Amosando publicacións coa etiqueta Holocausto. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Holocausto. Amosar todas as publicacións

2013/12/16

SESIÓN INTERXENERACIONAL

Este é o aspecto da nosa última sesión deste ano 2013: nais, pais, alumnas, profes e unha antiga alumna do centro que está a facer o seu máster no IES de Melide, para poder ser tamén profesora (se a crise non o impide...) Como soe acontecer os primeiros mércores de mes, o club de adultos reuniuse na biblioteca á hora da merenda do mércores 4 de decembro. Os libros dos que nos ocupamos nesta sesión eran, Patrimonio, una historia verdadera, de Ph. Roth e a novela gráfica Maus, de Art Spiegelman. Esta última ven sendo xa un clásico no noso club de lectura, como podedes ver noutras entradas deste blog.
En todas as ocasións, contamos co apoio da Rede de Bibliotecas públicas galegas, que nos facilitaron unha chea de exemplares para que todas e todos puidésemos ler o libro a un tempo. Así ao tempo que se lía Maus no club de adultos, as nosas fieis lectoras de 2º ciclo de ESO facían outro tanto. Que mellor, entón, que facer unha sesión mixta?.
Acompañad@s de café e pastas, cos Papalibros non pode ser doutro xeito, demos conta unha vez máis deste clásico do cómic, premio Pulitzer en 1992, pioneiro dunha nova vía na novela gráfica contemporánea con base histórica e autobiográfica, fronte a vía de superheroes, tipo Watchmen, ou costumbrista de w. Eisner. Está claro que o holocausto é un tema ben documentado e inesgotable, que nos deu pé a falar doutros libros e películas. Maus non só nos conta a Historia, senón tamén esta outra historia con minúscula, a historia dos homes e mulleres que refiren os seus sufrimentos en primeira persoa. Sufrimentos que van máis alá das víctimas e son herdados por unha segunda xeración que non se cre con dereito a levar unha vida tan fácil, como é o caso do autor, Art Spiegelman, que decide contar a historia do seu pai non só para preservar á súa memoria, senón como purga dun pasado poboado de mortos. Temos, entón dúas liñas temporais: a historia de supervivencia de Vladeck (a Historia) e convivencia de Archy (Art Spiegleman)co seu pai e o seu pasado familiar.
As nosas Papalibros vanse facendo unhas expertas en cómic e empezan a apreciar detalles como fondos, texturas, tipos de viñetas, ou o espléndido uso de animais antropomórficos que representan unha etnia ou país. Certo que a nosa hora e media pasou voando e teremos que deixar o estupen libro de Roth, Patrimonio, una historia verdadera, para o novo ano.
E aproveitamos a ocasión para desexarvos un feliz nadal cheo de boas lecturas, e un aninovo aínda mellor. Non esquezades provervos de fondos na nosa biblioteca, imprescindibles para pasar o inverno.

2013/03/13

XUDEUS SUPERVIVENTES AO HOLOCAUSTO

Nesta segunda semana de marzo tiveron lugar na biblioteca do IES de Melide as charlas tituladas “Xudeus superviventes ao holocausto”, impartidas por Ashley Lauber, a nosa lectora de inglés, de nacionalidade estadounidense, descedente de xudeus polacos que emigraron aos EEUU despois da segunda guerra mundial. A casualiade levounos a descubrir que os seus catro avós eran superviventes de Auschwitzc-Birkenau, un dos máis tristemente famosos campos de exterminio nazis. Ashley tivo a xenerosidade de compartir con nós unha parte importante do pasado da súa familia e do seu propio pasado, de amosarnos as feridas aínda abertas nas persoas próximas ao seu entorno. Esta actividade xurdiu a raíz dunha das nosas lecturas de Papalibros, Maus, xa convertida nun clásico da novela gráfica. Ashley compartiu con nós esa lectura. Entre todos fumos descubrindo como a traxectoria do protagonista, Vladeck Spiegelman, pai do autor, foi moi parecida á dos avós de Ashley: familias xudías polacas de clase media que foron obrigadas a vivir en guetos e máis tarde levadas aos campos da morte. Ao final da guerra, coa liberación dos campos, os poucos que lograron sobrevivir non conseguiron vivir de novo naqueles países nos que antes tiveron os seus fogares e que en certa medida permitiron ou se beneficiaron das expropiacións dos xudeus e do propio holocausto. A lectura de Maus encaixa perfectamente no tema monográfico de traballo da biblioteca para este curso: "A viaxe e a migración, entre o descubrimento e a necesidade". As viaxes dos xudeus aos campos da morte foron auténticas viaxes aos infernos, a catábase da antiga Grecia, un contacto directo co máis absoluto dos horrores, do sufrimento e da morte que transformou profundamente, cando non destruíu, a vida de millóns de persoas. Os superviventes logo tiveron que emprender unha segunda viaxe, enteiramente necesaria, para atopar o fogar e o medio de vida que lles fora negado. Ashley non puido reunir tantos datos precisos e concretos como o Art Spiegelman, o autor de Maus, pero o seu relato tivo a forza do directo e da narración en primeira persoa. Tal como confesou, se non fose polas preguntas dos Papalibros non tería falado de todo isto coa súa nai e seguiría sen coñecer unha parte da súa propia historia. Pero coñecedora deste pasado e sen perder a memoria, Ashley decidiu dar un paso adiante e non vivir como vítima. Con este pequeno artigo queremos animar aos Papalibros a recuperar a memoria da súa familia e agradecer de novo a Ashley o tela compartido con nós.

2012/10/29

MAUS DE NOVO


No grupo dos luns, 2º ciclo de ESO e BAC, comezamos a ler Maus, a coñecida novela gráfica de Art Spiegelman. Tal como relatamos aquí noutros posts, esta obra, subtitulada Historia dun supervivente, está baseada nunha historia real: a vida de Vladeck Spiegelman, pai do autor, quen sobreviveu o campo de exterminio de Auschwitz. Pero o pasado de Vladeck non é a única historia do libro. O autor cóntanos coa palabra e o debuxo o proceso de creación da obra, a difícil relación co seu pai e  a convivencia coas pantamas familiares, o irmán maior morto no holocausto a nai.
Encadramos esta lectura dentro do tema monográfico no que traballaremos este ano dende a biblioteca: A Viaxe e a Migración, entre o descubrimento e a necesidade. O desprazamento forzoso de miles persoas nas guerras e en concreto, de millóns de xudeus aos campos de exterminio pode considerarse unha auténtica viaxe aos infernos, a catábase da que falaban os clásicos. Poucos eran os mortais que podían facer esta viaxe de volta e viñan transformados polo coñecemento do alén e dos sufrimentos que alí toparan.
Ademais da trama interesante desta novela, na lectura transcende a necesidade do autor de escoitar a Historia (con maiúscula) contada polo pai, de recoller a súa testemuña e transmitila. Podemos entender realmente quen somos si descoñecemos o noso pasadao?
Se, queres, aínda estás a tempo de apuntarte a ler con nós Maus, búscanos pola biblioteca.

2008/05/22

Maus

Maus é a historia dun sobrevivente de Auschwitz, Vladek Spiegelman, narrada polo seu fillo Art (Art Spiegelman é o nome do autor do libro). Os xudeus aparecen representados coma ratos, e os nazis, loxicamente, coma gatos. O autor sueco trascende a historia do holocausto para centrarse principalmente na psicoloxía do sobrevivente, coa intención de resolver a maraña da súa relación paterno.filial, da sombra dunha nai suicida, e do fantasma dun irmán santificado ao que nunca coñeceu. Esta obra, que aborda unha traxedia co desparpaxo da liña europea clara, sinxela e sen engadidos innecesarios, foi a única en banda deseñada que recibiu un premio Pulitzer (en 1992), unha beca da Fundación Guggenheim, e deu lugar a unha exposición no Museo de Arte Moderno de Nova York. Para interese dos comiqueiros da terra, Francesc Capdevila, Max, primeiro Premio Nacional de Cómic, mercou os dereitos para a edición en catalán, galego e éuscaro. Iso quere dicir que o cómic chegará ás librerías na nosa lingua da man de Inrevés Ediciones.