2009/02/01

O barón rampante, Italo Calvino


Si, Calvino, ese señor que os alumnos de Bacharelato coñecen pola súa defensa apaixoada da literatura en ¿Por qué leer los clásicos?, e todos os demais porque o inclúo un ano tras outro nas listas de libros, a ver se alguén pica...


O barón rampante é un dos meus libros favoritos, un deses clásicos que me acompañarán sempre dende que o lin na adolescencia: Estamos na frondosa Liguria de finais do XVIII. O pequeno barón Cósimo Piovasco di Rondò, ós seus 12 anos, decide subirse a unha das maxestuosas árbores do xardín familiar para manifestar a súa negativa a comer caracois e, por extensión, a compartir a mesa cos seus maiores: a súa irmá maior, unha auténtica freakie de época; o seu irmán pequeno, cronista da historia; a súa nai, unha prusiana que fai honra á sona de ríxidos e metódicos que tiñan os prusianos; o seu tío, que sempre viste á turca...

Ante semellante panorama, Cósimo xura non baixar xamais e cumpre escrupulosamente a súa promesa non abandoando en toda a vida o seu reino arbóreo. Dende as copas das árbores, este Tarzán decimonónico le, caza, diserta, ama (en concreto, á súa veciña, a loira Viola Ondariva)... é un máis na súa comunidade, que acepta a súa extravagancia, á vez que asiste, dende a distancia, con perspectiva, ós principais acontecementos da Italia da época (chega, incluso, a entrevistarse con Napoleón).

Témolo na biblioteca, en galego, en castelán e integrado no volume Nuestros Antepasados, xunto a El vizconde demediado e El caballero inexistente, outras dúas pequenas xoias para seguir adentrándose no mundo de Calvino. Pequenos Papalibros, ¿É necesario seguir insistindo en que paga a pena lelo?

Cristina


4 comentarios:

Anónimo dixo...

Foi un dos libros que máis me entretivo e fixo voar a miña imaxinación. Lendo o teu comentario danme ganas de volvelo ler.

Anónimo dixo...

Este libro gustoume, porque cando o estaba lendo, facíame meter na pel deste rapaz e as súas aventuras, é coma se eu vivira o mesmo ca el. Deste libro non houbo nada que non me gustara, porque disfruto con todos os libros de aventuras. Recoméndollo a todo o mundo

Anónimo dixo...

a min o de ¿por que leer los clasicos?gustoume,pareceume que estaba ben escrito. uff non sei se me dara tempo a collelo nos carnavales(xa me comprometin con libro de adolfo..) pero en canto pasen as exames leereino.

SILVIA dixo...

A min este libro gustoume moito tívome moi entretida a ademais engancheime a el dende o primeiro dia ainda que o principio non me tiña moi boa pinta!gustoume moito como o protagonista aínda que esta nun árbol fai toda a sua vida ali con total normalidade. Esta moi ben e animo a xente a que o lea.
Silvia