Amosando publicacións coa etiqueta roteiros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta roteiros. Amosar todas as publicacións

2018/05/22

ROTEIRO NA RIBEIRA SACRA CON XABIER QUIROGA

O pasado martes 15 de maio, cun tempo espléndido, tivemos a sorte de poder facer un roteiro pola Ribeira da man Xabier Quiroga para percorrer os algúns dos espazos e paisaxes que aparecen na súa novela Iza o da saca. Participamos nesta actividade convidad@s polo club de lectura do IES Camilio José Cela e a súa coordinadora, Violeta Pérez Figueroa.
No club de adultos xa leramos esta obra e contaramos coa presenza de Quiroga. Nesta ocasión sumouse a lectura o club de xuvenil e, a pesares das dificultades do texto, tivemos incluso lectoras do club de benxamíns, como Omaira Vidal, que con só 12 anos debe ser unha das lectoras máis novas desta obra.
A nosa visita comezou polo Ecomuseo do Pazo de Arxeriz, un dos escenarios da novela, que rastrea o Reina trantando de seguir a pista a aqueles nazis fuxidos. O Cabo do Mundo, a praia da Cova,onde agúns ousad@s incluso se bañaron, e unha andaina en Marce completaron o resto da xornada.

Roteiro Izan o da Saca

2015/06/20

CORAZÓN DE CHOCOLATE, UN ROTEIRO EN COMPOSTELA

Despois de estar lendo Corazón de chocolate, un misterio para Tintimán en Compostela, de Jauréguizar durante o último trimestre nas clases de reforzo, por fin o xoves 11 de xuño fumos a Compostela a percorrer os lugares nos que se move Uxío Lobo, o noso protagonista, tratando de resolver un extraño caso en torno a catedral de Santiago. Escollemos esta lectura porque parte do alumnado de refozo, a pesares de vivir en pleno camiño de Santiago, non coñecía a Catedral de Santiago nin a Compostela monumental. O libro, ademais de describirnos lugares emblemáticos de Santiago, aporta moitos datos sobre a historia de Galicia, centrándose principalmente na construción da catedral.

No noso roteiro engadimos algún lugar a maiores, para poder coeñcer mellor a zona vella compostelá. Axudados por unha pequena unidade didáctica comezamos na rúa de Xoán XXIII, onde se atoparía o instituto "Charles Lemaur" no edificio que hoxe é a Facultade de Ciencias da Educación. Subimos bordeando o San Martiño Pinario observando as súas fachadas, saímos pola rúa de Xerusalén, antiga xudería. Baixamos pola Acibechería até o Obradoiro, onde entramos no pazo de Xelmírez e repasamos quen fora este personaxe. Estudamos a fachada e a historia do Hostal dos Reis Católicos e dende alí divisamos a rúa das Hortas, onde estaría a casa chea de gatos do pai de Uxío, e que dende a morte deste Uxío debía coidar.
Vistamos o arquivo da catedral, cos permisos correspondentes e sen tentar facernos pasar polos sobriños de ninguén, como fixera Uxío na novela. Esta visita foi moi especial, vimos manuscritos do s. XV, libros moi grandes chamados tumbos, a copia facsímile do Códice Calixtino e a maior sopresa foi cando o noso guía nos abriu unha especie de mesa e descubrimos unhas escaleiras que baixaban ao arquivo musical, miúdos libros que había alí! Ao saír do arquivo catedralicio vimos con calma as Praterías e a praza da Quintana.
Despois veu a parte máis aventureira, tivemos que facer un percorrido sen profes seguindo as instruccións que viñan no noso cuestionario. Así, subindo pola rúa Xelmírez chegamos á praza de Cervantes, onde supostamente estaba o "Diario Galego", no que traballara Norberto Lobo, o pai de Uxío, ás ordes de don Anxo. Alí debíamos entrar na librería Couceiro e pedir o sobre secreto con novas instrucións. Co mapa que había no sobre poidemos chegar á praza de Mazarelos, pasando polo mercado de Abastos, e de alí continuamos até a Alameda para facer unha foto coas famosas Marías. O noso percorrido a soas remataba na praza do Toural, onde estaba a "Fábrica de chocolate" na que obteivemos a nosa "recompensa", que non podía ser outra que un corazón de chocolate.
Despois dun xeneroso descanso para xantar, collemos pola rúa do Vilar para visitar a Catedral. Primeiro vimos o interior do templo, comezando polo altar maior e as distintas capelas, entrando na Corticela e fixándonos as portas e reixas polas que Uxío podería entrar a ese soto subterráneo da catedral. Por desgraza non puidemos ver o Pórtico da Gloria, porque se está restaurando, pero vimos a Cripta do apóstolo, a porta Santa e até houbo que subiu a dárlle un abrazo a Santiago. Tamén comprobamos que na catedral hai realmente un soto, a excavación arqueolóxica na que se atoparon as catacumbas.
Xa para rematar a nosa xornada, subimos ás cubertas da catedral, tratando de descubrir o sitio por onde Uxío escalara para tentar coarse no arquivo. As vistas eran alucinantes e a nosa guía, Laura, explicounos de xeito moi ameno un montón de cousas sobre Santiago e a historia da catedral, moitas das cales xa viramos na clase. E con estas vistas de Santiago dende as alturas rematamos a nosa xornada que, aínda que para algúns foi moi cansa, serviunos para coñecer un pouco mellor Compostela e aprender moitas cousas da nosa historia que non sabiamos e decatarnos do rico que é o noso patrimonio cultural.