2009/02/01

Fun Home. Una familia tragicómica



"Todas las familias dichosas se parecen, pero las infelices lo son cada una a su manera", afirma Tolstoi no célebre comezo de Ana Karenina. Na estela do grande narrador ruso, Alison Bechdel amósanos a infelicidade peculiar da familia de Fun House, os rincóns máis escuros dunha casa, que a protagonista vai revelando aos poucos, alixeirando o relato cun ton cínico e algunhas pingas de humor, saltando de ano en ano, de anécdota en anécdota, coma nun libro de memorias.
Coa axuda de referentes literarios tan coñecidos como Joyce, Proust, Camus ou Fitzgerald, a autora explícase e explícanos o descubrimento gozoso da súa homosexualidade durante os seus anos universitarios, contrapoñéndoo á incapacidade do seu pai, homosexual "armarizado", de asumir abertamente a súa sexualidade.

Recoñecido como un dos mellores libros do 2006, Fun House ofrécenos unha nova visión das sempre complexas relacións familiares, que lembra á ollada escéptica, entre irónica e amarga, das películas de Wes Anderson (recoméndovos a súa última proposta, Viaxe a Darjeeling) ou de series tan coñecidas como Os Simpson, Os Soprano ou A dous metros baixo terra. En resume, un libro imprescindible que vos agarda no rincón de cómics da nosa biblioteca.
Cristina



2 comentarios:

Andrea dixo...

A verdade e que a min este cómic gustoume,pero non tanto como "Pildoras Azules" ou "Persépolis".A partir do 3º capítulo si que me gustou máis,pero os dous primeiros costáronme un pouco.Aínda así pídovos unha oportunidade para el e que o intentedes ler pois acábase bastante rápido e en conxunto sí que resulta un libro entretido.

eSme dixo...

Eu desde logo tamén o recomendo! Empecei un dia con este e con "Pildoras Azules" e desde aquela engancheime ós comics! Asique para comezar no mundo da novela grafica estan moi ben.