2022/06/25
DESPEDIDA DO CLUB DE LECTURA PAPALIBROS
2022/06/17
VISITAMOS A LIBRARÍA COUCEIRO EN COMPOSTELA
Onte, xoves 16, aproveitamos unha viaxe a Compostela para visitar a libraría Couceiro, un establecemento emblemático de Santiago onde descubrimos, que ademais dunha boa colección de libros en galego, hai unha sala para presentacións de libros e un taller de encadernación de libros antigos.
Cando chegamos a praza de Cervantes, aproveitamos a exposición que tiñan de libros de ocasión, para aprovisionarnos de libros a bo prezo, polo xeral edicións antigas. Ao entrar na libraría, Pablo, libreiro habitual, convidounos a subir ao último andar, onde María explicounos o laborioso proceso de encadernación de libros antigos. Un fermoso traballo cento por cento artesanal.
Fixemos tamén unha fotografía coa magnífica colección de libros antigos, algúns deles restaurados por María.
Ao baixar, Pablo contounos anécdotas da praza de Cervantes, como nela tiveron lugar execucións da Inquisición, que edificios había antigamente ou como era o lugar onde se facían os pregóns e de aí o nome de Preguntoiro dunha das rúas que baixa. Un visita que, sen dúbida repetiremos.
2022/06/08
DESPEDIMOS O CLUB DE LECTURA PINTANDO
Hoxe tivemos a despedida de Club de Lectura de Benxamíns e Xuvenís e Club de Ciencias cun xantar compartido a mediodía, como sempre, e cunha invitada moi especial, Nanda Cabaleiro, que foi profesora de debuxo no ciclo de madeira do IES de Melide.
Nanda é unha apaixoada do debuxo e comezou o obradoiro contándonos como comezou a debuxar e todas as cousas boas que o debuxo aporta á súa vida. Forma parte do colectivo Compostela Ilustrada, debuxou xardíns de Compostela xunto con outras tres ilustradoras, creando o libro Natureza no km 0. Ilustrou tamén o libro 7 herbas máxicas, de Rosalía Bermúdez.
Falounos tamén das prantas do seu último libro e das súas propiedades e pasamos xa a acción. Cunhas instrucións básicas, puxémonos a debuxar primeiro a lapis, logo a rotulador e finalmente a acuarela. Nestas dúas horas debuxamos varias plantiñas como romeu ou o ourego.
Finalmente fixémonos fotografías cos nosos debuxos e despedimos o Club de lectura ata o curso que vén.
2022/05/13
EN TERRA RARA, CON XOSÉ DE CEA
O pasado mércores, 4 de maio, tivemos a sorte de ter con nós a Xosé de Cea para comentar a súa última publicación, En terra rara, lectura dos Clubs de benxamíns e xuvenil nestes últimos meses.
O seu argumento resultounos xa atractivo de entrada: Xo, unha moza gandeira de 17 anos, declárase en folga de fame para defender a casa e as terras da súa familia dun proxecto co que unha compaٌñía canadense pretende extraer terras raras, un grupo de minerais moi cotizados polo seu amplo uso en novas tecnoloxías e na mal chamada transicción verde. A través dos vídeos que colga en Instagram coñeceremos o seu mundo, vemos a súa evolución, e vemos a súa loita contra un Goliat que non só é a compañía mineira, senón os medios, os políticos e ata os seus propios veciños.
Xosé comentounos a xénese do libro, como se lle ocorrera a idea a partir dunha proposta para un guión cinematográfico. Explicounos a imaxe da portada, un debuxo de P. Panduriño a partir dunha fotografía de Asunción das Encrobas, muller que xunto coas súas veciñas se enfrontou á garda civil cando Fenosa quixo construír nas súas terras un encoro en 1977. Descubriunos, tamén, todos os significados que encerra o título: as terras raras que son o reclamo da compañía mineira, a terra rara que pode ser a adolescencia que vive Xo ou o "enterrar á rara" que fai unha comunidade cando alguén se atreve a alzar a voz e a defender algo diferente do diñeiro fácil.
A nós do libro gustounos moito o empoderamento das mulleres, elas son as que moven o mundo: Xo loitando contra un xigante, a súa nai turrando dunha casa e dunha explotación gandeira, Camiño, unha bióloga apaixoada que se adentra no profundo dos bosques para descubrir especies autóctonas a piques de extinguirse ou Antía, a médica que trata a Xo cunha empatía que lle devolve a seguridade.
Ademais, podemos ver En terra rara como unha novela de aprendizaxe. Xo, a punto de cumprir os dezaoito anos, consegue coa súa decisión gañar a maioría de idade, non só física, senón tamén moral. A súa protesta é unha proba iniciática, coma as que en outras sociedades se lles esixía aos varóns para ser admitidos no mundo dos adultos. Xo, ademais de conseguir esa maioría de idade plena, é unha heroína que logra unha fazaña porque consegue un obxectivo, pero que tamén se coñecerá mellor a si mesma e comprederá mellor o mundo no que vive.
Pero por riba de todo, o que nos transmitiu Xosé de Cea é a necesidade de defender a nosa terra da barbarie que pretende destruír o noso enterno por unha présa de cartos, que son pan para hoxe e fame para mañá. A necesidade, tamén, de defender e preservar o noso para non esquecer quen somos.
2021/05/11
VOLVEMOS VERNOS!!
Despois dun curso terrible sen poder xuntarnos fisicamente, sempre separados por grupos, por fin retomamos as nosas reunións presenciais, a provietando o bo tempo.
Así como co club de adultos fomos quen de manter o noso calendario con reunións telemáticas, cos clubs de lectura xuvenil e benxamín as reunións virtuais non funcionaron.Agora en maio estamos a facer lecturas compartidas. En 1º de ESO estamos a ler Morning Star de X. Miranda e en 2º de ESO e con 3º e 4º leremos fragmentos de Nada de Carmen Laforet.
Contamos con moitísimo alumnado en 1º de ESO, máis de 30 lectores que fan que teñamos que desdobrar as nosas reunións en dosu grupos. Agardamos que o curso que vén continúen todas e todos estes lectores coa todas as ganas que xa demostraron neste curso, a pesares das dificultades.
2021/03/29
OS PAPALIBROS RECITAN POESÍA
Un dos nosos Papalibros de 2º de ESO, Jesús J. Vicente Peris, fixo un fermoso poemiña sobre a lectura, case a modo de haiku, e compartiuno con todos nós na biblioteca.
O broche de ouro da semana foi o recitado de Os Pinos, o famoso poema de Eduardo Pondal que serviu de letra ao noso himno galego, ao tempo que Lola Corzo o interpretaba en lingua de signos, mentres sonaba a versión interpretada por Lucía Pérez. Pura poesía.
2020/10/26
AS PAPALIBROS ADULTAS TAMÉN VOLTAMOS!
O mércores 21 de outubro tamén foi o día no que o club de adultos reanudou a súa actividade. Debido as condicións sanitarias tamén tivemos que facer dúas quendas no club de adultos, porque somos un grupo numeroso que supera as 20 persoas. A seguinte quenda de xuntanza, que tería lugar o luns 26 de outubro na non puido levarse a cabo por orde da inspección educativa, tal como explicamos máis abaixo.
Aproveitamos o verán para ler a Blanco Amor, Xente ao Lonxe e A Esmorga, que eran obras fáciles de conseguir para case todas as papalibros adultas en tempos de semiconfinamento. Nesta única sesión que poidemos celebrar con dez persoas contamos tamén coa compaña de Paco Veiga, que nos aportou datos interesantes que nos axudaron a enteder mellor a obra de Blanco Amor.
Ambas obras desenvólvense na Auria de principios de século XX, o Ourense natal de Blanco Amor. Resulta abraiante o coñecemento exhaustivo da vila e da lingua das clases populares que amosa na Esmorga para unha persoa que levaba tantos anos na Arxentina afastado do seu país. Cibrán o Castizo narra ante un xuíz unha xornada de troula na compaña de Xan, o Bocas, e Aladio, o Milhomes, que como na traxedia grega vai reunindo todos os ingredientes para un final fatídico. Os personaxes van facendo a súa odisea polas rúas e tabernas de Auria baixo unha choiva persistente que non dá opción a que os personaxes escapen que da fatalidade, que culmina no Campo das Bestas, o basureiro da cidade, a modo de descenso aos infernos, lugar común da literatura clásica. Un relato cunha importante carga de crítica social, de denuncia dos abusos das forzas da orde, da inutilidade da xustiza, da prepotencia das clases poderosas e unha chamada de atención a diferente condición sexual de algúns, construído cunha técnica narrativa innovadora e revolucionaria no seu momento.
Xente o lonxe ofrécenos unha visión coral do Ourense de principios de século no contexto da loita do movemento obreiro. Entre os personaxes destaca como líder natural Aser, o loitador xusto, coherente e honesto, que se entrega á causa obreira, o pai do narrador, pero son realmente as mulleres os personaxes máis completos e os que moven a acción, como Evanxelina, filla de Aser, herdará os seus ideais e continuará a súa loita ou a señora Andrea, un misterioso e case máxico personaxe é quen de axudar outras mulleres sacundido o poder patriarcal e facendo xustiza á súa maneira. A diferenza dos personaxes da Esmorga, os personaxes de Xente a o lonxe son quen de construír un futuro xuntos, a pesares de estar oprimidos.
Se melloran as cousas, na preimavera faremos en Ourense o roteiro da Esmorga e faremos por visitar o belén de Baltar, na Praza de San Cosme e Damián, en plena ruta da Esmorga, que tan ben retrata a eses xentes de Auria das que fala Blanco Amor.
Aínda coas máscaras, coas restriccións e coa distancia foi unha alegría poder xuntarnos fisicamente. A próxima quedada será por vídeo-conferencia para falar da nosa próxima lectura Del color de la leche, de Nell Leyshon. Oxalá poidamos recuperar a normalidade e volver neste curso ás nosas reunións de antes. Mentres, seguimos en contacto a través dese fío máxico que son os libros.
2020/10/25
OS PAPALIBROS VOLTAN!!
As ganas de ler e xuntarnos son tantas que non hai virus que poda cas e cos Papalibros. Esta semana comezamos a activar os nosos clubs de lectura, que este curso serán máis por mor das condicións sanitarias que estamos a vivir.
Este mércores 21 de outubro comezamos por 1º de ESO, onde tivemos que facer dos grupos porque temos case 40 Papalibros!!! Nesta volta tocoulles aos de 1º A e D.
Despois de xantar, seguindo estritamente o protocolo COVID, e xogar un pedaciño comezamos co noso primeiro libro, o cómic Soy una matagigantes, de Joe Kelly e Ken Niimura. Se cadra este non é un libro fácila para comezar en 1º de ESO, pero xa houbo varias rapazas e rapaces que foron quen de entender un pouco a historia que se nos conta, unha historia dunha rapaza bastante rara, Barbara Thorson, que ten un martelos para matar xigantes, ten algúns problemas na escola e parece que na súa casa hai algo raro.
As rapazas e rapaces de 1º de ESO non saben como era antes a biblioteca Xaquín Yebra. Para os que xa levamos un tempo aquí e vimos a evolución da nosa biblioteca ata convertirse nun espazo cálido e acolledor, fáisenos duro vernos así, tan separados, cando sempre adoitabamos arrexuntarnos todos arredor de dúas mesas unidas. Tamén é moi moi raro ver a biblioteca colocada como un aula... pero na situación na que vivimos non nos queda outro remedio.
Aos dous días desta reunión, comunicóusenos que debido ao nivel 2 no que se atopa a provincia da Coruña, non poderemos facer este tipo de xuntanzas ata que melloren as condicións sanitarias. Mentres tanto, aproveitaremos para ir organizando o resto de grupos para cando poidamos volver xuntarnos. E por suposto aproveitaremos para ir lendo moitos libros na casa e nos recreos!
2020/06/12
#Papalibros_confinad@s. FELIZ VERÁN CHEO DE LECTURAS!!
Revolución Detrito, Xosé de Cea
Houdini: el rey de las esposas, de Jason Lutes e Nick Bertozzi
Club de Xuvenil
Revolución Detrito, Xosé de Cea
Izan o da saca, Xabier Quiroga
El arte de volar, A. Altarriba e Kim
Arctic-Nation, cómic da serie Blacksad, Juan Díaz Canales e Juanjo Guarnido
Club de Adultos
Seique, Susana Aríns
Cuatro hermanas, Jetta Carleton
Todo canto fomos, de Xosé Monteagudo
Sen piedade, de Pedro Feijóo
Presas fáciles, de Miguelanxo Prado
Patria, de F. Aramburu
2020/05/22
#Papalibros_confinad@s: Patria, de Fernando Aramburu
Patria afronta o conflito vasco presentándonos a dúas familias que poderían ser representantes dunha boa parte da poboación de Esukadi: unha familia vítima de ETA, e outra abertzale na que un dos seus membros é un preso da banda armada. Máis que a vítima, el Txato, e o seu posible verdugo, Joxe Mari, as figuras centrais destas familias son Bitorri, a viúva do Txato, e Miren, a nai de Joxe Mari, auténticas matriarcas, noutro tempo amigas íntimas e agora enfrontadas. Xabier, o honesto fillo de Bitorri, que vive nun pozo de tristeza do que non pode saír, Nerea, a filla que baixo unha fachada de frivolidade, intenta levar o dó á súa maneira e pasar páxina. Aránzazu, a filla de Miren, xusta, íntegra e valente que parece expiar as culpas da familia sufrindo un ictus que a deixa encarcerada nun corpo inerte. Gorka, o fillo pequeno e poeta de Miren, que consegue escapar da presión abertzale do pobo e facer a súa vida xunto ao home que ama. Joxian, o marido de Miren, que deixa que decidan por el e non tivo a valentía de seguir estando ao lado do Txato, o seu amigo da alma, cando empezou a recibir ameazas. Outros moitos personaxes pululan ao longo da novela: Guille, o marido de Aránzazu, nacionalista español, Quique, o vividor, case playboy marido de de Nerea que non se decanta claramente, pero odia a ortodoxia abertzale, o cura don Serapio bendecindo as accións violentas, as veciñas e veciños, amigos... paralizados polo medo.
Mari Pardo, que viviu no País vasco até os 20 anos axudounos a entender moitas cousas e compartiu con nós as súas vivencias do conflito. Na nosa charla chegamos a conclusión de que Patria é un relato áxil, as súas máis de 600 páxinas lense con moita facilidade. Escasean as descricións, os personaxes defínense polos seu diálogos, polas súas palabras nunha linguaxe repleta de xiros e modismos vascos. Mari, que viviu no País vasco até os 20 anos axudounos a entender moitas cousas e compartiu con nós as súas vivencias do conflito.
O autor, que escribe o libro despois do anuncio do alto ao fogo de ETA, é capaz de manter a tensión nun relato no que xa coñecemos o final tráxico e que parte en busca dunha explicación que permita entender os feitos e dunha reconcilación que finalmente lógrase. Non só se denuncia a violencia que sofren as vítimas, senón tamén o ostracismo ao que se condena ás súas familias, o turbio papel da igrexa ou de algúns curas, a violencia empregada polas forzas da orde en comisarías e prisións, a manipulación dos militantes máis novos pola banda armada... E despois de todo isto xorde a pregunta, son sólo vítimas de ETA os e as que sufriron a súa violencia directa ou tamén todas aquelas persoas que sacrificaron as súas vidas e os seus soños por unha idea de patria falsa e excluínte que lles venderon?.
2020/04/23
#Papalibros_confinad@s. Celebramos o día do libro.
![]() |
| Pila de libros de Noa Varela Pardo, de 4º de ESO |
![]() |
| Lúa Varela Pardo, de 1º de ESO con algúns dos seus libros favoritos |
![]() |
| Icía García Carregal, de 3º de ESO xuntou un montón novelas e os seus mangas favoritos |
![]() |
| Carmen Vicente, de 3º de ESO, escolleu A todos los chicos de los que me enamoré de Jenny Han |
![]() |
| María Fuciños, de 2º de BAC, De catro a catro, de Manuel Antonio, todo un clásico da poesía galega na preciosa edición de El Patito Editorial, ilustrado por Pablo Otero |
2020/04/21
#Papalibros_confinad@s
No club de adultos animámonos e, aínda que moitas non controlamos moito de imaxe, si que conseguimos comunicar o que nos aporta a lectura, que é o que importa. Veña, a que agardades @s máis nov@s?
2019/11/26
REVOLUCIÓN DETRITO CON XOSÉ DE CEA
A pesar da súa miseria, Ticho cría nos contos de fadas. Decotío, a esperanza dos pobres ten forma de milagre, de maná caído do ceo, de fada madriña que che vén sacar das leas a golpe de variña máixica. Así e todo, crendo como cría nos contos de fadas, Ticho quedou de pedra cando topou cun trasno na mina de carbón na que traballaba.
2019/10/25
OS PAPALIBROS VAN DE COMPRAS!
Como vén sendo costume, xa case institucionalizado, os Papalibros celebramos o comezo dun novo curso de lecturas cunha viaxe a Compostela para asistir a un espectáculo do Festival Internacional de Títeres Galicreques 2019. Como xa explicamos máis abaixo, o espectáculo foi Cronopios, a cargo de Tres Tigres Teatro, Títeres Cachirulo y Chachakün e previamente informámonos un pouco sobre Julio Cortázar e o seu mundo de cronopios, famas e esperanzas.
Pero para moitos Paplibros o mellor desta xornada forn as visitas, máis rápidas do que nos gustarían, que fixemos ás librarías Follas Novas e Alita, esta última especializada en manga e cómic.
Mercamos nas dúas libros para a biblioteca elixidos polos Papalibros. Nos dous establecementos foron moi amables con nós. En Follas Novas incluso nos agasallaron a cada un cun libriño.
Tivemos que rexistrar a toda présa as novidades mercadas e xa voaron dos andeis, pero pásate pola biblioteca, que aínda queda algo.
2019/10/23
INAUGURAMOS O CLUB DE ADULTOS CON SUSANA S. ARÍNS
O pasado mércores 9 de outubro arrancamos o club de adultos cunha invitada de luxo, Susana Sánchez Aríns, para falarnos do seu libro Seique. Como en anteriores ocasións, cando temos unha escritora ou escritor convidado, acudiron tamén a nosa xuntanza algunhas (ávidas) lectoras do Club de xuvenil, como Omaira Vidal e María Fuciños.
Para definir este libro non podemos evitar repetir o que din as lapelas: "Seique non é un poemario, Seique non é unha novela, Seique non é un ensaio, Seique non é unha investigación histórica, porén, Seique recolle algunha cousa de cada un deses xéneros...". Seique é un relato poético que nos mergulla na memoria e o esquecemento dun pasado familiar no que conviven vítimas con verdugos.
Ao modo dunha rapsoda, no seu sentido etimolóxico de "zurcidora de cantos", a autora vai cosendo triscos de conversas que escoita na casa e fóra dela, triscos de historias que non están nos arquivos porque aínda que "a história a escrevem os vencedores, mas também é certo que a inescrevem", os paseos, as execucións, os expolios, a múltiples formas de represión... no ficaron por escrito.
Susana S. Aríns ten a valentía de tratar de reconstruír a historia dun seu tío que foi un temido represor da zona do Salnés, unha persoa ruín que era malo tamén de portas para adentro. Ao longo do libro repétese a modo de coro de traxedia grega "Se foi así de malo cos seus, como sería cos de fóra". Ten a valentía de reabrir feridas para tratar de sandarlas, de seguir adiante a pesares do medo de que o pus da ferida alcance aos que aínda están vivos e medraron "com a sensaçao de que seu pai pôde ser culpável de algum tipo de delito ou de que pôde ter un comportamento similar ao dos repressores."
As case tres horas que estivemos con Susana pasaron voando. Apenas nos chegou o tempo para falar do libro, da memoria e desmemoria histórica, das vítimas. Coñecimos primicias da segunda edición de Seique como historias engadidas do tío Manuel, un magnífico cadro xenealóxico a cargo da ilustradora Rosa Herraiz Cabanas e as fotografías familiares que compartiu connosco Susana.
Onte enterámonos de que a súa tradución ao castelán Dicen acaba de gañar o premio ao "Mejor libro del año" na categoría de ficción que concede o Gremio de Libreros de Madrid. Merecidísimo, parabéns, Susana, agardamos con ansia ese roteiro prometido e esa 2ª edición que ten que estar a puntiño de saír.
2019/10/12
INAUGURAMOS NOVA TEMPADA
2019/06/14
DESPEDIDA DO CLUB DE ADULTOS CON MANUEL GAGO
O mércores 12 de xuño despedimos o club de persoas adultas cunha compañía de luxo, Manuel Gago, que acudiu por segunda vez a noso centro para compartir con nós impresións da súa última novela, O exército de fume.
O Exército de fume desenvólvese na Galicia da postguerra, nos anos da 2ª Guerra Mundial e dá conta da conivencia entre o réxime franquista e a alemania nazi deste período. Gago, combinando maxistralemente feitos históricos con fición, cóntanos como un grupo de homes e mulleres unen as súas forzas para frear o avance do III Reich e minar a súa presenza no territorio galego, coa esperanza de que iso podería acabar co réxime de Franco.
Esta é unha novela que homenaxea aos guerrilleiros e guerrilleiras galeg@s antifranquistas, eses heroes que non triunfaron e non pasaron aos libros de historia. Tal como aclara o autor na nota final: "...en que medida o heroe só o é cando resulta vitorioso; de caer derrotado, adoita mergullarse na negrume do esquecemento". Personaxes como Ramallo, Regos, Charo, Camilo... son trasuntos de Foucellas, o Gardarríos, Chelo ou Gómez Gayoso, que aínda non están nos libros de texto.
Por outra banda está a figura do pintor Urbano Lugrís como prototipo do creador brillante atrapado pola miseria moral do franquismo, pero que tamén conseguirá ser un heroe nesta historia.
Tamén poderíamos dicir que esta é unha novela feminista xa que fala de mulleres que queren ser visibles e decidir sobre a súa propia vida, como Celia, unha das protagonistas.
Gago explicounos a xénese desta poderosa historia e ademais fíxonos reflexionar sobre algúns aspectos da nosa propia identidade: porque na cultura galega non temos heroes ou non explotamos a nosa propia historia como sucede noutras culturas?
Este foi o broche de ouro de este curso, no que limos as seguintes lecturas:
2019/05/31
DESPEDIDA DO CURSO EN FURELOS
O luns a mediodía tocoulle ao club de xuvenil, 3º e 4º de ESO e 1º de BAC. Ao longo do ano limos en común os seguintes libros:
Individualmente, as nosas lectoras e lectores leron un montón de títulos máis, que comentamos nas nosas reunións.
O mércores foi a quenda dos máis pequenos, o club de benxamíns de 1º e 2º de ESO. Neste club houbo moita lectura individual ou en pequenos grupos. Devorouse moito manga, que xa non poñemos neste listado, porque non daríamos abasto. En común tentamos ler os seguintes títulos:
Kafka y la muñeca viajera, de Jordi Sierra y Fabra
O corazón de Xúpiter, Ledicia Costas
Temos un agasallo sorpresa para tod@s @s Papalibros, pero non consegui chegar a tempo para esta data. En breve informaremos, estade atent@s.
2019/05/19
COMPARTINDO VERSOS CON LOIS PÉREZ
Se xa a lectura da súa obra Long Play puido deixarnos un tanto desconcertadas porque é un libro que rompe moldes, con banda deseñada, versións de cancións, prosa desternillante... a presencia de Lois acabou de rompernos os esquemas por completo, xa no principio, cando sacou a súa guitarra feita cunha lata de diesel reciclada. É que resultou que o noso convidado tamén é luthier!
Nun escenario moi amañadiño, coa axuda do gran David Canoura, a modo de pub, Lois recitou os seus poemas, cantou, berrou e fíxenos cantar e rir bastante a todas e todos coas súas per-versións de cancións.
E no medio desta sesión tan entretida descubrimos un poeta que combina maxistralmente esa viaxe persoal ao lado escuro, irracional... co xogo continuo, como o que fai coas iniciais L.P. do título, do seu nome e dunha serie de pintureiros personaxes inventados. Un poeta que é quen de encendernos de paixón en Amar en caso de incendio, arder en caso de amor, de denunciar os desastres da guerra no fermosísimo Berce e área ou de explicarnos a diglosia (Lady Glosia!!) cantando Satisfation. Longa vida a Long Play e longa vida á poesía.
2019/03/08
Obradoiro de creación literaria: Viva a fantasía
No club de benxamíns estamos a traballar co relato fantástico. Xabier repartiunos un material para ter un punto de partida: navia é unha rapaza que vive nunha illa afastada do mundo, que non recibe viaxeiros dende hai centos de anos. Todo o saber dos devanceiros está gardado nunha arca con tres cerrollos, custodiada polas anciáns do lugar. Navia quere coñecer mundo, pero para iso deberá acceder aos documentos da arca, construír unha nave e botarse a navegar nun mar cheo de monstros lendarios e mil perigos descoñecidos.
Navia escribe unha bitácora ou caderno de viaxe. No décimo terceiro día de viaxe a auga escasea e ela empeza a ter problemas par durmir. Que pasaría no vixésimo quinto día, no sexto ou no décimo cuarto?
Xa levamos dúas sesións e agardámosvos na terceira e derradeira o próximo mércores 20 de marzo.















