2008/11/25

Usha de María Reimóndez





"O meu nome é Uxía. My name is Ushia. Nam heseru Ushiya...”

Queres saber quen é Usha?

Queres descubrir o valor da amizade, da honradez, do compromiso coas “cousas xustas”...?

Queres saber como vivía na India ou que significa a palabra pakora, sari, mandaki?

Sabes o que é una latrina ou se alí usaban ou non o papel de váter???

Pois xa sabes, aproxímate a Usha. Adéntrate no seu mundo, noutro país, noutra cultura, noutra forma de vida e confróntaa coa túa.

Este é o libro de lectura proposto para o alumnado de 1º de ESO. Se xa o liches, anímate agora a escribir os teus comentarios sobre a obra.

2008/11/17

EL HERRERO DE LA LUNA LLENA

Neste primeiro trimestre, o alumnado de 1º de ESO están lendo para Lingua Española esta novela ambientada na IDADE MEDIA, tema que a partir de agora trataremos na nosa biblioteca. A continuación podedes ver unha reseña da obra:
"Pese á súa xuventude, Yago de Lavalle domina os segredos da fragua e os metais. Convencido de que só o medo ao descoñecido fai crer na maxia, ignora os antigos tiros propios do seu oficio. Como castigo por tal atitude, o gremio dos ferreiros obrígalle a peregrinar ata Santiago de Compostela.
A aventura, o amor e o perigo serán só algúns dos seus compañeiros de viaxe"
NON ESQUEZADES DEIXAR OS VOSOS COMENTARIOS CANDO O TEÑADES LIDO!!

2008/07/05

O NENO DO PIXAMA A RAIAS (BIS)

Si, xa sabemos que alguén escribiu neste blog sobre este libro. Pero nesta entrada non imos falar do libro senón dunha magnífica escultura que unha lectora, Carlota Casal (alumna do noso IES Melide) realizou este curso que acaba de rematar. Poderíamos dicir que se trata dunha desas interpretacións visuais que (sen temor a equivocarnos) garda máis intensidade que a propia obra literaria. Despois de que a profesora María Cuquejo pedise aos seus alumnos un traballo (de calquera natureza) sobre a obra lida, a nosa protagonista (Carlota) elaborou unha escea que ben pode ser a escea de moitas situacións. Quizais aí está o seu éxito: que superou o localismo do libro. E que ben podía ser o símbolo de palestinos e israelíes, de chineses e tibetanos, de brancos e negros, de... Parabéns a Carlota pola súa capacidade de transmitir intensidade nun golpe de vista, é de agradecer. E, como non podía ser menos, a súa obra aparece fotografada na contracuberta do ARTEFACTO, o noso boletín artístico-literario.

2008/06/07

Cómic para o verán: "Donde no alcanza la mirada"

Edición orixinal: Où le regard ne porte pas
Data de edición: decembro de 2005
Guión: Georges Abolin
Debuxo: Olivier Pont
Tinta: Olivier Pont
Cor: Jean-Jacques Chagnaud
Formato: 192 páxinas


Se alguén aproveita o verán para deleitarse coa chamada "novela gráfica" (ese tipo de cómic de estética e guión coidados por igual), recomendamos dende o PAPALIBROS esta obra en banda deseñada.
Os motivos? Pola súas codadísimas montaxes de páxinas. Porque nela predominan os silencios por enriba das palabras (lembremos que na historieta é crucial saber contar historias cos silencios). Pola exquisita caracterización (física e mental) dos personaxes. Pola ambientación. Pola enorme carga emocional dos acontecementos. E porque se trata dunha historia que percorre a vida dos protagonistas, dende a súa infancia, pasando pola súa mocidade e rematando na vellez.
Unha auténtica xoia. Que a desfrutedes.
"1906. William tenía diez años cuando su familia abandonó Londres para trasladarse a Barellito, una pequeña aldea italiana cuyos habitantes vivían plácidamente de la pesca. Con la llegada de los extranjeros, sin embargo, empezaron las tensiones. Barellito representó para William un cambio radical que alteró por completo su vida. Nuevos paisajes, la luz del sur, una libertad que hasta entonces no había conocido y, sobre todo, nuevos amigos. Paolo, Nino y la encantadora Lisa, a los que una fecha y un objeto parecían unir inexorablemente. " (Planeta Cómic)

2008/06/04

Suxestións para o verán















Firmin de Sam Savage é a historia dunha rata de librería que aprende a ler a base de roer libros e aos poucos convertirase en humana por mor das súas lecturas...



"Siempre imaginé que la crónica de mi vida, si acaso alguna vez

llegaba a escribirla, tendría una primera frase excelente: algo lírico, como

“Lolita, luz de mi vida, fuego de mis entrañas”, de Nabokov; y, si no me salía

nada lírico, algo arrollador, como “Todas las familias felices se asemejan, pero

cada familia desdichada es desdichada a su manera”, de Tolstói. La gente

recuerda estas palabras incluso cuando ya ha olvidado todo lo demás que hay en

el libro..."



Parece que estamos ante un novo heroe de papel







2008/06/03

Tres libros, unha historia: iniciación á lectura máxica

"Ao día seguinte a miña avoa comezou a contarme contos. Fíxoo seguramente para arrincarnos da nosa enorme tristeza." Roald Dahl, As bruxas.





Se hai un libro, neste caso unha triloxía, que reflicta á perfección o amor á lectura e aos libros sería, para min, Corazón de tinta, Sangre de tinta e a tan degorada Muerte de tinta (que dende a semana pasada está por fin nas librerías). Esta obra da escritora alemá Cornelia Funke invítanos a viaxar aos libros (literal), a fluctuar entre a realidade e a ficción, entre os bos e os malos,... Fai unha declaración de amor aos libros que non lembraba eu dende Farenheit 451 e xoga tamén coa maxia.


Lengua de Brujo, o pai de Meggie, ten o don de dar vida aos personaxes dos libros cando le en voz alta. A cambio, o libro leva para o seu mundo a unha persoa pertencente ao do lector. Por suposto, Meggie, herda o don de seu pai... E así comezará esta historia, cando á porta da casa vén petar un estraño personaxe...



A semana pasada, en "Babelia" (xa sabedes iso de que se non sae recensionado en "Babelia", o libro non existe) falábase dunha serie de libros no ronsel de Harry Potter -Carmen Mañana, "La estela de Harry Potter"- e malia que Cornelia Funke é coñecida coma a J.K. Rowling alemá, eu creo que xa lle gustaría a Potter parecerse sequera unha migalliña a Meggie. Calidade é calidade e esta triloxía repártea a cachón, ademais de ser unha homenaxe respectuosa aos clásicos de todos os tempos e unha obra nova, ben escrita e que nos fai mesmo comprobar se nós, pobres mortais, tamén temos o don.



Pois iso, aínda non o lemos (pronto caerá nas nosas mans), pero seguro seguro que Muerte de Tinta non nos ha decepcionar e ha poñer broche de ouro ás aventuras de Dedo Polvoriento, Mo, Ellie e, por suposto, a nosa Dorothy: Meggie.


"Las palabras.

Las palabras llenaron la noche como el aroma de flores invisibles. Unas palabras hechas a la medida, creadas a partir del libro que Farid sostenía con firmeza, ensambladas por las manos de Orfeo, pálidas como la masa, hasta adquirir de nuevo sentido. Hablaban de otros mundos, de un mundo lleno de prodigios y espantos. Farid aguzó el oído, olvidándose del tiempo. Ya ni siquiera confiaba en su existencia. Sólo existía la voz de Orfeo (...). Lo hacía desaparecer todo, la calle llena de baches y las casas míseras del final, la farola, el muro sobre el que se sentaba Orfeo, incluso la luna sobre los árboles negros. Y el aire desprendió de repente un olor exótico y dulzón..." p. 23 Cornelia Funke (2005) Sangre de Tinta. Madrid: Siruela.

De raias, pixamas e nenos





E como en medio mundo, tamén no noso Papalibros está a pasar de man en man: O neno do pixama a raias. Cada certo tempo repítese o feito de que un determinado libro - Los hijos del Grial, El clan del oso cavernario, La sombra del viento, El Código Davinci...- é lido por milleiros de persoas (bos libros? boas campañas de publicidade? O tema dá para pensar un cacho)


O neno do pixama a raias cóntanos a historia dunha amizade entre dous cativos cun aramado entre eles. O protagonista narrador, desde os seus poucos anos, transmítenos unha imaxe dramática do que foi a Alemaña de Hitler (O Fura), a historia tráxica da amizade e da vida mesma en tempos de guerra. Unha novela que en breve irromperá nas pantallas de todo o mundo na súa versión cinematográfica.

Se nos poñemos exquisitos habería que dicir que... con catro motivos xa tópicos na literatura e no cine: protagonista infantil, nazismo, campos de concentración... o autor crea unha historia sinxela, sensibleira e sen maior interese. Albíscase dende o comezo o desenlace, xa dende o mesmo título e a contracapa, e a novela parece ser o resultado dun deses cursos, "Como escribir un betseller", da factoría Baricco... se cadra demasiado exquisitos? Que opinas? Se o liches, por favor, non sexas tímido e cóntanos que che pareceu o libro.




Ese Paasilina!!!


Gunar Huttunen decide comezar de novo a súa vida no norte do país, Finlandia, e merca a acea de Suukoski, á beira do Kemi. Os veciños da aldea agradecerán que o muíño volva funcionar e mesmo iranse achegando curiosos coñecer a Huttunen. A pequena aldea finesa asistirá entre risos ás imitacións que con moita arte fai o muiñeiro pero, engorde, pasarán do desconcerto á xenreira, xa que Gunar ademais de todas as súas extravagancias ten un costume ben peculiar: o muiñeiro non pode evitar ouvear cando está amorriñado. Cando os veciños non aturan máis os laios, anovela amósanos o enfrontamento do home contra o home -as forzas vivas da vila á caza do muiñeiro-, o home fronte á natureza, á soidade, á tolemia, ao amor, etc. O muiñeiro ouveador é a segunda das novelas de Arto Paasilina que chega ás mans dos lectores galegos, un escritor polifacético, que antes de frade foi cociñeiro: gardabosques, xornalista, poeta... e que amosa todas as súas facianas nas súas novelas. O gardabosques respectuoso e protector agroma nas paisaxes, na descrición da vida do campo, nos traballos coma carpinteiro que desenvolve Gunar; o xornalista deixa ver as suás maneiras na narración dunha crónica, aínda que non pode evitar poñerse de parte dalgúns dos seus personaxes -o muiñeiro, Sanelma, o carteiro, o policía- e na contra doutros -o tendeiro, o médico, o comisario, os ricos propietarios-; o poeta sobrancea nalgunha das descricións e mais nas reflexións que a lectura da novela suscita no lector.
Alén disto, Paasilina caracterízase por unha escrita clara e sinxela que dosifica con acerto acomicidade. Xoga en todo momento a sorprender o lector e ganduxa historias imposibles que,despois de lelas, fan que comprendamos por que é considerado un dos narradores máis habelinciosos das letras comtemporáneas e amais, converte os seus homes duros, lapóns afeitos a traballar arreo, en tipos universais, polo que a historia do muíño de Suukoski ben podería ambientarse ou suceder en calquera aldea galega.
Un libro exquisito exquisitamente traducido ao galego e que é de lectura imperdoable para todos aqueles que queiran gozar dunha boa novela.

Finn Family Moomintroll



Capítulo I

En el que Mumin, Manrico y Esnif se encuentran el sombrero del
mago. Luego aparecen de pronto cinco nubes y el Jemulen logra inventar otro
pasatiempo.




Así comezan as aventuras da familia Mumin. Unha serie de libros que non perdeu a forza cos anos, se non que se converteu por dereito propio nun clásico da literatura infantil e xuvenil. O val de Mumin (supoñemos que en Finlandia) é o fogar de diferentes especies de seres, principalmente trols, onde cada primavera se viven grandes aventuras, todas elas do máis rechamante e pintoresco, como sucede nesta ocasión que atopan o sombreiro dun mago que transforma todo o que lle cae no interior no máis inesperado (incluso o propio Mumin que se agocha embaixo do sombreiro, acaba converténdose nun bicho estraño e feuchiño que ninguén recoñece)
Son historias cheas de imaxinación nas que destaca o humor, a fantasía e a calidade narrativa.

2008/06/02

Carapuchiña vermella procura a liberdade


"Adentrarnos en los pensamientos secretos de los seres que amamos, eso es lo que nos permiten los cuentos." Isto é o que pensa Gustavo Martín Garzo sobre os contos (O segredo dos contos). Nós pensamos que algo de razón ten e por isto recomendamos no noso Papalibros a Carapuchiña máis afouta de todas... a que é quen de comprender ao lobo





No quiero que te vayas, madame Bartholdi. ¿Qué voy a hacer sin
ti? Me quedo como metida en un laberinto.
-Procura encontrar tu camino en el
laberinto -le dijo ella-. Quien no ama la vida no la encuentra. Pero tú la amas
mucho. Además, aunque no me veas, yo no me voy, siempre estaré a tu lado. Pero
no llores. Cualqueir situación se puede volver del revés en un minuto. Ésa es la
vida.
Sara se empino para darle un beso. No podía evitar el llanto.
-Y no
olvides una cosa -le dijo miss Lunatic-. No hay que mirar nunca para atrás. En
todo puede surgir una aventura. Pero ante las ansias de la nueva aventura, hay
como un miedo por abandonar la anterior. Plántale cara a ese miedo.
Pp. 180-181

E que estes días andamos todos un pouco perdidos e non nos viña nada, nada mal falar un cacho con Mademe Bartholdi ;)

Para gustos fixéronse colores!

Esta é a deliciosa reedición dun clásico:


Porque hai un monte de xente que aínda non sabe o conto...


A galiña azul

Estes días anda o pobo un pouco alborotado. Acórdaste dun rapaz que se chama Lorenzo e que andaba sempre na compaña dun can pequeniño de rabo zuro? Pois Lorenzo ten unha galiña azul con cinco plumas vermellas na á dereita.
É unha galiña moi bonita e moi rara. Pon ovos de colores. Xa puxo dous marelos, un rosa e tres verdemar. Ademais non di cacaracá como as outras galiñas, senón que di cocorocó. E isto ten preocupadas as autoridades.
Tan preocupadas as ten que hai catro días chegoulle un oficio a Lorenzo pedíndolle que entregase a galiña polas boas. Lorenzo negouse, porque aínda que lle din que só é para que a vexa un veterinario, o certo é que, segundo dixo o señor Casimiro, o porteiro do Concello, a galiña vana matar.
O alcalde, Manolito Listón, dixo nunhas declaración que fixo para a televisión e para os xornais, que non se podía tolerar a existencia dunha galiña azul, porque, segundo Manolito Listón, unha galiña azul que pon ovos de colores e que di cocorocó en vez de cacaracá non é unha galiña como é debido.
O caso é que o pobo anda todo alborotado e o pobre Lorenzo non levanta cabeza.
Antes paseaba todo contento coa súa galiña pola rúa, pero agora está na casa e algúns din que a galiña a ten disfrazada de branco para que non lla coñezan. Pero de certo, pouco se sabe.
Eu non sei que vai pasar, porque os veciños están de parte de Lorenzo e da galiña. Non teñas pena, que xa che contarei en que queda isto.
Lorenzo encárgame que che dea lembranzas del e da súa galiña azul.


O final da historia da galiña azul

Sabes que se arranxou o asunto da galiña azul de Lorenzo?
Verás. O día aquel que che escribín contándoche todo, resulta que a iso das cinco da tarde chegaron os gardas a buscar a galiña azul, de parte de Manolito Listón. Ía moito sol e podía ser un día ben ledo se non fose pola pena que tiñamos todos.
A xente congregouse diante da casa de Lorenzo. Habería para aí máis de mil persoas. Eu tamén fun.
A que non adiviñas o que pasou? Pois o día anterior discorreu que a mellor maneira de arranxar as cousas sería tinguir de azul todas as galiñas do lugar, pintándolles de vermello cinco plumas da á dereita e despois soltalas arredor da galiña azul de Lorenzo. Como nós non temos galiñas na casa, eu fun mercar unha á feira de Allariz e tinguina de azul tamén.
Cando chegaron os gardas, atoparon tanta galiña igual que non sabían cal era a de Lorenzo.
Só houbo un pequeno despiste. Foi cousa de Leoncio, que se trabucou e apareceu cunha galiña pintada de vermello. Cando lla viron os gardas, queríanlla matar. Se o vises escapar coa súa galiña debaixo do brazo e berrando: "Para gustos fixéronse colores!"
Agora o Manolito Listón di que cando chova se vai arranxar, que as galiñas han perder o tinte e que entón, xa veremos... Pero polo de agora vai moita calor e temos o verán enteiro por diante.
De momento, Lorenzo anda amestrando a galiña para que, ao menos en público, aprenda a dicir cacaracá en vez de cocorocó.
Claro que a xente do lugar ten un contrasinal para coñecer a verdadeira galiña azul. Xa cho direi cando veñas.

As voces dos que dormen



La voz dormida de Dulce Chacón cóntanos a dura vida das mulleres republicanas nos cárceres franquistas.
É o relato das vidas dos combatentes anónimos que non estaban preparados para perder a Guerra Civil e nas páxinas da novela asistimos ao sufrimento innecesario dun monte de personaxes que capítulo a capítulo van tecendo e destecendo as súas vidas truncadas.
Dulce Chacón permítenos oír a todas aquelas voces que aínda tiñan unha historia que contar sobre a contenda española e que ata o momento estaban ben durmidas ou ben silenciadas.
Unha novela sobre sentimentos, pero que consegue non caer na sensibleira nin na lágrima fácil e que nos achega a uns acontecementos aínda vivos da nosa historia. Unha delicia e na mesma liña anda o premiado El corazón helado de Almudena Grandes, por se che cae nas mans e tes curiosidade.

On the road



Novela de lectura fácil que lembra na súa totalidade a eses telefilmes que botan en todas as canles as tres e media e que axudan na ben merecida sesta.
Un pai e un fillo, tras unha catástrofe (non sabemos cal) percorren unha estrada estadounidense na procura dos "homes bos" e das cálidas terras do sur. Na súa monótona andaina hanse atopar en toda clase de situacións complicadas: homes que comen os seus fillos, fame, enfermidade, a morte de deus...
As imaxes e situacións que se nos presentan na lectura non deixan de ser unha amalgama do xa coñecido: Mad Max, O planeta dos simios, Soy leyenda... Esta novela sería un spin off do consolidado xénero de cine de catástrofes e malia que as súas descricións non deixan de ser moi boas, non nos achega nada novo.

Eu creo que na mesma liña hai libros ben mellores: Crónicas marcianas, O mecanoscrito da segunda orixe, Un mundo feliz...

2008/05/22

Despedimos á xente de 2º de BACH

Hoxe, xoves 22 de maio, tivemos a última reunión dos papalibros deste curso para o grupo de xentiña que se nos vai do instituto (2º de Bach). A sesión foi diferente: todos na biblioteca, man a man cos ordenadores, o grupo adicouse a facer comentarios aos posts deste blog. Foi realmente alucinante ver tanto balbordo na biblioteca, e colas de xente para deixar impresións sobre libros lidos. Parabéns a todos os que fixestes posible esta aventura. Os primeiros sorprendidos somos os profesores, que tan só puxemos os medios. O resto, o realmente importante, fixéstelo vós, rapazas e rapaces, que semana a semana vos metestes de cheo na lectura, cunha paixón que nos fixo (en serio) caer a baba.
E aínda que moitos dos alumnos se van á universidade, sabemos que van seguir en contacto con nós a través deste blog, que é xa deles. Así, ano tras ano iremos ampliando esta comunidade virtual.
Graciñas.
O equipo de profes do Club Papalibros.

Maus

Maus é a historia dun sobrevivente de Auschwitz, Vladek Spiegelman, narrada polo seu fillo Art (Art Spiegelman é o nome do autor do libro). Os xudeus aparecen representados coma ratos, e os nazis, loxicamente, coma gatos. O autor sueco trascende a historia do holocausto para centrarse principalmente na psicoloxía do sobrevivente, coa intención de resolver a maraña da súa relación paterno.filial, da sombra dunha nai suicida, e do fantasma dun irmán santificado ao que nunca coñeceu. Esta obra, que aborda unha traxedia co desparpaxo da liña europea clara, sinxela e sen engadidos innecesarios, foi a única en banda deseñada que recibiu un premio Pulitzer (en 1992), unha beca da Fundación Guggenheim, e deu lugar a unha exposición no Museo de Arte Moderno de Nova York. Para interese dos comiqueiros da terra, Francesc Capdevila, Max, primeiro Premio Nacional de Cómic, mercou os dereitos para a edición en catalán, galego e éuscaro. Iso quere dicir que o cómic chegará ás librerías na nosa lingua da man de Inrevés Ediciones.

2008/05/21

Por escrito gallina una


" Con lo que pasa es nosotras exaltante. Rápidamente del posesionado mundo hemos nos, ¡hurra! Era un inofensivo aparentemente cohete lanzado Cañaveral americanos Cabo por los desde. Razones se desconocidas por órbita de la desvió, y probablemente algo al rozar invisible la tierra devolvió a. Cresta nos cayó en la ¡paf!, y mutación golpe entramos de. Rápidamente la multiplicar aprendiendo de tabla estamos, dotadas muy literatura para la somos de historia, química menos un poco, desastre ahora hasta deportes, no importa pero: de será gallinas cosmos el, carajo qué"
Julio Cortázar, La vuelta al día en ochenta mundos
... E outro textiño deste Cortázar que tanto nos gusta. ¿Aínda non o coñeces?






Píldoras azules



Este cómic é un relato autobiográfico na que o autor, Frederik Peeters, cóntanos a súa historia de amor con Caty. Ela é seropositiva ao igual que o seu fillo de tres anos, froito dunha realción anterior. Ao longo da historia vemos o seu namoramento e a evolución da relación a partir do momento no que ela lle conta a Frederik a existencia da enfermidade.


A obra engánchanos, facéndonos compartir tanto os medos como o amor sinceiro do protagonista. Ao mesmo tempo, Píldoras azules móstranos como a sociedade percibe esa terrible enfermidade que é a SIDA

Crepúsculo


Este é un dos títulos que últimamente está arrasando no noso club de lectura, Os Papalibros.
Crepúsculo é unha triloxía na que a autora, Stephnie Meyer, cóntanos a complicada relación entre Bella e Edward... e tan complida xa que Edward é un vampiro. Iso si, guapo e noviño.
Na primeira parte, Un amor peligroso, cóntanos como se coñece a parella.
No segundo libro, Luna nueva, Bella darase conta de que namorarse dun vampiro pode ser moito máis perigoso do que imaxinaba. Edward sálvaa dun diabólico vampiro, pero tal vez os seus problemas non fixeron máis que empezar.
En Eclipse, a terceira parte, Bella atópase unha vez máis en perigo, pero ademais terá que elixir, entre o seu amor por Edward e a súa amistade con Jacob... sabendo que a súa decisión pode desencadear a loita intemporal entre vampiros e homes-lobo.
Veña, non apalanques os libros, que hai cola agardando.
Escribe o teu comentario, a ver se alguén se anima con esta historia romántica con toques de terror.
Publicado por BIBLOMELIDE en 12:04 AM 0 comentarios
Etiquetas:

Persépolis


Persépolis é unha unha historia autobiográfica escrita por Marjane Satrapi en formato de cómic. Satrapi, de orixe iraní, vive de nena a caída do Sha de Persia e a revolución islámica liderada polo Ayatolah Jomeini. Case na adolescencia, trasládase a Austria para cursar estudios no Liceo Francés de Viena, a instancias dos seus pais, unha familia de clase media que quere que Marjane reciba unha educación máis liberal. A súa adaptación en Europa non será fácil. Cando Marjane decide regresar decátase de que a vida en Irán, baixo un réxime islámico, tampouco é doada.Persépolis está na sección de cómic da nosa biblioteca do IES de Melide. Son catro volumes (delgadiños, eh?) que se len moi ben. Ademais de disfrutar dunha boa historia, podes enterarte de como é a vida nun país islámico ou como a ven algúns cidadáns.

Hai uns meses estreouse a película baseada no cómic. É un filme de animación realizado pola propia Marjane Satrapi en colaboración con Vincent Paronnaud. A cinta, que tivo moi boa acollida en diferentes festivais de cine e provocou unha gran polémica en Irán, ofrécenos unha boa historia contada mediante debuxos de gran beleza e forza expresiva. Se queres saber máis consulta a web oficial en http://www.vertigofilms.es/persepolis/. O próximo mércores, 28 de maio poderás ver a peli no instituto, no horario habitual de Cineforum (16.00 h.)
Podes ver aquí un trailer da película.

Se liches o comic ou viches a película, engade o teu comentario.

2008/05/20

El lector



Michael Berg ten quince anos. Un día, cando regresa a casa dende o colexio, comeza a atoparse mal e unha muller acude na súa axuda. A muller chámase Hanna e ten trinta e seis anos. Unhas semanas despois, Michael, agradecido, lévalle a casa un ramo de flores. Este é o comezo dunha relación erótica que sempre vai precedida polo mesmo ritual: ela pídelle a Michael que lle lea en voz alta fragmentos de Schiller, Goethe, Tolstoi, Dickens... ata que un día Hanna desaparece sen deixar rastro.
Sete anos despois, Michael, estudiante de Dereito, reencontraraa nun xuizo, entre as acusadas de crimes de guerra nazis e, dividido entre os gratos recordos e o desexo de xustiza, tratará de comprender e descubrir quen é en realidade a muller que amou.
Fascinante novela sobre o amor, o horror e a piedade, se xa a liches, déixanos o teu comentario!

La señorita Smila y su especial percepción de la nieve


Pouco antes do Nadal, a señorita Smila, xeóloga, especialista en neve, descubre un día, de regreso a súa casa, o cadáver do seu veciño e amigo, o pequeno Isaías. A versión oficial fala dun posible accidente, pero Smila sospeita algo moito máis turbio e decide investigar ela mesma a morte, pois se sinte moi unida ao rapaz que, coma ela, pertencía á pequena comunidade de esquimais groenlandeses de Copenhague.
Smila descubrirá entón que a morte do neno está relacionada cunha expedición segreda a Groenlandia feita anos atrás, na que o propio pai de Isaías morrera misteriosamente, na procura dalgo moi valioso que agochan os xeos do ártico.
Peter Hoeg mestura neste libro os subxéneros narrativos máis populares (aventuras, acción, misterio, viaxes, ciencia-ficción, amor, etc), creando unha historia tan fascinante e inolvidable como a propia protagonista, a intelixente, sensible e rebelde Smila.

La excursión a Tindari




Isto que ves aseméllase moito a Villità, o pobo siciliano no que vive o comisario Salvo Montalbano, un vello coñecido dos alumnos de Melide. É o protagonista dunha serie de novela policiaca ambientada na Sicilia actual. Dende que o seu autor, Andrea Camilleri, o creou en 1994, homenaxeando co seu nome a outro grande escritor do xénero negro, o catalán Manuel Vázquez Montalbán ("Salvo", en italiano, quere dicir "Hola"), creador do mítico detective Pepe Carvalho, as súas aventuras convertéronse nun grande éxito internacional.

A Salvo Montalbano, como a Pepe Carvalho, gústalle comer ben, a praia e a literatura; ten un éxito moi, moi escaso coas mulleres (a súa eterna moza, Livia, vive en Xénova, moi lonxe da súa vila), unha vella afiliación comunista e unha indisimulada perplexidade ante os tempos presentes.
Na novela que che propoñemos, o comisario Montalbano enfréntase a un dobre misterio: o asasinato do mozo Nenè Sanfilippo e a desaparición dos Señores Griffo, unha parella de anciáns vistos por última vez nunha excursión a Tindari. Montalbano sospeita que a aventura de Sanfilippo con Vania Titulesco, a muller rumana do célebre cirurxán Eugenio Isgrò, ten algo que ver coa morte, pero as súas investigacións levarano a descubrir conexións entre eles e os Griffo moito máis sorprendentes.
Se te enganchas (e non serías o primeiro...), na biblioteca hai moitos máis títulos, en galego e en castelán!

La Plata de Britannia, de Lindsey Davis


Primeira entrega da serie de novela histórica ambientada na Roma do século I.
A trama, que combina misterio, acción, humor e historia, está protagonizada polo "informante" privado Marco Didio Falco, un deses inolvidables detectives aos que seguimos de novela en novela, como a un vello amigo ao que nos gusta reencontrar de cando en vez, para que nos conte a súa última aventura.
Neste primeiro episodio, o noso heroe atopa no foro a unha muller en apuros, a bela Sosia Camilina, a que rapidamente convirte en clienta para tentar gañar un pouco de diñeiro que mellore a súa mermada economía. A raiz deste encontro e moi ao seu pesar, verase involucrado nunha conspiración para derrocar ao novo emperador Vespasiano. Tentando descubrir aos culpables, Marco terá que traballar como escravo nas minas de prata de Britannia, soportar os desdéns de Helena Justina, a altiva prima de Sosia, e mesmo poñer en perigo a súa vida.

Nada



“Me marchaba ahora sin haber conocido nada de lo que confusamente esperaba: la vida en su plenitud, la alegría, el interés profundo, el amor. De la casa de la calle Aribau no me llevaba nada. Al menos, así creía yo entonces", Nada


Este curso, algúns dos alumnos de 2ºBAC decidiron ler Nada, para coñecer un pouco mellor a vida na España da inmediata posguerra.
A grandes rasgos este é o argumento: Andrea chega a Barcelona para estudiar na Universidade e instálase na casa da súa familia materna, burgueses empobrecidos trala guerra. No medio da fame, dos odios e da violencia que fan da casa un lugar deprimente e opresivo, Andrea, sempre escasa de diñeiro, sobrevive como pode, tratando de evitar os conflictos que fan a convivencia case imposible e buscando unha saída no mundo de compañeirismo e diversións que lle descubre a súa compañeira e íntima amiga Ena.
A novela gústanos porque nos fai comprender as miserias da sociedade burguesa e conservadora dos primeiros anos da posguerra, pero, sobre todo, porque a autora consegue que nos identifiquemos cos soños, coas ilusións, coas dúbidas e cos medos da protagonista, porque tamén son os nosos.

Harry Flashman: Un espía al servicio del Imperio Británico, de George MacDonald Fraser



¿Por que nos gusta Harry Flashman, o soldado máis cobarde, sinvergüenza e mulleirego do exército británico?
Pois, ante todo, porque este inefable antiheroe fainos pasar un bo rato coas súas descaradas aventuras e, de paso, nos tralada aos acontecementos máis importantes do século XIX, nos que participa, case sempre, de forma involuntaria.
No primeiro libro da serie, “Flashy”, como lle gusta facerse chamar, é expulsado da escola secundaria tras unha enorme borracheira que remata coa paciencia do Director, e decide ingresar na Compañía de Husares de Lord Cardigan, cos que viaxará a Afganistan. Alí tocaralle intervir nun dos episodios máis vergoñentos da historia do exército británico: a desastrosa retirada militar de Kabul. Sen embargo, o seu instinto de supervivencia fará que, coma sempre, salve o pelexo e, de paso, consiga unha condecoración...aínda que para iso teña que meterse en asuntos non de todo legais... O normal nos aventureiros de verdade.
¿Pedimos máis?

De cómo las muchachas García perdieron el acento

As irmás García e os seus pais chegan a Nova Iorque fuxindo da persecución política na República Dominicana, o seu país natal. Instaladas no Bronx, deberán adaptarse a un mundo moi diferente da vida privilexiada que deixan atrás: Baixo a presión de integrarse na nova cultura, Carla, Sandra, Yolanda e Sofía alísanse o cabelo, cambian o castelán polo inglés e relaciónanse con rapaces ben distintos dos que coñeceran ata entón. Sen embargo, pronto descubrirán os problemas e as carencias do seu país de acollida, ao tempo que terán que enfrontarse á mentalidade duns pais aos que lles custa cambiar.
... Se che gustou e queres ler algo máis sobre personaxes que viven entre dúas culturas, recomendámosche La casa en Mango Street, da chicana Sandra Cisneros, que conta as vivencias dunha adolescente mexicana nos arrabais de Chicago; ou Dientes Blancos, de Zadie Smith, e El buda de los suburbios, de Hanif Kureishi, desternillantes novelas ambientadas nos barrios multiculturais de Londres, coma sempre, na biblioteca.

Apuntes para unha historia de guerra

Terceiro álbum en España do italiano GIPI, e terceira sorpresa. Este libro de cómic, que podemos atopar XA na nosa biblioteca do IES Melide, destaca pola solidez narrrativa, o seu estilo gráfico ALUCINANTE e por un guión sobrecolledor. Por que é especial? Porque fala dunha guerra, e de como tres rapaces perden a inocencia por culpa dela. En definitiva, os estragos que os conflitos causan nas persoas. Atoparédelo, claro está, nas estanterías de CÓMIC. Que vos aproveite!!

Blacksad

Unha de cómic. Hai na nosa biblioteca un libro fascinante sobre un detective que investiga unha serie de crimes. Chámase BLACKSAD, e polo medio mestúrase o amor, a paixón desenfreada, as persecucións, a mafia, a policía, ... Atractivo, non? O curioso é que o protagonista é un gato. Pero despois de ler dúas páxinas xa nin te enteras de que todos ... TODOS os personaxes son animais. Porque o guión, a novela gráfica, é realmente unha fabulosa historia de novela negra. Anímate a botarlle unha ollada. Está, claro está, na sección de cómic. E tamén nas librerías, para os auténticos fans do medio Ah, e facendo click aquí podedes visitar a web da serie (porque en realidade son tres libros). Que o desfrutedes!
XTomás

2008/05/18

Cuentos (I y II): Edgar Allan Poe

Xa disfrutaches dos maxistrais contos de misterio e terror psicolóxico? Cal prefires?: O gato negro, O pozo e o péndulo, Os crimes da Rúa Morgue, O corazón delator,...


O autor, un auténtico xenio creador: Edgar Allan Poe ( 1809-1849), escritor romántico estadounidense, poeta, crítico e editor, cunha vida digna de ser novelada.

Moi influinte en multitude de artistas en tódolos campos: música, pintura, cine, literatura,... Un exemplo: o seu coñecido poema "O corvo", inspirador dun cómic gótico (James O'Barr, 1981) e dunha peli (Alex Proyas, 1994).

Historias de cronopios y de famas

"Aplastamiento de las gotas" (por Cortázar):



Ti que es: un cronopio ou un fama?


Publicada no 1962, o autor é o arxentino Julio Cortázar, un dos escritores máis innovadores e orixinais do seu tempo (e de toda a a historia da literatura!). Auténtico maestro do conto.

Nesta obra, de carácter surrealista recopílanse unha serie de textos variados divididos en catro apartados. Podes atopar desde un manual de instruccións sui generis ata o relato das habilidades e costumes duns especímenes moi peculiares: os cronopios e os famas.

Os cronopios: seres un tanto marxinais e poetas; os famas: moi contrarios ós anteriores, defensores da orde.

Se queres saber algo máis do escritor, personaxe moi interesante, por certo, consulta a súa páxina (e entre outras cousas poderás escoitar outros relatos na súa propia voz!)