Amosando publicacións coa etiqueta música. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta música. Amosar todas as publicacións

2019/05/19

COMPARTINDO VERSOS CON LOIS PÉREZ

Grazas a unha iniciativa do ENL, asiduo colaborador baixo a coordinación de Marga Quintela, na nosa sesión do club de adultos do mes de maio gozamos da compaña de Lois Pérez, poeta, cronista, roqueiro, músico, locutor radiofónico... e profesor, que veu paliar un pouco a gran carencia de poesía que padecemos no Club de Adultos.
Se xa a lectura da súa obra Long Play puido deixarnos un tanto desconcertadas porque é un libro que rompe moldes, con banda deseñada, versións de cancións, prosa desternillante... a presencia de Lois acabou de rompernos os esquemas por completo, xa no principio, cando sacou a súa guitarra feita cunha lata de diesel reciclada. É que resultou que o noso convidado tamén é luthier!
Nun escenario moi amañadiño, coa axuda do gran David Canoura, a modo de pub, Lois recitou os seus poemas, cantou, berrou e fíxenos cantar e rir bastante a todas e todos coas súas per-versións de cancións.
E no medio desta sesión tan entretida descubrimos un poeta que combina maxistralmente esa viaxe persoal ao lado escuro, irracional...  co xogo continuo, como o que fai coas iniciais L.P. do título, do seu nome e dunha serie de pintureiros personaxes inventados. Un poeta que é quen de encendernos de paixón en Amar en caso de incendio, arder en caso de amor, de denunciar os desastres da guerra no fermosísimo Berce e área ou de explicarnos a diglosia (Lady Glosia!!) cantando Satisfation. Longa vida a Long Play e longa vida á poesía.

2017/05/11

DESCONHECIDO, CON XIAO BERLAI

O mércores de 10 maio tivemos o pracer de compartir unha sesión de Papalibros con Xiao Berlai e Ernesto G. Torterolo, que nos presentaron Desconhecido, un proxecto no que se unen poesía, música, ilustración e cómic para contar a historia, nas súas propias palabras, dun home descoñecido que eleixiu a soidade ao ser privado do amor da súa vida.
Traballamos con esta obra no club de xuvenil e no de adultos, polo que a nosa reunión foi interxeneracional, como algunha vez anterior. Asistimos máis de 20 persoas, entre as que, ademais dos Papalibros había outras persoas da Terra de Melide, todas fans de Berlai, que puidemos escoitar varias cancións do disco e desfrutar en directo dos debuxos de Ernesto G. Torterolo, que tivo a paciencia de personalizar as ilustracións das dedicatorias.
O máis interesante foi escoitar dos autores o proceso de creación da obra, inspirada nunha historia familiar de Xiao, como primeiro xorde unha canción á que se van unindo outros poemas. A isto se engaden as imaxes como unha necesidade ou desculpa para centrarse na música, para que a historia ocupe toda a nosa atención. Vaise configurando un relato cheo de lirismo que nos entra por todos os sentidos e consegue mergullarnos no mundo dese descoñecido, dese home que escolle a vivir apartado porque non o deixaron elexir a súa vida. Desconhecido, de Berlai

2013/03/22

OS PAPALIBROS RAPEAN

Para celebrar o fin de avaliación e descansar un pouco dos exames, na última reunión dos Papalibros antes das vacacións de semana santa tivemos un invitado moi especial, Serxio García, cantante do grupo de hip hop Dios Ke Te Crew. García falounos un pouco da historia do hip hop e das súas raíces na cultura popular. Despois deunos uns cantos consellos e ideas e puxémonos a rapear. Velaí un pequeno resumo desta xornada.