2019/05/31

DESPEDIDA DO CURSO EN FURELOS

Como xa vén sendo tradición dos Papalibros, esta última semana de maio, aproveitando o bo tempo, despedimos o curso no Club de Lectura.
O luns a mediodía tocoulle ao club de xuvenil, 3º e 4º de ESO e 1º de BAC. Ao longo do ano limos en común os seguintes libros:

Replay, cómic de Jorge Zentner e David Sala
Era por Setembro, Xabier Quiroga
Paradero Desconocido, Kressmann Taylor
Contrato con Dios,  cómic de W. Eisner
A dúbida, María Reimóndez

Individualmente, as nosas lectoras e lectores leron un montón de títulos máis, que comentamos nas nosas reunións.

O mércores foi a quenda dos máis pequenos, o club de benxamíns de 1º e 2º de ESO. Neste club houbo moita lectura individual ou en pequenos grupos. Devorouse moito manga, que xa non poñemos neste listado, porque non daríamos abasto. En común tentamos ler os seguintes títulos:

Kafka y la muñeca viajera, de Jordi Sierra y Fabra
Soy una matagigantes, cómic de J. Kelly
O corazón de Xúpiter, Ledicia Costas
Cairo Branco, Jack London
Danny o campeón do mundo, Roald Dahl

Temos un agasallo sorpresa para tod@s @s Papalibros, pero non consegui chegar a tempo para esta data. En breve informaremos, estade atent@s.


Despedida de Papalibros en Furelos 2019

2019/05/19

COMPARTINDO VERSOS CON LOIS PÉREZ

Grazas a unha iniciativa do ENL, asiduo colaborador baixo a coordinación de Marga Quintela, na nosa sesión do club de adultos do mes de maio gozamos da compaña de Lois Pérez, poeta, cronista, roqueiro, músico, locutor radiofónico... e profesor, que veu paliar un pouco a gran carencia de poesía que padecemos no Club de Adultos.
Se xa a lectura da súa obra Long Play puido deixarnos un tanto desconcertadas porque é un libro que rompe moldes, con banda deseñada, versións de cancións, prosa desternillante... a presencia de Lois acabou de rompernos os esquemas por completo, xa no principio, cando sacou a súa guitarra feita cunha lata de diesel reciclada. É que resultou que o noso convidado tamén é luthier!
Nun escenario moi amañadiño, coa axuda do gran David Canoura, a modo de pub, Lois recitou os seus poemas, cantou, berrou e fíxenos cantar e rir bastante a todas e todos coas súas per-versións de cancións.
E no medio desta sesión tan entretida descubrimos un poeta que combina maxistralmente esa viaxe persoal ao lado escuro, irracional...  co xogo continuo, como o que fai coas iniciais L.P. do título, do seu nome e dunha serie de pintureiros personaxes inventados. Un poeta que é quen de encendernos de paixón en Amar en caso de incendio, arder en caso de amor, de denunciar os desastres da guerra no fermosísimo Berce e área ou de explicarnos a diglosia (Lady Glosia!!) cantando Satisfation. Longa vida a Long Play e longa vida á poesía.