cálido e acolledor, fáisenos duro vernos así, tan separados, cando sempre adoitabamos arrexuntarnos todos arredor de dúas mesas unidas. Tamén é moi moi raro ver a biblioteca colocada como un aula... pero na situación na que vivimos non nos queda outro remedio.

Aos dous días desta reunión, comunicóusenos que debido ao nivel 2 no que se atopa a provincia da Coruña, non poderemos facer este tipo de xuntanzas ata que melloren as condicións sanitarias. Mentres tanto, aproveitaremos para ir organizando o resto de grupos para cando poidamos volver xuntarnos. E por suposto aproveitaremos para ir lendo moitos libros na casa e nos recreos!



2020/06/12

#Papalibros_confinad@s. FELIZ VERÁN CHEO DE LECTURAS!!

Se a lectura foi unha das nosas táboas de salvación durante o confinamento, agora, nesta "nova normalidade", segue sendo o alimento fundamental de tod@ Papalibros. Aínda que non veñas ao centro, non deixes de facer o teu pedido de libros para o verán, terémolo listo na nosa biblioteca para cando veñas polo boletín de notas ou cando poidas pasar por el.
Cubre o seguinte formulario:


Aproveitamos a ocasión para facer un repaso das lecturas lidas neste curso 2019-2020, que por mor do confinamento forn menos quenoutros anos:

Club de Benxamíns:
La mazmora. Corazón de pato, cómic de J. Sfar e Trondheim
Revolución Detrito, Xosé de Cea
Houdini: el rey de las esposas, de Jason Lutes e Nick Bertozzi


Club de Xuvenil
Revolución Detrito, Xosé de Cea
Izan o da saca, Xabier Quiroga
El arte de volar, A. Altarriba e Kim
Arctic-Nation, cómic da serie Blacksad, Juan Díaz Canales e Juanjo Guarnido


Club de Adultos
Seique, Susana Aríns
Cuatro hermanas, Jetta Carleton
Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo
Sen piedade, de Pedro Feijóo
Presas fáciles, de Miguelanxo Prado
Patria, de F. Aramburu

2020/05/22

#Papalibros_confinad@s: Patria, de Fernando Aramburu

No Club de adultos animámonos a reunirnos por Webex para falar de Patria, de Fernando Aramburu, a nosa última lectura antes do confinamento. A reunión estaba prevista inicialmente para o 25 de marzo e, querendo ser positiv@s, pensamos que estes dous meses de retraso fixérennos asentar un pouco máis a lectura.
Patria afronta o conflito vasco presentándonos a dúas familias que poderían ser representantes dunha boa parte da poboación de Esukadi: unha familia vítima de ETA, e outra abertzale na que un dos seus membros é un preso da banda armada. Máis que a vítima, el Txato, e o seu posible verdugo, Joxe Mari, as figuras centrais destas familias son Bitorri, a viúva do Txato, e Miren, a nai de Joxe Mari, auténticas matriarcas, noutro tempo amigas íntimas e agora enfrontadas. Xabier, o honesto fillo de Bitorri, que vive nun pozo de tristeza do que non pode saír, Nerea, a filla que baixo unha fachada de frivolidade, intenta levar o dó á súa maneira e pasar páxina. Aránzazu, a filla de Miren, xusta, íntegra e valente que parece expiar as culpas da familia sufrindo un ictus que a deixa encarcerada nun corpo inerte. Gorka, o fillo pequeno e poeta de Miren, que consegue escapar da presión abertzale do pobo e facer a súa vida xunto ao home que ama. Joxian, o marido de Miren, que deixa que decidan por el e non tivo a valentía de seguir estando ao lado do Txato, o seu amigo da alma, cando empezou a recibir ameazas. Outros moitos personaxes pululan ao longo da novela: Guille, o marido de Aránzazu, nacionalista español, Quique, o vividor, case playboy marido de de Nerea que non se decanta claramente, pero odia a ortodoxia abertzale, o cura don Serapio bendecindo as accións violentas, as veciñas e veciños, amigos... paralizados polo medo.
Mari Pardo, que viviu no País vasco até os 20 anos axudounos a entender moitas cousas e compartiu con nós as súas vivencias do conflito. Na nosa charla chegamos a conclusión de que Patria é un relato áxil, as súas máis de 600 páxinas lense con moita facilidade. Escasean as descricións, os personaxes defínense polos seu diálogos, polas súas palabras nunha linguaxe repleta de xiros e modismos vascos. Mari, que viviu no País vasco até os 20 anos axudounos a entender moitas cousas e compartiu con nós as súas vivencias do conflito.
O autor, que escribe o libro despois do anuncio do alto ao fogo de ETA, é capaz de manter a tensión nun relato no que xa coñecemos o final tráxico e que parte en busca dunha explicación que permita entender os feitos e dunha reconcilación que finalmente lógrase. Non só se denuncia a violencia que sofren as vítimas, senón tamén o ostracismo ao que se condena ás súas familias, o turbio papel da igrexa ou de algúns curas, a violencia empregada polas forzas da orde en comisarías e prisións, a manipulación dos militantes máis novos pola banda armada... E despois de todo isto xorde a pregunta, son sólo vítimas de ETA os e as que sufriron a súa violencia directa ou tamén todas aquelas persoas que sacrificaron as súas vidas e os seus soños por unha idea de patria falsa e excluínte que lles venderon?.


2020/04/23

#Papalibros_confinad@s. Celebramos o día do libro.

Está claro que a lectura é unha das nosas mellores aliadas para levar o confinamento. Así celebramos o día do libro @s Papalibros. Veña, Papalibros, animádevos e mandade as vosas fotos! Sempre é o día do libro!!

Pila de libros de Noa Varela Pardo, de 4º de ESO

Lúa Varela Pardo, de 1º de ESO con algúns dos seus libros favoritos

Icía García Carregal, de 3º de ESO xuntou un montón novelas e os seus mangas favoritos

Carmen Vicente, de 3º de ESO, escolleu A todos los chicos de los que me enamoré de Jenny Han

María Fuciños, de 2º de BAC, De catro a catro, de Manuel Antonio, todo un clásico da poesía galega na preciosa edición de El Patito Editorial, ilustrado por Pablo Otero



2020/04/21

#Papalibros_confinad@s

Con esta especie de hahstag, #Papalibros_confinad@s, @s Papalibros estamos intentando compartir as nosas lecturas durante o confinamento facendo vídeos moi curtiños, de menos de dous minutos nos que despois de presentarnos, comentamos como nos axuda a lectura no confinamento e falamos dun libro.
No club de adultos animámonos e, aínda que moitas non controlamos moito de imaxe, si que conseguimos comunicar o que nos aporta a lectura, que é o que importa. Veña, a que agardades @s máis nov@s?

2020/04/06

LECTURAS PARA PASAR O CONFINAMENTO

A estas alturas, cando xa levamos preto de tres semanas confinad@s non imos a pararnos aquí a definir esta situación tan anómala que podería ser unha distopía. Xa tivemos tempo de pensar, reflexionar e calquera cousa que digamos vai ser unha repetición.
O que si que está claro é que a lectura é unha desas táboas de salvación para poder pasar o confinamento. Con ela podemos saír as rúas, subir montes, surcar mares, atravesar selvas ou desertos... en fin, viaxar sen límite sen saír da casa.
Aproveitemos que estes días hai un montón de editoriais e portais nos que podemos descargar libros. Deixámosvos aquí unha ligazón da editorial Astiberri para descargar gratuitamente un cómic con 17 relatos moi recomendables para poder ler cómodamente en PDF nas nosas casas:

E agora deixámosvos recomendacións lectoras dunha das nosas youtubeiras favoritas, Nubes Baixo Ti

2020/02/26

ENCONTRO CON POETAS DA TERRA MELIDE... E MÁIS ALÁ



A semana pasada no club de adultos tivemos a sorte de contar coa presenza de Antom Laia, poeta melidense, e Teresa Ramiro, poeta da ría do Burgo, para falar dos seus respectivos libros No Cinzel Livre das Securas e Fundido a negro.
O noso encontro foi máis ben un recital poético que arrincou co potente son da buguina que soprou Teresa, introducíndonos de cheo no seu universo poético no que o mar é omnipresente, así arrinca tamén Fundido a negro: "Entre os dedos/ unha espiral de salitre/ na boca/ doídos silencios/ no ar o bruar da buguina".
Evocacións de lugares mariños, infancia e saudade dun pasado, presenza da morte, de sombras... a poesía do cotiá, da vida mesma, o compromiso que impera tamén na poesía de Antom Laia e, común aos dous poemarios, a presenza de mulleres poderosas, empoderadas "E elas, soinhas e balteiras, Marias comunais/de maôs e vigor, escano a escano, tras escano:/ resistirom,/ termaron,/ rebelarom/ para verter nos horizontes-passo a passo-/ umha trave de ouro e dignidade..."
Unha xornada estupenda para o noso club de aldultos, que andaba un pouco falto de poesía.