2017/03/19

IZAN O DA SACA, DE NOVO CON XABIER QUIROGA

O xoves 16 de marzo, nun horario inhabitual para @s Papalibros adult@s, tivemos a sorte de contar coa presenza de Xabier Quiroga para falarnos da súa última novela, Izan o da saca, que acaba de recibir o premio San Clemente. A reunión, como si é habitual, tivo lugar na nosa biblioteca Xaquín Yebra, recén "reinaugurada" tras as obras que a convertiron nun lugar luminoso, diáfano e moi agradable, a "sala bip" do instituto como din algúns usuari@s.
Izan o da saca é unha novela cun estraño título que podería considerarse un thriller, novela negra ou mesmo novela histórica. O Reina, un taxista da Ribeira Sacra afeccionado á investigación policíaca e auténtico papalibros, acepta a encomenda dun alto cargo político galego que quere esclarecer unha posible conexión nazi no seu pasado familiar na máis estricta discreción e confidencialidade, como a súa posición así o esixe. O Reina comezará unha investigación que o levará a descubrir unha serie de testemuñas que documentan a presencia nazi en Galicia, que formaba parte da misteriosa "Ruta das Ratas", pola que moitos nazis fuxiron a América do Sur.
Coa a habilidade que xa percibimos noutras obras, Quiroga consegue un relato trepidante mesturando distintas voces narrativas combinadas con precisión. Personaxes auténticos e emotivos como Lelia, o Barrabás, o Graciano, outros non tan emotivos pero moi moi auténticos como D. Manuel Varela, outros máis poéticos como a pobre Loliña da postguerra cohabitan con personaxes reais como Xan de Forcados, Guillermo de Cloos ou Walter Kutschmann facendo que o lector se implique tamén nunha investigación persoal do pasado.
Na nosa sesión Xabier explicounos con detalle a xestación do libro, a súa minuciosa documentación e investigación, aportándonos manuscritos, fotografías e detalles que nos facían imaxinalo tal o Reiniña polos pasadizos de Samos. Unha xornada emocionante grazas a  accesibilidade, a calidez e o agarimo co que nos agasallou Xabier Quiroga.


2017/03/18

@s Papalibros estrean biblioteca!

O pasado mércores 15, na sesións de Benxamíns do noso club de lectura reestreamos biblioteca e o celebramos con bombóns e galletas de chocolate. Este é o aspecto que ofrece a nosa biblioteca despois das obras que a abriron a luz: grandes portas orientadas ao sur, ventanais enriba da zona de ordenadores e nova distribución e mobiliario.
Aínda quedan cousas por cambiar: as portas serán de cristal e no verán porase tarima no chan, para aillalo mellor e facelo máis cálido. Este mércores disfrutamos dun día estupendo e poidemos estar coas portas abertas, lendo no céspede do xardín.
Falamos de varios libros, pero sobre todo de El arte de ser normal, de Lisa Williamson e o problema do acoso escolar, do sexo, do xénero e da liberdade das persoas. Un día estupendo nun lugar estupendo, a nosa biblioteca.
Os Papalibors estrean biblioteca!!