Amosando publicacións coa etiqueta In memoriam. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta In memoriam. Amosar todas as publicacións

2021/12/14

ADEUS A LOLA FONDEVILA

 


Hoxe dixemos adeus a Lola Fondevilla e é a primeira vez que despedimos a unha Papalibros.

Lola formaba parte do club de lectura de adultos dende hai varios anos. Lola fora mestra, incluso dalgunha Papalibros adulta, os libros eran parte da súa vida. Lola irradiaba paixón pola lectura, pero tamén irradiaba paz e paixón pola vida, que é do que falan os libros.

Mentres tivo saúde non faltou a ningunha xuntanza, está en todas as nosas fotos, non quería perder ningunha oportunidade de compartir todo aquilo que os libros lle transmitían, tanto con nós como coas escritoras e escritores convidados. Era a máis veterana do grupo, pero apuntábase a un bombardeo, mesmo non faltou ao encontro con Xabier Quiroga na Ribeira Sacra, con andaina incluída.

Para todos nós foi unha sorte atopar a Lola, poder disfrutar do seu agarimo, das súas palabras e da dozura da súa mirada. Era imposible non querela. Dalgún xeito Lola seguirá presente en nós nos libros que leamos. A ela lle dedicaremos a nosa próxima xuntanza en xaneiro, cando comentemos Martes con mi viejo profesor, de Mitch Albom, un libro que nos ensina a aceptar a morte.

Ata sempre, Lola, que a terra te sexa leve.

2015/12/02

OS PAPALIBROS HOMENAXEAN A XOSÉ NEIRA VILAS

Na xuntanza de hoxe os Papalibros "Benxamíns", de 1º e 2º de ESO, rendiron unha pequena homenaxe a Xosé Neira Vilas na biblioteca, lendo un capítulo de Memorias dun Neno Labrego.
Como xa fixeran varias lecturas deste libro nas aulas de lingua, escollimos "O Rebusque", onde nos enteramos que era ese costume de ir ao campo da festa ao día seguinte para ver que se podía atopar. Por fin a Balbino venlle a sorte que nunca lle acode e atopa unha caixiña feituca  e misteriosa, que que ten un peche que non pode abrir. Balbino é feliz co seu tesouro, devece por saber o que ten dentro pero non quere amolar o peche e escóndeo para que ninguén llo poda quitar. Ao final vai ser a propia natureza, que non entende de segredos, quen lle arrebate a preciosa caixiña á que cehgou a querer máis que a todos os da casa.

2015/11/28

ADEUS A XOSÉ NEIRA VILAS

Este venres 27 de novembro, xa avanzada a mañá, o alumnado de literatura galega de 2º BAC preparaba apresuradamente para proxectar nos corredores unha imaxe de Xosé Neira Vilas cun breve pé que aclaraba que o autor de Vila de Cruces nos deixara. Poderíamos escribir aquí un artigo extenso gabando as calidades do autor e da persoa que foi Neira Vilas, pero hai abondosa información na rede e nos medios. Aquí e agora gustaríanos, gustaríame, facer unha breve reflexión, xa a título persoal, do que supuxo Memorias dun neno labrego para aqueles que nacimos nos anos 60 do pasado século e nos botamos a ler nos 70.
Non me lembro con exactitude cal foi o primeiro libro, libro-libro, refírome, que lin en castelán, pero si me lembro que o primeiro libro que lin en galego era Memorias dun neno labrego, lectura obrigatoria, se mal non recordo, naquel 1º de BUP no que eu tería uns catorce anos. A lectura non fora fácil porque o vocabulario era complicado e non tiñamos dicionarios axeitados. A miña foi a primeira promoción que estudara lingua galega no instituto. Daquela o material didáctico estaba por facer, había un único libro de texto e non gardo na memoria literatura xuvenil en galego a non ser unha tradución do Principiño, que por fortuna tiña na casa, e que por moito debuxiño que tivese non acababa de convencerme... (quen dixo que esta era unha lectura para nenos?).
Cando conseguín ir superando as dificultades do léxico e avanzando a novela, descubrinme igual de prendida que con outros libros que lera, xa non era capaz de parar até saber se habería xustiza para Balbino, odiaba a Manolito, sentíame resarcida cando lle guindara a pedra e choraba de carraxe cando seu pai o castigara brutalmente.
Parafraseando a Carlos Negro, eu nunca fóra nena de aldea, máis a aldea entrou en min non só a través da casa dos avós paternos, na aldea de Cabeza de Vaca, en Ourense, senón tamén a través dos libros da Triloxía do neno de Neira Vilas. Con el descubrín a historia da xente humilde do meu país, que ás veces non é a que se conta nos libros de texto, unha historia de asoballamentos, inxustizas e desigualdades, pero cun ingrediente novo, a dignidade que Neira Vilas lle devolvía a aldea.
Voltei a mirar para o río e a comparalo cao vida. Coa vida de todos. A da xente que facía a labra, a dos que estaban lonxe, ou navegando, ou aínda non nasceran. ¡Que procesión inmensa é o mundo! Que feira, onde a todas horas chegan uns e outros vanse.
Memorias dun neno labrego
Grazas polas túas lecturas, Xosé, por facernos máis agradable este río da vida.

2014/10/27

HOMENAXE A XAQUÍN YEBRA

Se no medio do verán interrumpíamos as nosas vacacións para dar a triste nova do pasamento de Xaquín Yebra, agora, cos nosos sentimentos máis repousados, quixemos dalgún xeito "corresponder" a este profesor e amigo por todo o que nos aportou como alumnas e alumnos, compañeiros, profesores, lectores..., e sobre todo, como persoas.

O noso obxectivo, cando ideamos este acto, no era só honrar a memoria de Xaquín, profesor inesquecible para unha gran parte da comunidade escolar do IES de Melide. Queríamos tamén recordar que Xaquín foi un loitador incansable de causas xustas, recuperador da memoria histórica, defensor dos dereitos dos presos, asistente e apoio e de calquera persoa desprotexida ante a lei... e, en resumo, UNHA BOA PERSOA.

Xaquín era extremadamente culto, lector infatigable a quen os libros non distanciaron do mundo e da xente, senón que o fixeron mellor persoa. Compartía o seu saber, observábanos a todos e cada un de nós e era quen de adiviñar a lectura, o libro, o poema que nos ía encantar, que ía cambiar a nosa vida. Ensinaba Historia de forma diferente, a través de lecturas, centrándose nas cuestións realmente importantes. Nunca escondeu o seu compromiso social, foi unha persoa coherente.
Con todos estes elementos era difícil que a Homenaxe que se lle dedicou o pasado 25 de Outubro non fose fortemente emotiva.

O acto foi conducido maxistralmente por Zeltia Laya, exalumna do IES de Melide, e nel participamos un gran número de persoas que tiñamos en común o noso afecto por Xaquín. Despois da benvida a cargo do director do centro, Jaime Couto, Edi Carregal, exprofesora do IES de Melide, abriu o acto cun poema seu dedicado a Xaquín. Seguiu un recital poético a cargo do alumnado de 2º BAC, case todos eles ex-alumnos de Xaquín, que leron unha selección de textos cos que Xaquín nos fora agasallandoa todos ao longo destes anos. Diego Q. Sesar leu tamén un poema de seu dedicado ao profesor. Genaro, antigo conserxe, dirixiu a prantación dun carballo mentres Mini e Mero interpretaban as súas melodías.

Xa na biblioteca, agora "Biblioteca Xaquín Yebra", un pequeno grupo de alumnas e alumnos de música, dirixido por David Canoura, interpretou melodías de Bartok e música xitana, mentres se recitaban os últimos poemas, textos de Bertold Brecht, Juan Ramón Jiménez, Miguel Hernández, Blake, Jean Rhys.... Abriuse unha quenda de diferentes intervencións, inaugurada por Lucía e Elisa, muller e filla de Xaquín, que fixeron o esforzo de compartir con nós este día, a pesares de que a súa dor aínda estaba latente. Interviron familiares, amigos como Fernanda Cedrón, Quico Martínez e Carlos Cimadevila, do colectivo defensor da memoria histórica, antigos presos e os seus familiares, alumnas, exalumnos, profesores, exprofesores... todos a quen a benquerenza a Xaquín foi quen de xuntarnos.

Aínda que o mellor agasallo para a comunidade escolar do IES de Melide foi a presenza de Xaquín e o que nos aportou durante todos estes anos, a biblioteca recibiu, ademais, dous fermosos agasallos: un retrato de Xaquín e unha fermosa porta de arte africana.

O acto foi sinxelo, sentido e moi fermoso. Foi unha xornada que serviu para esconxurar a nosa tritura grazas, en gran parte, ao bo facer do alumnado do IES de Melide, os máis sinceiros parabéns.