2015/05/08

CARLOS NEGRO DE NOVO EN MELIDE

Outra vez alumnado do IES de Melide, neste caso 3º de ESO, tivo a sorte de volver disfrutar da presenza de Carlos Negro,que desta vez nos presentou o seu poemario de Penúltimas tendencias, sen deixar de redordarnos algún poema de Makinaria. Na actividade actividade estiveron presentes moitas Papalibros, e unha delas, Iria Barreiro, de 3º B, fai esta magnífica crónica da xornada:

O pasado xoves 7 de maio, o escritor galego Carlos Negro (Lalín, 1970) agasallounos aos alumnos e alumnas de terceiro da ESO cunha interesante e divertida charla sobre dous dos seus grandes éxitos na literatura xuvenil: Makinaria e Penúltimas tendencias. Makinaria é un conxunto de poemas que tratan da vida aloucada dos mozos de 18 anos, que soamente pensan en queimar a goma das rodas e sentir a euforia correndo polas súas veas, sen importar o que ninguén lles diga, ata que é demasiado tarde. Con ela, trata de nos facer ver o ridículo da situación para evitar que sexa demasiado tarde tamén para nós. Penúltimas tendencias é tamén un conxunto de poemas que falan da gaiola que atrapa a xente coas súas revistas Super Pop e Megafashion, que nos fan ver que o mundo é rosa, que nos din como debemos ser para poder triunfar na vida…, e con ela o autor quere facernos ver que nós somos únicos na nosa forma de ser, e non como os demais queren que sexamos. Carlos Negro comezou contándonos o conto portugués Unha princesa do pior. Nese momento xa nos deu a amosar unha pequena parte do seu carácter tranquilo e animoso. Continuou falándonos un pouco sobre Makinaria, onde se demostrou que Carlos Negro é unha persoa moi agradable e divertida. Despois de mostrarnos uns coches de xoguete musicais para presentar o argumento de Makinaria, fíxonos rapear un pouco algúns poemas como "Sound Play Session Vol. 1" ou "Nota Necrolóxica", facéndonos tamén pasar un bo anaquiño.
Pero ao que dedicou a maior parte do tempo foi a Penúltimas tendencias. Ensinounos o contido do seu baúl, que contiña os obxectos nos que se inspirara para escribir a súa obra, non sen antes parodialos un pouco. Ensinounos o seu diario de One Direction, ou a súa tétrica boneca Corvo, que a pesar de ter un carácter escuro, ten tamén un corazón moi puro, como nos ensinou Carlos. Despois de mostrarnos que nós eramos únicos ensinándonos o noso reflexo nun espello, agasallounos ademais cunha dedicatoria a aqueles que a quixemos, identificando cun simple saúdo que lle entregabamos, a frase que mellor encaixaba co noso carácter (e sorprendentemente, conseguiuno).
Na miña opinión, ademais de falar claramente e abrirnos a nós un pouco os ollos, Carlos Negro é unha moi boa persoa que nos marcou a todos un sorriso na cara ademais dunha pegada no corazón.

Ningún comentario: