2020/05/22

#Papalibros_confinad@s: Patria, de Fernando Aramburu

No Club de adultos animámonos a reunirnos por Webex para falar de Patria, de Fernando Aramburu, a nosa última lectura antes do confinamento. A reunión estaba prevista inicialmente para o 25 de marzo e, querendo ser positiv@s, pensamos que estes dous meses de retraso fixérennos asentar un pouco máis a lectura.
Patria afronta o conflito vasco presentándonos a dúas familias que poderían ser representantes dunha boa parte da poboación de Esukadi: unha familia vítima de ETA, e outra abertzale na que un dos seus membros é un preso da banda armada. Máis que a vítima, el Txato, e o seu posible verdugo, Joxe Mari, as figuras centrais destas familias son Bitorri, a viúva do Txato, e Miren, a nai de Joxe Mari, auténticas matriarcas, noutro tempo amigas íntimas e agora enfrontadas. Xabier, o honesto fillo de Bitorri, que vive nun pozo de tristeza do que non pode saír, Nerea, a filla que baixo unha fachada de frivolidade, intenta levar o dó á súa maneira e pasar páxina. Aránzazu, a filla de Miren, xusta, íntegra e valente que parece expiar as culpas da familia sufrindo un ictus que a deixa encarcerada nun corpo inerte. Gorka, o fillo pequeno e poeta de Miren, que consegue escapar da presión abertzale do pobo e facer a súa vida xunto ao home que ama. Joxian, o marido de Miren, que deixa que decidan por el e non tivo a valentía de seguir estando ao lado do Txato, o seu amigo da alma, cando empezou a recibir ameazas. Outros moitos personaxes pululan ao longo da novela: Guille, o marido de Aránzazu, nacionalista español, Quique, o vividor, case playboy marido de de Nerea que non se decanta claramente, pero odia a ortodoxia abertzale, o cura don Serapio bendecindo as accións violentas, as veciñas e veciños, amigos... paralizados polo medo.
Mari Pardo, que viviu no País vasco até os 20 anos axudounos a entender moitas cousas e compartiu con nós as súas vivencias do conflito. Na nosa charla chegamos a conclusión de que Patria é un relato áxil, as súas máis de 600 páxinas lense con moita facilidade. Escasean as descricións, os personaxes defínense polos seu diálogos, polas súas palabras nunha linguaxe repleta de xiros e modismos vascos. Mari, que viviu no País vasco até os 20 anos axudounos a entender moitas cousas e compartiu con nós as súas vivencias do conflito.
O autor, que escribe o libro despois do anuncio do alto ao fogo de ETA, é capaz de manter a tensión nun relato no que xa coñecemos o final tráxico e que parte en busca dunha explicación que permita entender os feitos e dunha reconcilación que finalmente lógrase. Non só se denuncia a violencia que sofren as vítimas, senón tamén o ostracismo ao que se condena ás súas familias, o turbio papel da igrexa ou de algúns curas, a violencia empregada polas forzas da orde en comisarías e prisións, a manipulación dos militantes máis novos pola banda armada... E despois de todo isto xorde a pregunta, son sólo vítimas de ETA os e as que sufriron a súa violencia directa ou tamén todas aquelas persoas que sacrificaron as súas vidas e os seus soños por unha idea de patria falsa e excluínte que lles venderon?.


Ningún comentario: