2008/06/03

Ese Paasilina!!!


Gunar Huttunen decide comezar de novo a súa vida no norte do país, Finlandia, e merca a acea de Suukoski, á beira do Kemi. Os veciños da aldea agradecerán que o muíño volva funcionar e mesmo iranse achegando curiosos coñecer a Huttunen. A pequena aldea finesa asistirá entre risos ás imitacións que con moita arte fai o muiñeiro pero, engorde, pasarán do desconcerto á xenreira, xa que Gunar ademais de todas as súas extravagancias ten un costume ben peculiar: o muiñeiro non pode evitar ouvear cando está amorriñado. Cando os veciños non aturan máis os laios, anovela amósanos o enfrontamento do home contra o home -as forzas vivas da vila á caza do muiñeiro-, o home fronte á natureza, á soidade, á tolemia, ao amor, etc. O muiñeiro ouveador é a segunda das novelas de Arto Paasilina que chega ás mans dos lectores galegos, un escritor polifacético, que antes de frade foi cociñeiro: gardabosques, xornalista, poeta... e que amosa todas as súas facianas nas súas novelas. O gardabosques respectuoso e protector agroma nas paisaxes, na descrición da vida do campo, nos traballos coma carpinteiro que desenvolve Gunar; o xornalista deixa ver as suás maneiras na narración dunha crónica, aínda que non pode evitar poñerse de parte dalgúns dos seus personaxes -o muiñeiro, Sanelma, o carteiro, o policía- e na contra doutros -o tendeiro, o médico, o comisario, os ricos propietarios-; o poeta sobrancea nalgunha das descricións e mais nas reflexións que a lectura da novela suscita no lector.
Alén disto, Paasilina caracterízase por unha escrita clara e sinxela que dosifica con acerto acomicidade. Xoga en todo momento a sorprender o lector e ganduxa historias imposibles que,despois de lelas, fan que comprendamos por que é considerado un dos narradores máis habelinciosos das letras comtemporáneas e amais, converte os seus homes duros, lapóns afeitos a traballar arreo, en tipos universais, polo que a historia do muíño de Suukoski ben podería ambientarse ou suceder en calquera aldea galega.
Un libro exquisito exquisitamente traducido ao galego e que é de lectura imperdoable para todos aqueles que queiran gozar dunha boa novela.

2 comentarios:

Martín Aguión López (1ºBAC A) dixo...

Esta é a historia dun muiñeiro un tanto extravagante, pero de bo corazón, que se establece nun pequeno pobo finés. Os seus habitantes non ven ben as súas loucuras, non o entenden, e acaban perseguíndoo para botalo do pobo. A novela é moi interesante, porque narra unha serie de feitos máis ben tristes de xeito cómico, mesturando ademais aventura e misterio na trama, para enganchar ao lector.
Anteriormente, lin outra novela deste autor, aínda se cabe máis apaixoante, titulada O bosque dos raposos aforcados. Recoméndovos as dúas.

Andrea dixo...

Eu lin "O bosque dos raposos aforcados" e "O muiñeiro ouveador" o ano pasado.Linos en galego e gustáronme moito,a pesar de que a lectura na nosa lingua me costa máis pola falta de práctica,pero son moi entretidos e emocionantes.Ánimate a lelos e xa verás como non te artrepintes.