Amosando publicacións coa etiqueta Memoria histórica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Memoria histórica. Amosar todas as publicacións

2019/10/23

INAUGURAMOS O CLUB DE ADULTOS CON SUSANA S. ARÍNS


O pasado mércores 9 de outubro arrancamos o club de adultos cunha invitada de luxo, Susana Sánchez Aríns, para falarnos do seu libro Seique. Como en anteriores ocasións, cando temos unha escritora ou escritor convidado, acudiron tamén a nosa xuntanza algunhas (ávidas) lectoras do Club de xuvenil, como Omaira Vidal e María Fuciños.
Para definir este libro non podemos evitar repetir o que din as lapelas: "Seique non é un poemario, Seique  non é unha novela, Seique non é un ensaio, Seique non é unha investigación histórica, porén, Seique recolle algunha cousa de cada un deses xéneros...". Seique é un relato poético que nos mergulla na memoria e o esquecemento dun pasado familiar no que conviven vítimas con verdugos.
Ao modo dunha rapsoda, no seu sentido etimolóxico de "zurcidora de cantos", a autora vai cosendo triscos de conversas que escoita na casa e fóra dela, triscos de historias que non están nos arquivos porque aínda que "a história a escrevem os vencedores, mas também é certo que a inescrevem", os paseos, as execucións, os expolios, a  múltiples formas de represión... no ficaron por escrito.
Susana S. Aríns ten a valentía de tratar de reconstruír a historia dun seu tío que foi un temido represor da zona do Salnés, unha persoa ruín que era malo tamén de portas para adentro. Ao longo do libro repétese a modo de coro de traxedia grega "Se foi así de malo cos seus, como sería cos de fóra". Ten a valentía de reabrir feridas para tratar de sandarlas, de seguir adiante a pesares do medo de que o pus da ferida alcance aos que aínda están vivos e medraron "com a sensaçao de que seu pai pôde ser culpável de algum tipo de delito ou de que pôde ter un comportamento similar ao dos repressores."
As case tres horas que estivemos con Susana pasaron voando. Apenas nos chegou o tempo para falar do libro, da memoria e desmemoria histórica, das vítimas. Coñecimos primicias da segunda edición de Seique como historias engadidas do tío Manuel, un magnífico cadro xenealóxico a cargo da ilustradora Rosa Herraiz Cabanas e as fotografías familiares que compartiu connosco Susana.
Onte enterámonos de que a súa tradución ao castelán Dicen acaba de gañar o premio ao "Mejor libro del año" na categoría de ficción que concede o Gremio de Libreros de Madrid. Merecidísimo, parabéns, Susana, agardamos con ansia ese roteiro prometido e esa 2ª edición que ten que estar a puntiño de saír.

2019/06/14

DESPEDIDA DO CLUB DE ADULTOS CON MANUEL GAGO


O mércores 12 de xuño despedimos o club de persoas adultas cunha compañía de luxo, Manuel Gago, que acudiu por segunda vez a noso centro para compartir con nós impresións da súa última novela, O exército de fume.
O Exército de fume desenvólvese na Galicia da postguerra, nos anos da 2ª Guerra Mundial e dá conta da conivencia entre o réxime franquista e a alemania nazi deste período. Gago, combinando maxistralemente feitos históricos con fición, cóntanos como un grupo de homes e mulleres unen as súas forzas para frear o avance do III Reich e minar a súa presenza no territorio galego, coa esperanza de que iso podería acabar co réxime de Franco.
Esta é unha novela que homenaxea aos guerrilleiros e guerrilleiras galeg@s antifranquistas, eses heroes que non triunfaron e non pasaron aos libros de historia. Tal como aclara o autor na nota final: "...en que medida o heroe só o é cando resulta vitorioso; de caer derrotado, adoita mergullarse na negrume do esquecemento". Personaxes como Ramallo, Regos, Charo, Camilo... son trasuntos de Foucellas, o Gardarríos, Chelo ou Gómez Gayoso, que aínda non están nos libros de texto.
Por outra banda está a figura do pintor Urbano Lugrís como prototipo do creador brillante atrapado pola miseria moral do franquismo, pero que tamén conseguirá ser un heroe nesta historia.
Tamén poderíamos dicir que esta é unha novela feminista xa que fala de mulleres que queren ser visibles e decidir sobre a súa propia vida, como Celia, unha das protagonistas.

Gago explicounos a xénese desta poderosa historia e ademais fíxonos reflexionar sobre algúns aspectos da nosa propia identidade: porque na cultura galega non temos heroes ou non explotamos a nosa propia historia como sucede noutras culturas?

Este foi o broche de ouro de este curso, no que limos as seguintes lecturas:


Aqueles días en que eramos malas, Inma López silva
No te olvides de recordar, cómic de Peter Kuper
Una temporada para silbar, Ivan Doig
Tú no eres como otras madres : historia de una mujer apasionada , Angelika Schrobsdorff
Austerlitz, W.G. Sebald
La Mennulara, de S. AgnelloHornby
El gatopardo, G. T. di Lampedusa
Contrato con Dios de W. Eisner.
París-Austerlitz, de R. Chirbes
El viaje, cómic de P. Baudoin.
Contrato con Dios, cómic de W. Eisner
Long Play, Lois Pérez
O exército de fume, Manuel Gago

2018/05/22

ROTEIRO NA RIBEIRA SACRA CON XABIER QUIROGA

O pasado martes 15 de maio, cun tempo espléndido, tivemos a sorte de poder facer un roteiro pola Ribeira da man Xabier Quiroga para percorrer os algúns dos espazos e paisaxes que aparecen na súa novela Iza o da saca. Participamos nesta actividade convidad@s polo club de lectura do IES Camilio José Cela e a súa coordinadora, Violeta Pérez Figueroa.
No club de adultos xa leramos esta obra e contaramos coa presenza de Quiroga. Nesta ocasión sumouse a lectura o club de xuvenil e, a pesares das dificultades do texto, tivemos incluso lectoras do club de benxamíns, como Omaira Vidal, que con só 12 anos debe ser unha das lectoras máis novas desta obra.
A nosa visita comezou polo Ecomuseo do Pazo de Arxeriz, un dos escenarios da novela, que rastrea o Reina trantando de seguir a pista a aqueles nazis fuxidos. O Cabo do Mundo, a praia da Cova,onde agúns ousad@s incluso se bañaron, e unha andaina en Marce completaron o resto da xornada.

Roteiro Izan o da Saca

2017/03/19

IZAN O DA SACA, DE NOVO CON XABIER QUIROGA

O xoves 16 de marzo, nun horario inhabitual para @s Papalibros adult@s, tivemos a sorte de contar coa presenza de Xabier Quiroga para falarnos da súa última novela, Izan o da saca, que acaba de recibir o premio San Clemente. A reunión, como si é habitual, tivo lugar na nosa biblioteca Xaquín Yebra, recén "reinaugurada" tras as obras que a convertiron nun lugar luminoso, diáfano e moi agradable, a "sala bip" do instituto como din algúns usuari@s.
Izan o da saca é unha novela cun estraño título que podería considerarse un thriller, novela negra ou mesmo novela histórica. O Reina, un taxista da Ribeira Sacra afeccionado á investigación policíaca e auténtico papalibros, acepta a encomenda dun alto cargo político galego que quere esclarecer unha posible conexión nazi no seu pasado familiar na máis estricta discreción e confidencialidade, como a súa posición así o esixe. O Reina comezará unha investigación que o levará a descubrir unha serie de testemuñas que documentan a presencia nazi en Galicia, que formaba parte da misteriosa "Ruta das Ratas", pola que moitos nazis fuxiron a América do Sur.
Coa a habilidade que xa percibimos noutras obras, Quiroga consegue un relato trepidante mesturando distintas voces narrativas combinadas con precisión. Personaxes emotivos como Lelia, o Barrabás, o Graciano, outros non tan emotivos pero moi moi auténticos como D. Manuel Varela e outros máis poéticos como a pobre Loliña da postguerra cohabitan con personaxes reais como Xan de Forcados, Guillermo de Cloos ou Walter Kutschmann facendo que o lector se implique tamén nunha investigación persoal do pasado.
Na nosa sesión Xabier explicounos detidamente a xestación do libro e a súa minuciosa documentación e investigación, aportándonos manuscritos, fotografías e detalles que nos facían imaxinalo tal cal o Reiniña nos pasadizos de Samos. Unha xornada emocionante grazas a  accesibilidade, a calidez e o agarimo co que nos agasallou Xabier Quiroga.


2015/11/14

EL LECTOR, DE B. SCHLINK

As Papalibros xuvenís comezaron este curso con El lector, novela de B. Schlink. A novela de amor do principio, narra a relación amorosa dun adolescente cunha muller madura, vaise convertindo na segunda e terceira parte nunha revisión do pasado recente de Alemania e unha reflexión sobre a culpabilidade. Schlink, nado en 1944, pertence a esa xeración de escritoras e escritores alemáns revisionistas do pasado nazi do seu país que está en conflicto coa súa identidade cultural. O revisionismo é un motivo constante na narrativa de Schlink e especialemnte nesta obra, que parece ser parcialmente autobiográfica.
Pero esta é tamén unha novela sobre literatura e libros. Unha parte importante do ritual amoroso é a lectura que Michael Berg, o protagonista, fai a Hanna, a súa amante, cada vez que están xuntos. Hanna vai aprendendo a apreciar grandes clásicos como Homero, Goethe, Stendhal, Schiller, T. Mann, Lessing... que lle le Michael, o lector, e déixase seducir por eles. 
A relación entre Michael e Hanna, aínda que desigual, dominante e difícil por momentos, é plena e acelera no adolescente o tránsito á idade adulta. Pero quen é realmente Hanna? que sabe Michael do seu pasado? A resposta está na segunda parte, na que os antigos amantes se reencontrarán anos máis tarde, nun contexto totalmente distinto, e Michal, incipiente avogado, descubrirá o seu pasado nazi e algunha circunstancia lle fará entender a súa brusca desaparición. É aquí cando comeza a reflexión sobre a culpabilidade de Hanna, e por extensión do pobo alemán, que obedecía ordes sen cuestionarse unha autoridade que impelía a cometer atrocidades. Pero non só se cuestiona a culpabilidade dos colaboradores directos como Hanna, senón tamén dos espectadores paralizados polo medo, como o propio Michael, espectador mudo nun xuízo no que podería intervir, aportando datos que exculpasen a Hanna.
Aparécesenos entón esta relación amorosa entre unha dominante muller seductora e un inmaduro adolescente como uha metáfora do pasado de Alemania, onde un engaiolante III Reich seduciu a todo un pobo que non tivo a madurez necesaria para ver esa outra cara oculta da lúa, ao igual que Michael con Hanna ata moito máis tarde. A secuela da relación non deixa lugar a dúbidas, non pode volver querer a esa muller, en certo modo ata renega dela, pero tampouco será capaz de volver a amar con esa paixón da adolescencia, en certo modo se consume, queda incapacitado para o amor pleno.

2014/10/27

HOMENAXE A XAQUÍN YEBRA

Se no medio do verán interrumpíamos as nosas vacacións para dar a triste nova do pasamento de Xaquín Yebra, agora, cos nosos sentimentos máis repousados, quixemos dalgún xeito "corresponder" a este profesor e amigo por todo o que nos aportou como alumnas e alumnos, compañeiros, profesores, lectores..., e sobre todo, como persoas.

O noso obxectivo, cando ideamos este acto, no era só honrar a memoria de Xaquín, profesor inesquecible para unha gran parte da comunidade escolar do IES de Melide. Queríamos tamén recordar que Xaquín foi un loitador incansable de causas xustas, recuperador da memoria histórica, defensor dos dereitos dos presos, asistente e apoio e de calquera persoa desprotexida ante a lei... e, en resumo, UNHA BOA PERSOA.

Xaquín era extremadamente culto, lector infatigable a quen os libros non distanciaron do mundo e da xente, senón que o fixeron mellor persoa. Compartía o seu saber, observábanos a todos e cada un de nós e era quen de adiviñar a lectura, o libro, o poema que nos ía encantar, que ía cambiar a nosa vida. Ensinaba Historia de forma diferente, a través de lecturas, centrándose nas cuestións realmente importantes. Nunca escondeu o seu compromiso social, foi unha persoa coherente.
Con todos estes elementos era difícil que a Homenaxe que se lle dedicou o pasado 25 de Outubro non fose fortemente emotiva.

O acto foi conducido maxistralmente por Zeltia Laya, exalumna do IES de Melide, e nel participamos un gran número de persoas que tiñamos en común o noso afecto por Xaquín. Despois da benvida a cargo do director do centro, Jaime Couto, Edi Carregal, exprofesora do IES de Melide, abriu o acto cun poema seu dedicado a Xaquín. Seguiu un recital poético a cargo do alumnado de 2º BAC, case todos eles ex-alumnos de Xaquín, que leron unha selección de textos cos que Xaquín nos fora agasallandoa todos ao longo destes anos. Diego Q. Sesar leu tamén un poema de seu dedicado ao profesor. Genaro, antigo conserxe, dirixiu a prantación dun carballo mentres Mini e Mero interpretaban as súas melodías.

Xa na biblioteca, agora "Biblioteca Xaquín Yebra", un pequeno grupo de alumnas e alumnos de música, dirixido por David Canoura, interpretou melodías de Bartok e música xitana, mentres se recitaban os últimos poemas, textos de Bertold Brecht, Juan Ramón Jiménez, Miguel Hernández, Blake, Jean Rhys.... Abriuse unha quenda de diferentes intervencións, inaugurada por Lucía e Elisa, muller e filla de Xaquín, que fixeron o esforzo de compartir con nós este día, a pesares de que a súa dor aínda estaba latente. Interviron familiares, amigos como Fernanda Cedrón, Quico Martínez e Carlos Cimadevila, do colectivo defensor da memoria histórica, antigos presos e os seus familiares, alumnas, exalumnos, profesores, exprofesores... todos a quen a benquerenza a Xaquín foi quen de xuntarnos.

Aínda que o mellor agasallo para a comunidade escolar do IES de Melide foi a presenza de Xaquín e o que nos aportou durante todos estes anos, a biblioteca recibiu, ademais, dous fermosos agasallos: un retrato de Xaquín e unha fermosa porta de arte africana.

O acto foi sinxelo, sentido e moi fermoso. Foi unha xornada que serviu para esconxurar a nosa tritura grazas, en gran parte, ao bo facer do alumnado do IES de Melide, os máis sinceiros parabéns.

2013/06/22

DESPEDINDO O CURSO CO LAPIS DO CARPINTEIRO E CRUZ CONCHEIRO

Moitos eran os libros dos que tiñamos pendente falar na nosa última sesión dos Papalibros adultos: Afirma Pereira, O club de Calceta, Cinco horas con Mario... pero todo o noso tempo foi para o Lapis do carpinteiro. Á parte de que a novela o mereza, a presenza da nosa compañeira Cruz Concheiro fixo que as case dúas horas da nosa sesión nos resultasen curtas. Cruz, sobriña neta de Chonchiña Concheiro, en quen se inspira o personaxe de Marisa Mallo, deunos conta desa historia real de amor, guerra e represión que inspirou a Manuel Rivas a súa novela. Grazas a ela coñecimos vidas fascinantes que ás veces poden superar a ficción e  a delicada e case máxica relación que existe entre a realidade e a creación literaria.
O tempo, en efecto, voou e quedáronnos por comentar outros aspectos, xa máis literarios, da obra. Tamén nos quedaron moitas ganas de coñecer a pequena biografía de Chonchiña que se publicou en México. Malia a falta de tempo, foi un remate estupendo para despedir este curso.
Ao final, as Papalibros cargáronse de libros a toda présa para devorar no verán. Facendo unha valoración algo apurada, podemos afirmar que o club de lectura foi un espazo no que nos atopamos moi cómodas dende o principio e no que cada vez afondamos e abormados máis temas, que teñen a lectura como punto de partida a lectura. Contamos con continuar a nosa actividade no outono, no comezo do curso e non vai haber sesión que nos chegue para falar de todo o que nos apeteza. Feliz verán e felices lecturas, Papalibros!

2013/03/13

XUDEUS SUPERVIVENTES AO HOLOCAUSTO

Nesta segunda semana de marzo tiveron lugar na biblioteca do IES de Melide as charlas tituladas “Xudeus superviventes ao holocausto”, impartidas por Ashley Lauber, a nosa lectora de inglés, de nacionalidade estadounidense, descedente de xudeus polacos que emigraron aos EEUU despois da segunda guerra mundial. A casualiade levounos a descubrir que os seus catro avós eran superviventes de Auschwitzc-Birkenau, un dos máis tristemente famosos campos de exterminio nazis. Ashley tivo a xenerosidade de compartir con nós unha parte importante do pasado da súa familia e do seu propio pasado, de amosarnos as feridas aínda abertas nas persoas próximas ao seu entorno. Esta actividade xurdiu a raíz dunha das nosas lecturas de Papalibros, Maus, xa convertida nun clásico da novela gráfica. Ashley compartiu con nós esa lectura. Entre todos fumos descubrindo como a traxectoria do protagonista, Vladeck Spiegelman, pai do autor, foi moi parecida á dos avós de Ashley: familias xudías polacas de clase media que foron obrigadas a vivir en guetos e máis tarde levadas aos campos da morte. Ao final da guerra, coa liberación dos campos, os poucos que lograron sobrevivir non conseguiron vivir de novo naqueles países nos que antes tiveron os seus fogares e que en certa medida permitiron ou se beneficiaron das expropiacións dos xudeus e do propio holocausto. A lectura de Maus encaixa perfectamente no tema monográfico de traballo da biblioteca para este curso: "A viaxe e a migración, entre o descubrimento e a necesidade". As viaxes dos xudeus aos campos da morte foron auténticas viaxes aos infernos, a catábase da antiga Grecia, un contacto directo co máis absoluto dos horrores, do sufrimento e da morte que transformou profundamente, cando non destruíu, a vida de millóns de persoas. Os superviventes logo tiveron que emprender unha segunda viaxe, enteiramente necesaria, para atopar o fogar e o medio de vida que lles fora negado. Ashley non puido reunir tantos datos precisos e concretos como o Art Spiegelman, o autor de Maus, pero o seu relato tivo a forza do directo e da narración en primeira persoa. Tal como confesou, se non fose polas preguntas dos Papalibros non tería falado de todo isto coa súa nai e seguiría sen coñecer unha parte da súa propia historia. Pero coñecedora deste pasado e sen perder a memoria, Ashley decidiu dar un paso adiante e non vivir como vítima. Con este pequeno artigo queremos animar aos Papalibros a recuperar a memoria da súa familia e agradecer de novo a Ashley o tela compartido con nós.

2012/10/29

MAUS DE NOVO


No grupo dos luns, 2º ciclo de ESO e BAC, comezamos a ler Maus, a coñecida novela gráfica de Art Spiegelman. Tal como relatamos aquí noutros posts, esta obra, subtitulada Historia dun supervivente, está baseada nunha historia real: a vida de Vladeck Spiegelman, pai do autor, quen sobreviveu o campo de exterminio de Auschwitz. Pero o pasado de Vladeck non é a única historia do libro. O autor cóntanos coa palabra e o debuxo o proceso de creación da obra, a difícil relación co seu pai e  a convivencia coas pantamas familiares, o irmán maior morto no holocausto a nai.
Encadramos esta lectura dentro do tema monográfico no que traballaremos este ano dende a biblioteca: A Viaxe e a Migración, entre o descubrimento e a necesidade. O desprazamento forzoso de miles persoas nas guerras e en concreto, de millóns de xudeus aos campos de exterminio pode considerarse unha auténtica viaxe aos infernos, a catábase da que falaban os clásicos. Poucos eran os mortais que podían facer esta viaxe de volta e viñan transformados polo coñecemento do alén e dos sufrimentos que alí toparan.
Ademais da trama interesante desta novela, na lectura transcende a necesidade do autor de escoitar a Historia (con maiúscula) contada polo pai, de recoller a súa testemuña e transmitila. Podemos entender realmente quen somos si descoñecemos o noso pasadao?
Se, queres, aínda estás a tempo de apuntarte a ler con nós Maus, búscanos pola biblioteca.